[CRÓNICA] Un mes sen profesorado de galego en dous IES de Ponferrada e no de Cacabelos
HÉCTOR M. SILVEIRO | Esta semana vaise cumprir un mes dende o comezo do curso académico 2023-24 dándose a circunstancia de que no IES. Europa, no Virxe da Encina de Ponferrada e o do Bergidum Flavium de Cacabelos non hai profesorado de galego, están sen cubrir as prazas de docentes de galego nestes tres centros. Hai xa quen se pregunta se será este un exemplo máis de mala xestión ao que nos ten acostumado á administración educativa ou se é algo máis serio, outro intento, e pola porta de atrás, de acabar co Programa de Promoción do Galego no Bierzo tentando reverter o continuo aumento de matrículas no mesmo creando un baleiro precisamente no tramo onde sempre foi máis débil?
Os trámites para ocupar unha praza destas características entendemos que deben ser evidentemente consumidos para que sexan bos ou boas profesionais os que ocupen estas prazas que quedaron vacantes para este curso 2023-24. Pero tamén é certo que, tras un mes de clases, o alumnado e as familias que optaron por esta opción na Educación Secundaria, tanto na ESO coma en Bacharelato, deben de estar realmente indignados ao non ser cubertas, digamos nun prazo razoable, dado que a comezos de setembro ditas vacantes foran comunicadas e non parece xustificable a estas alturas tanta demora.
Esta anómala situación lamentablemente non nos resulta estraña porque Educación de Valladolid por norma exerce a súa responsabilidade cunha falta de axilidade e silencios administrativos reiterados, ao noso modo de ver realmente escandalosos cuando falamos dun Programa de Promoción. Non é raro logo que triunfe a falta de previsión (quixeramos crer que non interesada) xa que este exitoso programa reclama desde hai tempo unha mellora evidente e unha maior atención por parte da Dirección Provincial de León e dos seus superiores da Consejería, que parece claro non pretenden abordar coa urxencia debida.
Tendo en conta que dito programa naceu como fruito dun convenio asinado entre a Junta de Castilla y Léon e a Xunta de Galicia, tamén esta última debería manifestar máis interese e o seu desexo de poñer en marcha canto antes esa mellora necesaria na docencia do galego nos territorios do Bierzo e Sanabria.
Por todo isto reclamamos, unha vez máis, que se reúna con carácter de urxencia a Comisión de Seguimento de dito Programa conformada polas autoridades educativas de Castela e León e da Xunta de Galicia, órgano que dalgún xeito custodia colectiva e politicamente a traxectoria do Programa de Galego en León e Zamora e na que ademais está representado con voz, pero sen voto o noso Consello Comarcal do Bierzo.
Lembramos a seguir algunhas das cuestiois que levamos poñendo sobre a mesa das administraciois implicadas no desenvolvemento do mesmo, reivindicaciois que foron constantes dende xa antes de que o Programa cumprira a súa maioría de idade (este Programa leva implantado con éxito e, insistimos, aumento permanente da matrícula desde ano 2001, máis de mil familias no seu conxunto a día de hoxe):
- Unha ampliación da oferta educativa para o galego no Bierzo. Lembremos a este respecto o frustrante caso que se producía precisamente ao final do curso pasado no IES de Fuentes Nuevas, cuando tres ANPAS (dúas de centros adscritos ao IES) solicitaron formalmente a introdución do galego nese centro de Secundaria. A pesar de que reclamamos a intervención extraordinaria da Comisión de Seguimento daquela non o logramos. Seguiremos reclamando este e outros casos de introdución do galego en máis centros bercianos.
- Un cambio do status cunha maior presenza do galego no currículo docente de Castela e León nos territorios como o Bierzo, acorde as demandas que desde os organismos europeos do máis alto nivel veñen insistindo en implantar.
- Un departamento de galego coa figura de coordinador/a para os docentes do Bierzo. Para o que se precisará ter prevista unha listaxe de docentes actualizada para cubrir posibles baixas ou vacantes como no caso presente.
- Garantir un proceso de divulgación do Programa axeitado no conxunto da Comunidade Educativa acorde co seu carácter de promoción e especialmente importante nos procesos previos á matriculación nos centros.
- Mellorar o funcionamento e formalizar na Comisión de Seguimento do Programa a participación do Consello Comarcal do Bierzo con voz e voto, na que se inclúa unha representación dos entes que traballan na defensa da lingua na comarca.
* Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega para o Bierzo