As Xornadas Martín Sarmiento do galego do Bierzo recalan este ano en Cacabelos
Este 9 de marzo, na sea décimo quinta edición, as Xornadas Martín Sarmiento desprazánse a Cacabelos para celebrar o Día do Galego nos centros docentes do Bierzo.
O motivo fundamental é promocionar o Premio Morales, cuxo lema Chegaron os romanos aparece ligado a esta vila berciana onde viviu e está soterrado o cantor en galego do Bierzo, Antonio Fernández Morales. As xornadas recuperan os intercambios didácticos e lúdicos para alumnos/as do Programa de Galego que vidos de distintos puntos do Bierzo presumen de cultura e identidade.
O acto central que se levará a cabo no Cine Faba será a entrega de premios, presentación da páxina web e a convocatoria da IV edición dos Premios Morales 2024. Tamén se lembrará o centenario do autor de Vilafranca Antonio Pereira, que ten obra traducida ao galego.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento, os centros docentes do Programa de Galego, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Filandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.
Programa das Xornadas
9.30h. Apertura do encontro de secundaria. O colectivo cultural Filandón Berciano exporá o seu modus operandi e o valor da lingua nas actividades que leva realizando co patrimonio inmaterial do Bierzo.
11h. Dirixiranse cara o Cine Faba para participar no acto de entrega dos Premios Morales. Intervirán as entidades e autoridades organizadoras desta III Edición que ademais de facer entrega dos premios, presentarán a web OGALEGONOBIERZO.ORG e anunciarán a convocatoria da IV edición dos Premios Morales.
12h. Actuación musical de Paco Nogueiras.
16h. Mesa de traballo. Convocatoria da cuarta edición os Premios Morales, impulsados polo Grupo As Médulas para a lingua e cultura galegas no Bierzo coa colaboración das autoridades e entes que tamén contribúen á posta en marcha das presentes Xornadas.
2oh. Encontro de docentes, autoridades educativas, Real Academia Galega, administraciois e asociaciois culturais bercianas para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo, entre outros a elaboración do borrador dun convenio de colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello Comarcal e outras entidades culturais do Bierzo.