[CRÓNICA] O galego chega ao Congreso
JAVIER LAGO MESTRE | Temos de novo grande debate político no Congreso dos deputados co uso das linguas oficiais do Estado. Por suposto que os galegofalantes estamos ledos coa iniciativa que permitirá facer política en galego nos vindeiros días. Atrás quedarán os tempos en que se censuraban as verbas noutras linguas minorizadas pola presidencia de turno.
Non se pode entender que a política estatal estivese restrinxida ao idioma castelán. Os demais falantes das declaradas coma linguas oficiais tiñan o dereito a expresarse no seu idioma propio. A representación política está vencellada claramente á liberdade de expresión. E ésta maniféstase através da liberdade lingüística. O político de provincias poderá usar a lingua propia da súa rexión de orixe, en representación dos seus falantes.
Os contrarios ao uso das linguas minorizadas rebaten cos seus argumentos sobre o exceso de gasto (tradutores, auriculares…). A verdade é que a tecnoloxía avanza e reduce custos, caso dos tradutores que temos todos nos nosos teléfonos. Ademais, aqueles defenden a lingua común fronte aos outros idiomas. Para eles, no fundo desvalorizan os considerados outros idiomas menores (rexionais ante o estatal). Pois xa vai sendo hora permitir os usos, político e xurídico, nas dúas Cámaras, como xeito de dignificar máis a política. España ten varios idiomas dende a Idade Media, con millóns de falantes deles, e non se entendía censurar o seu uso no Congreso e no Senado. Ademais, o protagonismo das variadas linguas permitirá tamén unha maior integración política dos territorios periféricos, capaz de resolver a problemática nacionalista peninsular.
No Bierzo queda xa claro que falamos galego. Atrás restan as vellas polémicas coa terminoloxía: chapurreao, falas locais, dialeto berciano, galegoleonés, etc. Por suposto, os menos seguen cos seus prexuízos para non admitir a existencia do idioma galego no Bierzo. Incluso certos investigadores das falas locais recompilan palabras das súas localidades. Son os casos de libros como: Vocabulario del Vierzo (1934), El habla de Toreno, Diccionario berciano folgosino, Aportaciones al vocabulario popular de la Comarca, etc. Convén dicir que esas verbas non teñen sentido sen unha lingua que as articula axeitadamente (sintaxe, fonética, semántica…). Sen o contexto do idioma galego normativizado esas palabras tradicionais están condenadas a morrer.
Os falantes do galego do Bierzo usamos a nosa lingua no ámbito privado (familiar) mais tamén público (veciñanza, mercados, agrogandeiro, pedanías, ensino, etc), e medra no mundo dixital paseniño. Este proceso de normalización lingüística bate coa diglosia, onde o castelán domina as funciois idiomáticas principais. Agora ben, vemos como un avanzo propio que o galego se poida usar no Congreso dos deputados. O noso idioma asoballado agora terá un maior prestixio político que agardamos que contaxie á nosa clase política berciana no Consello comarcal e nos concellos.
Non podemos rematar sen recordamos que o galego tamén reclama o seu espazo político ante a Unión europea. Nas instituciois europeas xa está ben presente o portugués, idioma tan vinculado co galego por historia. Porque un berciano galegofalante cando visita Portugal non se sente foráneo cando comprende os escritos, cartelaría e sinais lusas, apesar das diferenzas fonéticas e gráficas ocasionais que poidamos atopar. En fin, que os novos recoñecementos políticos para o galego van ser moi positivos tamén para O Bierzo, pois servirán para prestixiar socialmente o noso idioma e tomar máis conciencia do noso bilingüismo secular.
O Bierzo, setembro de 2023.