[AS CEN VILAFRANCAS /16] Vilafranca, setembro e Amancio Prada
HÉCTOR M. SILVEIRO | Non sei se sería en setembro aquel ano no que eu estudaba xa no Instituto Padre Sarmiento ou se foi quizais un ano antes. O caso é que alguén deu o aviso que un tal Amancio Prada, aínda un descoñecido para min, daría un concerto en San Francisco e, como por instinto eilí dirixín os meus pasos errantes e adolescentes. Tampouco lembro quen me acompañaba, sei si que o aspecto e a voz do cantautor conmoveume de tal maneira que ao final daquela sorprendente actuación achegueime á sancristía da igrexa no momento en que saía Amancio e tras felicitarlle, atrevinme dun xeito un tanto infantil a pedirlle un autógrafo. Quería gardar daquela descuberta, unha lembranza. Capa, zanfona, barba e pelo longo cal trobador. Amancio asinoume nun papel a súa curiosa sinatura. Muito sentín que se extraviara entre tantos papeis, que como bon adolescente, escribía a modo de diario poético persoal co ambicioso título de Amor, vida e morte. Lamentablemente aqueles incipientes versos meus como a sinatura do artista non os din atopado, aínda que non perdo a esperanza de facelo algún día nalgures.
Estamos no mes de setembro. As uvas deses setembros doutrora, daquela esperaban para ser vendimadas co outono entrado cara á celebración do Pilar, xa no mes de outubro. Setembro era e é, o mes das festas patronais do Cristo. Aínda non era gaiteiro nos anos 70 no que morto Franco todo parecía cobrar cor, como se abandonásemos de golpe o branco e negro e todos os grises propios da ditadura. O concerto de Amancio e outras experiencias musicais setembrinas como a colectivamente vivida tras dos xigantes e cabezudos cos gaiteiros do país, Pepe e Isidro, como protagonistas, colocáronme un fol da cor dos corazois contra o meu peito, encheron de cores a recuperación da democracia e naceu logo a Escola de Gaitas de Vilafranca, a primeira que na nosa comarca se fundou.
Este mes de setembro coa vendima adiantada, algo cada vez menos insólito, tamén sucedeu algo nas Festas do Cristo que non pode deixar de ser subliñado. O novo alcalde, novo por duplicado por ser realmente mozo e por estrearse no cargo, anunciou no pregón inaugural que Vilafranca acollerá por fin a Exposición de Las Edades del Hombre. Ante esta boa nova que nos alegra e alimenta como se fose unha fruita madura propia do mes, non tardou muito a Asociación Fala Ceibe en lanzar un comunicado con digamos unha especie de manifesto público e atrevido, un tanto peregrino (enténdase en sentido literal este adxectivo) non sen razón porque se reivindica que Santiago de Compostela comparta sede con Vilafranca. No fondo faise un chamamento non pouco audaz tanto ao poñer de relevo un status diferente para o Bierzo, territorio intimamente ligado a Galicia, como ademais reclamar unha actualización profunda do formato tradicional da exposición devolvendo ao seu lugar de orixe obxectos relixiosos como os relicarios da Colexiata da nosa vila (un de tantos latrocinios do noso patrimonio) e inclúe mesmo nesta proposta de remodelación para Las Edades del Hombre a solicitude do uso do idioma galego, riqueza natural do Bierzo como, por certo, Amancio Prada proclama cuando canta.
Esperemos que esta nova vaia logo máis aló dun acontecemento puntual e poña en cuestión por fin o abandono institucional e marxinación histórica da comarca, mesmo o desequilibrio nas inversiois para recuperación de bens patrimoniais que dentro da comarca se está dando e que sofre especialmente Vilafranca, como capital monumental e todo o Bierzo Oeste e rural. Quosque tandem abutere, Castela, patientiam nostra? Servirá este o ano no que cambie a fortuna adversa do noso patrimonio?
Benvidas sexan Las Edades del Hombre porque poden cambiar a perniciosa tendencia na posta en valor do patrimonio material monumental e artístico, pero tamén benvida sexa, e dito sexa de paso, a iniciativa histórica do Congreso dos Deputados de usar os distintos idiomas do Estado, abrindo certamente unha nova etapa que permitirá explorar novos espazos de dignidade e normalidade para as linguas minorizadas tamén historicamente. Ten sentido e toca abordar unha revisión para a actualización e a modernidade lonxe do postureo que para alguis supoñen ambas novidades.
Volvendo ao noso cantautor, Compostela certamente está máis perto do Bierzo como reclaman os de Fala Ceibe, e como demostrou Amancio Prada ao comezar a súa xira do 50 aniversario de VIDA E MORTE en Santiago, a capital galega. O exitoso concerto do 20 de setembro incluíu outro estreo o da Filharmonía de Galicia e o Coro Cantigas e Agarimos acompañando ao intérprete berciano que cantou os poemas de Federico García Lorca en galego, sobre a base daquel traballo que, con ilustraciois do vilafranquino Mestre, Amancio editou hai xa un tempo e no que se inclúe un tema sobrecolledor que Lorca compuxo tras ser sorprendido por un terrible accidente cuando visitaba coa Barraca o territorio galegofalante do Bierzo. Falamos do Noiturnio do adoescente morto, un mozo que morreu afogado nas augas do Sil.
Admiramos a Amancio, a voz do Bierzo, e por iso atrevémonos a engadir como proposta de actualización desas novas Idades que sexa invitado como concerto inaugural inaugurar ou de clausura de dita exposición. Amancio Prada representa ese Bierzo irrenunciable e inapelable que debe ser, o Bierzo da cultura e da diversidade, non esquezamos que el converteu nun himno instrumental para toda a nosa comarca un tema incluído no seu marabilloso Leliadoura revisitando a Danza tradicional de xigantes e cabezudos de Vilafranca, bautizándoa como Bergidum. Amancio que recibía xa no ano 2005 o Premio Xarmenta como embaixador do Bierzo rico e culto, ese que é capaz de xeito maxistral de interpretar os poemas de Lorca en galego. A el débelle Vilafranca un aplauso eterno por musicar e cantar a Pereira e a Mestre e a Enrique Gil e, como non, a Rosalía por sentila na súa voz tamén inevitablemente máis nosa.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.