[AS CEN VILAFRANCAS /18] O ‘Dicionario do Galego do Bierzo’ de Sara Rodríguez e o cochorro que tamén o falaba
HÉCTOR M. SILVEIRO | Sempre me impresionou que un cochorro de Vilafranca, ao pé da ponte do río Burbia, non sendo un loro chegase a falar e que, ademais, o fixese en galego. Tamén me fixo pensar na fraxilidade do suceso catalogable de curiosa manifestación do patrimonio inmaterial case descoñecido, non por ser pouco común noutrora, senón porque chegou a min por tradición oral familiar case de milagre. Falando de sucesos admirables, eu prometera na anterior entrega unha segunda centrada nos valores do primeiro Dicionario do Galego do Bierzo, que recolle unha morea de termos documentados na contorna da vila considerada capital desta lingua. Aproveitamos estas páxinas para anunciar que esta semana vaise realizar a presentación deste dicionario en Ponferrada, o próximo sábado 16 de decembro ás 12 horas no Museo da Radio. A súa autora, unha moza berciana de Carracedelo, Sara Rodríguez Fernández, protagoniza deste xeito un dos maiores logros lingüísticos para o galego berciano realizado nestas décadas do século XXI, fruito do amor infinito polas palabras que nos definen como comarca e co obxectivo de poñerlle couto tanto á desmemoria, como ao desprestixio secular desta lingua levando ao papel a riqueza do noso léxico popular. Trátase dunha iniciativa que, a pesar do extraordinario, resulta á vez un acontecemento familiar e próximo ao se reivindicar con el a identidade que está, estivo e estará na boca das persoas humildes. Son varios milleiros de palabras milenarias que levan entre nosoutros quentes e vivas ao pé das lareiras nas casas de labregos e pastoras, lonxe da frialdade ineludible da escrita, da literatura con maiúsculas de nomes e apelidos concretos. A literatura destas palabras tras abandonar os pergameos e escritos de notarios e mosteiros bercianos da Idade Media, como xa deixou sinalado o Padre Sarmiento, foi por muito tempo oral, anónima, espontánea e efémera, chegando aos nosos días coma un desafío inquebrantable ao permanente. Un reto que encabeza Sara e que ten o poder de colocarnos aos bercianos e bercianas de hoxe nun novo contexto, o da normalización dun feito natural, mostra da nosa innegable riqueza patrimonial. Co dicionario brota logo unha poderosa fonte onde beber auga fresca destinadas ás futuras xeraciois. Unha obra de consulta que non debe faltar en ningún fogar berciano.
Se puidésemos botar a vista atrás ata achegarmos ao momento no que o latín vulgar pasou a ser galego, falamos destas terras do Bierzo, observariamos un proceso singularmente frugal e gorentoso do que sobre todo eran donos, non tanto nomeados señores, reis e raíñas como Urraca, o seu pai Afonso VI ou o seu fillo Afonso VII, nin tampouco nobres de castelos como Ximena Muñiz, tenente en Cornatel, ou Pedro Álvarez Osorio, un dos Condes de Lemos, nin tan sequera trobadores ou xograres populares, usuarios sen dúbida algúa do galego por escrito, senón que eran realmente os seus activistas máis destacados centos e centos, miles de homes e mulleres que falaban e cantaban nesa lingua como manifestación natural da súa máis pura e iletrada cultura, pois deles mesmos nacera. Pasado un tempo, xa na época moderna, cuando os códices e os libros deixaron de escribila, a pesar da presión doutras linguas do poder, seguía viva na fala dos humildes como constatou certamente, unha desas persoas sinxelas, pero sensibles ao idioma que o mamara escuitando tamén o cantar dos cochorros no Socubo ao pé do Burbia naquela primavera do 1695. Foi el, Martín Sarmiento, o primeiro en iniciar os labores de recompilar palabras dos nosos falantes cos seus significados, eses que hoxe forman parte deste volume que agora Sara nos ofrece. Podemos dicir que naceu pois da mao daquel frade bieito, pero tardou en ser realidade tristemente varios séculos.
Sara, entendeu desde pequena no seo dunha familia do común (confesouno á prensa estes días nunha das entrevistas publicadas con motivo da presentación do seu traballo) que unha lingua como o galego está cargada de oportunidades, tal e como llo reiteraba súa mai. Efectivamente ela coñeceu ao Padre Sarmiento cuando como alumna do Programa de Promoción do Galego no Bierzo achegouse a Vilafranca para festexar as Xornadas que levan o nome do ilustrado. Daquela Sara non se imaxinaba que ía ser ela a que lograría realizar o dicionario do galego desta comarca. Foi un labor lento e meticuloso con palabras vellas e novas que a autora reuniu neste volume ao que contribuíron toda unha serie de traballos lexicográficos previos, alguis moi coñecidos como o Vocabulario del Bierzo de Verardo García Rey (1934), os máis recentes e densos traballos de Jesús García García, ou de Fernando Bello Garnelo, de gran peso neste terreo, xunto aos tamén importantes Aportación al vocabulario popular de la comarca berciana de Trinidad Crespo e Jovino Andina e Unha cala no Bierzo Occidental (Corullón) de Elixio Rivas Quintas. Sumaremos a esa bibliografía esencial diversas recompilaciois existentes da oralidade como por exemplo o Refraneiro berciano de S. Castelao ou o máis voluminoso tomo de Literatura de tradición oral berciana que lle debemos a Alicia Fonteboa. A maiores están as obras literarias de autores do noso galego xa falecidos e aínda pouco reivindicados, como Antonio Fernández Morales, Isidoro Andrés Ovalle, J. Bálgoma Suárez, Francisco de Llano ou Ramón González-Alegre, e outros muitos dos nosos días, como o inesquecible J. C. Mestre, autor dos 200 gramos de patacas tristes, ou os case nunca citados Aquilino Poncelas, M. José Montero ou Gaspar Méndez. Trátase pois dun longo e complexo periplo polo que camiñaron estas palabras que agora recalan no presente dicionario de arredor de 15.000 entradas. É por iso que Sara insiste certeiramente en catalogar a este primeiro Dicionario do Galego do Bierzo de empresa colectiva e, por outra parte, en pretender seguir engadíndolle, loxicamente no futuro, novas entradas consciente de que unha obra destas características permanece eternamente aberta a elas.
Unha dificultade engadida á que se enfrontou a nosa autora con valente resolución, constitúe unha destacable novidade que debemos subliñar xa que ningún estudoso o intentara ata o de agora. É a de determinar nunha comarca como o Bierzo que verba é ou deixa de ser galega, cuando hai unha zona occidental claramente galegofalante, pero existe tamén un amplo territorio berciano que se pode denominar do galego de transición ou do leonés de transición. A este respecto botou mao de varios traballos de dialectoloxía (especialmente os Atlas lingüísticos denominados ALBI de Manuel Gutiérrez Tuñón e o ALGA de C. García e Antón Santamarina así como a Determinación da fronteira lingüística do galego e o leonés nas provincias de León e Zamora de Ana Seco Orosa) de gran relevancia para abordar esta tarefa necesitada de rigorosa precisión. Os paxaros coma os osos non entenden desa teima das fronteiras das persoas. Aquel cochorro vilafranquín repetindo no Socubo con insistencia animal cuase humana: – Manolo, corriche ben!,… corriche ben! era un acto cruel, pois dalgún xeito se lle privara ao pobre paxaro do seu canto libre, mais resulta ser á vez unha curiosa reivindicación da presenza e fortaleza do idioma máis aló da fronteira da Galicia actual, pois usaba o galego dentro do territorio histórico galegofalante da nosa comarca, o que nos permite establecer unha fronteira lingüística distinta da administrativa.
Sobre a súa terra, sobre esta lingua nas fronteiras, natural do seu pobo, e das peculiaridades da súa personalidade quixo Sara indagar para agasallarnos finalmente cun conxunto de termos considerable. Agradecémoslle desde estas liñas a valentía e a ilusión con que emprendeu este inmenso traballo, non só por ser digno de aplauso, senón tamén porque é garantía segura do futuro da lingua galega no Bierzo. Sara Rodríguez convértese co seu Dicionario do Galego do Bierzo nun referente imprescindible á hora de abrir unha nova etapa para a súa presenza pública e a normalización do idioma en calquera espazo e situación, manifestada con tanta rotundidade como naturalidade e firmeza. Supón unha enorme alegría para calquera amante da cultura e o patrimonio da nosa comarca da que esperamos se contaxien ata os propios cochorros, agora que xa sabemos que poden chegar a falar en galego.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.