[CRÓNICA] As Letras Galegas e os icebergs contra o entusiasmo
HÉCTOR SILVEIRO | No Bierzo segue sendo dificultosa a travesía dos dereitos lingüísticos.
En Galicia celébrase hoxe o Día das Letras Galegas, mais no Bierzo, con respecto a lingua galega, esa que nos confire identidade, lamentablemente non estamos para celebraciois. Unha inxustificada negativa a introducir o galego nun instituto berciano, como un iceberg nunha viaxe por mar, pon en evidencia a fraxilidade na que se atopa, unha vez máis, esta riqueza patrimonial que posuímos e amosa a debilidade do Programa de Promoción do Galego que vén sendo a vangarda do traballo a prol do idioma na comarca e a esperanza dun futuro mellor.
Efectivamente hoxe 17 de maio é o Día das Letras Galegas, unha data festiva que se estende a todos os territorios galegofalantes. Conmemórase nesta data dende o 1963 o aniversario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra que inaugura a literatura galega contemporánea. Foi un evento que naceu hai 60 a proposta dun académico, Francisco Fernández del Riego, un lugués casado cunha valdeorresa, un dos fundadores da editorial Galaxia que este ano é precisamente o homenaxeado pola Real Academia Galega. No Bierzo deberíamos estar de festa, pero a negativa do equipo directivo do IES de Fuentesnuevas á introdución do galego nese centro de ensinanza berciano, a pesar do reiterado interese das nais e pais do seu alumnado, semella ser un novo iceberg que pon en perigo unha vez máis a difícil travesía dos dereitos lingüísticos nesta comarca.
Todo o mundo sabe o que é un iceberg. Está asociado ineludiblemente na nosa mente ao triste naufraxio do Titánic. Pero vaiamos da metáfora ao asunto. Non é unha, nin dúas, son tres as AMPAS que reclaman formal e publicamente que, no próximo curso académico, se lle abran as portas ao galego no Instituto de Fuentesnuevas, algo que a dirección e o claustro de dito centro seica se negan a tramitar sen argumentación algunha que sosteña tal torpe determinación por parte dos docentes. Por outro lado, dita solicitude de parte da comunidade educativa dos centros de Primaria adscritos ao instituto de Cuatroventos e Camponaraia e do propio centro de Secundaria de Fuentesnuevas constitúe unha razón de máis como para poñer en marcha o pertinente protocolo de introdución da lingua. Invitan a realizar dicho trámite tanto unha orde publicada o pasado 4 de abril por Educación de Valladolid como outras directrices anteriores tan válidas como a presente. Estamos falando dun dereito que os galegofalantes bercianos temos e que se concreta na posibilidade de matricularse no Programa de Promoción do Galego de xeito voluntario, unha opción cargada de oportunidades laborais de futuro ao poder titular o alumnado no remate da ESO cun certificado CELGA, un dereito que, no caso de non activar este proceso, digámolo unha vez máis, se lle está imposibilitando exercer á cidadanía. Lembremos que unha parte considerable de alumnos/as estiveron matriculados durante os cursos de Primaria no chamado Programa de Promoción da Lingua Galega. Resulta, na nosa opinión, aínda máis grave o feito de que a raíz desta negativa inicial por parte dos profesores, a administración educativa se amose insensible e fría ante a firme reivindicación e demandas xustas das familias. Parece obvio que a administración debería actuar de oficio a través da inspección de León, por exemplo, para facilitar unha solución que resolva o conflito.
Debemos concluír entón que os bercianos e bercianas en 2023 seguimos navegando contra a historia, esquivando un mar de obstáculos coma se estivésemos aínda baixo a bota antidemocrática de Franco, xa que as autoridades educativas actuais parecen perpetuar, co seu silencio administrativo, aqueles tempos grises nos que os gobernantes desoían por norma as reclamaciois dos cidadáns. Pero a realidade é que os nosos dereitos resultan hoxe legalmente evidentes e palpables, formando parte indiscutible da nosa identidade. Hai xa vinte anos que existe un Programa de Promoción do Galego no Bierzo que é un éxito grazas a que máis de mil familias bercianas, en 11 centros de Primaria e 4 de Secundaria, corroboran e ratifican coa súa matrícula curso a curso a súa necesidade, a súa razón de ser.
A pesar da gravidade destas circunstancias que denunciamos quixeramos, de todos os xeitos, ver a botella medio chea e unha navegación ceibe de obstáculos. É posible? Como? Resulta mui sinxelo. Aínda se está a tempo de abrir a matrícula para o curso que vén no IES de Fuentesnuevas incluíndo a opción do Programa de Galego. Insistimos, a pelota certamente está no tellado da administración educativa que polo de agora garda un silencio digamos habitual, pero pouco tranquilizador. Nace así a lóxica preocupación e as nosas dúbidas. Estase apostando realmente polo Programa de Promoción do Galego asinado pola Junta de Castela e León e a Xunta de Galicia cuando se mostra esta falta de sensibilidade cara ás familias dun importante número de alumnos/as bercianos que resultan claramente perxudicados?
Cremos que esta situación ben merecía unha reunión extraordinaria da Comisión de Seguimento do citado Programa de Promoción do Galego no Bierzo antes de que remate o actual curso escolar. Espérase da administración educativa que exerza como tal, que manifeste unha implicación e dilixencia maiores atendendo as demandas que se lle fixeron chegar polas propias AMPAS de Fuentesnuevas, Camponaraia e Cuatroventos e que se derivan do acordo establecido entre a Xunta e a Junta e que aconsellan mesmo as instituciois da Comunidade Europea a través da Carta das Linguas Rexionais e Minoritarias de Europa que asinou no seu día o Estado Español.
Neste Día das Letras, botamos en falta unha figura como a Francisco Fernández del Riego, un presidente da Academia entusiasta aos 84 anos de idade que foi quen de anovar dinámicas na vella institución e de albiscar un futuro esperanzador para a nosa lingua, precisamente animado polo vigor da presenza do galego en muitos centros de ensino. Elevamos, logo, neste día tan sinalado unha solicitude de urxencia dende O Bierzo ao actual Presidente da Academia, fiel continuador de Fernández del Riego, para que se procuren vías de acordo entre a cidadanía, o profesorado e as autoridades educativas implicadas neste tema tan transcendente e importante para a nosa lingua. Desexamos, pois, se faga posible unha travesía sen icebergs, co entusiasmo desas mil primaveras máis para o galego das que falaba Cunqueiro, un bon amigo de Don Paco, para todos os territorios galegofalantes incluíndo, claro está, a comarca berciana.
- Héctor M Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.