[CRÓNICA] Bierzogal máis institucional
JAVIER LAGO MESTRE | Un ano máis celebramos o Día do galego no Bierzo. O 9 de marzo festexamos o nacemento de frei Martin Sarmiento, o grande erudito do século XVIII, vencellado coa nosa rexión. Os falantes sentímonos moi fachendosos por manter a vitalidade da nosa lingua tradicional. Idioma que nos une con Galiza e que se fai internacional co portugués. Neste senso os bercianos temos que valorizar máis a importancia de ver a nosa lingua normalizada nos territorios lusófilos.
Durante séculos o galego do Bierzo estivo restrinxido nos eidos familiar, veciñal e rural. Sucesivas políticas estatais mermaron o uso institucional do galego ante a oficialidade do castelán. Ademais, desde a metade do XX a emigración económica forzou a masiva perda de falantes. Sen embargo, coa mudanza deste milenio chegou a hora de reivindicar dereitos lingüísticos. Velaí o recoñecemento do galego do Bierzo no Estatuto de autonomía de Castela e León e tamén na Lei autonómica da nosa Comarca.
A nivel institucional salientamos o caso do ensino do galego. As comunidades escolares demandaron poder estudar galego nos seus centros. Tras moita presión social, as autoridades educativas cederon e permitiron ofertar galego. Aínda houbo que agardar a sinatura dos protocolos entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León para executar a necesaria política educativa. Así o alunado berciano xa pode demandar o ensino do galego de xeito voluntario.
Agora ben, os problemas escolares continúan. Non se entende que no Bierzo occidental, territorio histórico galegofalante, haxa hoxe centros escolares onde non se oferta este idioma. ¿Por qué non se imparten clases de galego na Veiga de Valcarce, Quilous, Carracedelo, Fabeiro ou na Veiga de Espiñareda?. A razón é clarexa, ainda hai resistencias internas nos propios centros escolares á oferta lingüística galega. Isto é así polos medos ao bilingüismo, prexuízos persoais, etc. Por todo isto hai que esixir que o galego sexa de oferta obrigatoria nestes centros, e de demanda voluntaria para o seu alunado.
A política oficial sempre trata ás minorías lingüísticas con trampas. Non nos queren conceder dereitos lingüísticos plenos, através da declaración de oficialidade para o galego. Por iso xogan cos falantes, e recoñecen dereitos linguïsticos parciais, moi restrinxidos. Con esta peculiar estratexia política foránea o uso institucional do galego nas administraciois públicas é mínimo.
Na rexión berciana temos varias instituciois locais, casos do Consello comarcal, concellos e pedanías. Por suposto hai que deixar aparte a Deputación de León, que gasta cartos públicos para a promoción do leonés mais nada para o galego. O seu Instituto leonés de cultura considera o noso idioma foráneo. Para León os bercianos somos leoneses cando pagamos os seus impostos, e perigosos galegueiros cando falamos nosa lingua.
As anteditas tres instituciois locais non teñen diñeiros para o uso administrativo do galego. Alén desta problemática hai que unir esforzos. O Consello comarcal ben podería crear un Servizo lingüístico de fomento do uso administrativo do galego nos entes locais bercianos. As súas funciois serían de tradución, ensino para empregados públicos, elaboración de documentos bilingües, páxinas web, redes sociais, propaganda institucional, etc. Por suposto, convén sinar un novo convenio interinstitucional coa Xunta de Galicia para crear ese Servizo lingüístico berciano.
Os nosos entes locais poden facer moito máis polo galego. Recordemos que hai unha toponimia que debe ser protexida. A nosa lingua galega tradicional fundamenta os nosos topónimos históricos. Sen o recoñecemento político e xurídico pode ser progresivamente castelanizada. Así acontecera cos castrapos, río Valcarcel, castelo de Cornatel, Barjas, Sotelo, Pereje, etc. Necesitamos a colaboración da Comisión toponímica de Galiza para normalizar os nosos nomes históricos.
Se queremos normalizar o noso idioma galego no Bierzo necesitamos a axuda de Galiza. Illar a nosa cultura galega por problemas políticos é unha condena de morte. Temos o caso do turismo rural. Vilafranca tiña que aproveitar máis os vincallos galegueiros. Son os salientables casos de frei Martín Sarmiento, etnoturismo e mailo señorío Lemos-marquesado (castelos, mosteiros…) que ben poderían atraer centos de turistas galegos coa axeitada difusión interrexional.
A promoción turística conxunta con Galiza cómpre facela. Referímonos aos casos dos Ancares, Serra da Enciña da Lastra, explotaciois romanas das Médulas e Valdeorras, minas wolfran, rota Sileste, camino de inverno, etc. Non podemos rachar territorios vecinos por políticas aloucadas feitas en Valladolid e León. A lóxica turística non ten lindeiros administrativos no alto das serras comentadas. Que o que une o turismo non o desfagan as políticas localistas. Necesitamos recuperar roteiros comúns e continuados, con sinalización na lingua tradicional galega. Novas estradas e camiños que beneficiarán tanto a Galiza coma ao Bierzo.
De remate, outras instituciois menores poderían facer máis polo galego. O Instituto de Estudios Bercianos e mailo Consorcio da Reserva da Biosfera dos Ancares non usan o galego. Sabemos que fan a recompilación do patrimonio inmaterial, caso dos léxicos tradicionais. Mais, de nada serve recoller verbas illadas fóra do seu contexto idiomático, é dicir, da lingua galega na que inseren o seu significado e funcionalidade. Incluso se convocan concursos de investigación (Antonio Estevez) e non se admiten traballos en galego. Chegarán os tempos renovados.
O Bierzo, marzo de 2023.