[CRÓNICA] O Bierzo máis gaiteiro
JAVIER LAGO MESTRE | Na rexión do Bierzo a gaita galega cada día ten máis prestixio. Velaí a súa presencia nas festas populares, nas bandas de gaiteiros, nos grupos etnomusicais, etc, ademais medran os novos gaiteiros que saen das escolas municipais. Hoxe os nosos gaiteiros teñen que competir no mercado coas outras músicas de moda (pop, rock, electro, iberoamericana, anglosaxona, etc). E, no eido tradicional, seguen as desputas históricas entre gaiteiros e tamborileiros por acadar o protagonismo na música tradicional.
Os antigos gaiteiros xa tiveron que defender a súa música fronte aos seus opositores. Recordemos por exemplo as resistencias da Igrexa que tentou botar fóra as gaitas das festas relixiosas. A gaita foi mal vista polos clérigos porque, para eles, tiña unha clara simboloxía sexual, coma órganos sexuais masculinos. Por iso representa a música profana fronte á relixiosa. E se a gaita tende a moverse ceibe, moi solta, todo é provocación erótica, na xoldra festiva, ante os ollos da oscenidade.
A Igrexa tratou de imponer a súa ideoloxía relixiosa. A nivel musical, primaba unha música celestial, representada polos dignos órganos, fronte ás advenedizas gaitas populares. A gaita galega estaba moi presente no bispado de Astorga, nas comarcas do Bierzo e Valdeorras. Pois ben, aínda no ano 1903 continuaba o debate sobre o uso da gaita nas funciones relixiosas. Sabemos isto grazas a un texto publicado no xornal católico La Luz de Astorga. Neste lemos que, segundo unha Instrucción sobre música sagrada (1903), do papa Pío X, a gaita, “por ahora la tenemos como prohibida”, aunque os bispos, “verán a su tiempo si puede permitirse o por lo menos tolerarse este instrumento”. O redactor clerical valora a súa mala influencia instrumental, “en el disloque de los bailes, el descuaje de los báquicos magostos y el delirium tremens de las bodas”. Como nota final negacionista para a gaita, comenta que, “de momento a callar…”.
Mais a persecución da gaita xa viña de séculos atrás. Así os cregos composteláns, que tiñan posesiois no Bierzo, propuxeron a confiscación das gaitas ás autoridades locais (1736), “y porque suelen hacer las romerías más por diversión que por devoción, llevando instrumentos músicos como punteros, gaitas, adujes, sonajas, etc” (Pegerto Saavedra, 1994). Polo que toca ao noso Bierzo ocidental, Olivier Soto Abella recolle documentación parroquial sobre o uso de gaitas en actos relixiosos.
Para executar esta campaña represiva de la cultura popular, foi fundamental o traballo dos visitadores do bispo de Astorga nas freguesías bercianas. Nesta dinámica eclesial sabemos do visitador do mosteiro de S. Pedro de Montes que proibe as danzas na ermida da Aquiana (1697) e na igrexa do cenobio (1702) (Vicente Fernández Vázquez, 2003). No século XVII atopamos algún gaiteiro acompañando as danzas da Oitava do Corpus en Ponferrada (Pilar Saenz de Tejada, 1994). En Vilafranca, durante a celebración do Voto da Inmaculada Concepción (1626), houbo “toques de campanas, tamboriles e gaitas” (V. Fernández Vázquez, 2003).
A chamada literatura popular berciana recolle tamén abondas coplas gaiteiras. “Ai! gaita, canto te quero, canto te quero, gaitiña, miña xoia, miña bruxa, miña meiga, miña amiga”. Nas festas populares teñen máis sona coas gaitas, “a mellor festa galega ten que lucir un gaiteiro”. Incluso entre as localidades xorden os piques musicais, “En Vilasumil tamboril, en Sorbeira máis gaiteira”. Os poderes locais tamén en desputa, “campás por gaitas, e cregos por danzantes”, son os concellos rurais contra as freguesías.
Por suposto, no século XIX as gaitas estiveron presentes nas festas das vilas e aldeas bercianas. O escritor Antonio Fernández y Morales recolle nos seus escritos varias referencias aos gaiteiros bercianos (Villafranca y la vendimia, O San Roque en Paradela, O gaiteiro de Sorribas…). Nos programas festivos de Vilafranca non faltaron as gaitas, “contratación de gaiteros de Tribes, Os Trintas” (El Eco de Santiago, 1902). Cando os vilafranquinos preparan a viaxe en tren para celebrar o Día regional de León, lemos “ya están dispuestos los gaiteiros” (Proa, diario de Falange, 1939). Na romaría da capela de Quintela do Bierzo, “simpáticos gaiteros amenizaron la romería” (xornal La Provincia, 1924).
Outro tanto aconteceu en Ponferrada. Nas sucesivas festas da Encina non faltan os gaiteiros. Casos dos programas festivos de 1893 e 1908. Anos despois lemos “tradicional procesión de la Virgen de la Encina, asistiendo a ella las autoridades locales, bandas de música y los gaiteros” (La Correspondencia de España, 1912). Desde Galicia recoñecese a presenza de gaiteiros no Bierzo, “gaiteros de Palencia y del Bierzo que alegrais las fiestas aldeanas” (Boletin Monumentos de Ourense, 1913). Nos programas festivos das décadas de 1950 e 1960 contaron coa presencia de novos gaiteiros en Ponferrada.