[AS CEN VILAFRANCAS /17] O Río da Memoria, un dicionario que nos trae as palabras dos que van aló
HÉCTOR SILVEIRO | A vida non debe ser para nós un río do esquecemento, iso sería como quen na súa desmemoria ignora que Vilafranca é vila de tres ríos. O Burbia e o Valcarce, son os ríos rumorosos que ninguén silencia, mais con frecuencia esquecemos o Barburiña, o máis sonoro dos tres que é paradoxicamente o máis perdido, mais do que inda gardamos memoria. No Tempo de Defuntos o corazón que latexa no Bierzo con alma de Fisterra e Occidente, a Compaña, as castañas e o viño novo dos magostos invitan a falar, mesmo a cantar, querendo manter vivo o lume en tempos escuros para a nosa memoria; ela esperta xa que non se pode calar e exprésase, unha vez máis, en galego do Bierzo. Lembremos nestes días de eventos e sucesos apropiados coma se fose unha fonte que racha no outono coas chuvias, que emerxe na comarca como un Río da Memoria construído por palabras milenarias que como un agasallo en forma de dicionario regará estas terras necesitadas de cantos contra a desmemoria. Non quixera comezar sen facer lembranza, tan sequera por un intre, daqueles aos que se lles truncou a vida queréndolles ademais dalgún xeito privar da memoria, porque aínda están nas cunetas. Haberá quen pretenda tamén levar ás cunetas do esquecemento as palabras, mais triunfará o amor polo noso e estas augas traerán vida e rematarán co silencio a modo de sortilexio cumprido ou como a fonte da Liberdade en Vilafranca que é memoriaviva do Barburiña, o noso terceiro río. Certamente, non hai nada máis cruel para o ser humano que perder a memoria, que non ser memoria, que non vivir a rentes da memoria cos vivos. Deixar correr o Río da Memoria é o maior respecto que podemos ter os vivos cara aos nosos seres queridos que xa non están.
Contan que hai un río na Gallaecia, terra dos mil ríos no dicir de Otero Pedrayo, no que comeza a historia neste territorio do Noroeste ao que pertencemos, un río ante o que os romanos invasores tiveron que deterse por medo a entrar na desmemoria do mundo dos mortos. Trátase dunha historia que nos remite á nebulosa da prehistoria da que tamén nos chegou o relato lendario dos nosos inicios, seguramente máis coñecido para os bercianos, aquel capítulo agónico dos galaicos, cántabros e ástures que despois dunha resistencia inefable amosan ante Roma as súas ansias de ser libres cun suicidio colectivo no Monte Medulio, monte fuxidío como un caudal de auga corrente, que se move pola orografía na procura dun lugar que a arqueoloxía non se atreveu inda a revelar con precisión.
Aquela Gallaecia, país dos mortos, ecoa poderosa neste mes de novembro, tempo de castañas que comeza co Día de Defuntos, nun territorio que xa para gregos e romanos estaba na fin do Mundo, era a terra de Occidente que conservaba unha porta de entrada ao mundo subterráneo. Por outra banda, os pobos de raíces atlánticas falaban de illas que preto da costa no medio do océano eran illas de mortos, unha especie de Avalón da lenda Artúrica ás que acudía a Compaña, coma nunha procesión de ánimas que espera cruzar nunha barca ao Máis Alá. Vilafranca acaba de entrar no mes de novembro co seu magosto que máis que unha algarada que alguis desmemoriados chaman Hallowein, muitos seguimos na teima de nomealo como o que é, o Tempo de Defuntos, tempo de lembrar. Onte aínda foi San Martiño non fagamos correr tan rápido o calendario tradicional converténdoo nun río revolto de esquecementos onde só pescan os grandes negociantes da avarenta sociedade de consumo. Reclamamos o acougo que sexa preciso, que haxa un tempo, necesario e ritual para conxurar o esquecemento, para facer memoria.
Días atrás en Santiago presentouse un traballo musical que cremos funcionou a modo de sortilexio con dúas pezas que viñan mui a conto. No CD Quitar o aire, un dúo revelador que está revolucionando desde Galicia o folk europeo, dúas mulleres, Caamaño & Ameixeiras, que coñecemos este ano na Festa dos Maio de Vilafranca comendo castañas maias (quizás outra sorte de agoiro), converteron este río sonoro do seu traballo nunha especie de conxuro da memoria falando de ritos e mitos con palabras que teñen sabor e sons do Bierzo. Un dos temas reveladores destacado como o máis representativo con vídeo clip e todo, trata precisamente do loito e das ausencias. Chámase Ai de min, fala de que a morte na boca dos vivos, non é certo, nunha simbiose magnifica que converte a Xota de Suárbol dos Ancares e os versos de Uxío Novoneyra do Courel, nun marabilloso tema que se reconcilia coa nosa memoria:
Ai de min, que a perdín,
quédame o mundo deserto.
Din os soños i os paxaros:
a morte non é certo.
Roupa da miña varanda,
roupiña da miña voda,
quen te ha de usar, miña roupa,
se hoxe a de loito me abonda.
Perdín o aire
maila garganta,
xunto a ribeira
auga salgada.
O paxariño do prado
ao ver as flores se alegra,
eu se vise a túa cara
botaba fóra a pena.
Aquí está o meu corazón,
se o queres matar ben podes,
xa non leva nada dentro,
se o matas xa nada morre.
Na noite ao sol,
de día á sombra,
heite pensar
a vida toda.
Non é o único tema, xa dixen que eran dous nos que asoma o Bierzo como parte deste mundo tradicional e sonoro a recordar e integrar na Gallaecia rica da cultura e da lingua. O outro titulárono A pequena morte, que tamén conta cun vídeo clip e fora recollido a unha veciña de Chao de Vilar de Balboa pola gran musicóloga, recentemente falecida, Dorothé Schubart, sabedoras ambas de que as fronteiras do galego non rematan en Pedrafita:
Se queres que te queira
dáme de beber,
regueiro de auga doce,
morte do porqué.
Mais estes días, cumpriuse o sortilexio, non creo que por azar, senón máis ben por necesidá. Anunciouse como dixen polas redes outra magnífica nova que nos reconcilia coa nosa terra. O Bierzo da tradición e do galego sempre está aí, como o están os nosos ancestros, por algo a memoria e as palabras son a súa residencia unha vez que deixan este mundo. Os costumes, os cantos, a historia contra o esquecemento. Afortunadamente hai quen prefire vivir na memoria, esa que significa saber de nós, da identidade e que nos fai diferentes. Algo tan simple como as palabras que nomean este mundo que habitamos e nos falan de como somos. Lembrarse da presenza do galego da literatura oral e da literatura culta berciana do galego de Sarmiento, de Morales, González–Alegre e Mestre e de tantos outros: Aquilino Poncelas, María Xosé Montero, Alicia Fonteboa e Gaspar Méndez… que poucas veces se nomean. Falamos da extraordinaria iniciativa dunha rapaza berciana de Carracedelo, Sara Rodríguez Fernández, alumna brillante que foi dese programa tan maltratado polas autoridades educativas, a pesar de chamarse de Promoción do Galego. Falamos con orgullo dunha moza galegofalante ben viva que vén de publicar, de entregarnos como agasallo o primeiro Dicionario do Galego do Bierzo, outro magnífico triunfo da palabra, un novo Río da Memoria cheo de esperanza. Coma ela recoñece: “Unha obra que resulta o froito de todos os bercianos e de todas as bercianas, unha obra que naceu, pero que xamais perecerá…”.
Aplaudimos con entusiasmo este cachón de palabras e esperamos con expectación as presentaciois desta corrente de auga viva e fértil que xa se preparan en distintas localidades do Bierzo. Cumpriuse logo o augurio. Resulta de radical importancia gardar a memoria. Prometemos nunha próxima entrega analizar os seus valores máis polo miúdo, contentámonos hoxe con recibir e facernos eco de tan importante nova. O galego do Bierzo xa ten o seu dicionario. A vida é pois unha vida vivida, pero que á vez mira ao futuro, como nos lembra Sara con este dicionario. Vida na que perviven os que faltan, eses que seguro se alegran de estar dalgún xeito vivos en nós e coas súas palabras. A memoria para os humanos é a vida eterna posible, esa sinxela oportunidade de seguir sendo a través das palabras.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.