O ‘Dicionario’ e os Premios Morales, as dúas caras para o Día do Galego do Bierzo
HÉCTOR M. SILVEIRO | A celebración no Bierzo do 9 de marzo é consecuencia dun proceso que comezou na última década do século XX (as Xornadas da Lingua e Cultura Galegas no Bierzo dos anos 91,92,93 e 94) que atoparon continuidade a partir da homenaxe que Martín Sarmiento tivo no 2002, ano no que a Academia Galega escolleu para honrar ao sabio ilustrado co Día das Letras Galegas. Para evitar confusiois e significar esta data a Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, sendo a súa organizadora, decidiu apostar polo día 9 de marzo, día do natalicio de Pedro José García Balboa nesta vila, como a data ideal para a realización anual das denominadas Xornadas Martín Sarmiento na procura dunha continuidade do conxunto de iniciativas que arredor da obra e o modus opperandi do frade bieito se puxeron en marcha co cambio do milenio coa lingua galega como protagonista. Tamén desde o curso 2001-2002 se comezou a implantar o Programa de Promoción do Galego nalgúns centros de ensino na comarca e a Comisión Cultural Martín Sarmiento produto dos actos escolares neses centros de ensino da comarca (nos que incluímos tamén a Escola de Idiomas de Ponferrada) fraguamos a incorporación da denominación do Día do Galego no Bierzo para este día.
O ano 2023 as Xornadas Martín Sarmiento retoman o seu formato habitual despois da pandemia e, ademais das actividades lúdico-festivas, fixemos coincidir por primeira vez coa entrega dos Premios Antonio Fernández Morales (tamén de carácter escolar), como un elemento relevante destes actos con centos de escolares bercianos de distintos niveis para conmemorar a data. Ligamos así esta celebración ao autor que viviu e está soterrado en Cacabelos, coñecido por ter publicado en 1861 máis de 8000 versos no galego oriental baixo o título de Ensayos poéticos en dialecto berciano.
Por que esta insistencia no mundo do ensino? Pois por unha razón moi sinxela, a ensinanza atópase na vangarda da reivindicación da lingua no Bierzo desde o 2002, tras dunha longa demanda da sociedade civil, ano no que comeza a funcionar na comarca o Programa de Promoción do Galego no Bierzo e grazas a un acordo asinado polas autoridades educativas da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León e como consecuencia, e do logro, de incluír no Estatuto de Autonomía castelán-leonés a protección do galego nos territorios galegofalantes.
O desenvolvemento deste programa, voluntario e tímido, de introdución que xa leva 22 anos nas aulas dalguis centros do Bierzo e, soubo sumar mesmo un centro da Seabra de Zamora e consolidar unha matrícula que supera os mil alumnos/as, síntoma do éxito que supuxo e da boa acollida que ten entre as familias, pero pola contra ten que soportar unha morea de obstáculos e despropósitos por parte das administraciois educativas que acordaran a posta en marcha do Programa, singularmente a que resulta ser a súa última responsable, a Junta de Castilla y León. O curso pasado, en concreto, e o comezo do presente non foron a este respecto nada exemplares e son unha mostra evidente da precariedade na que subsiste ademais dunha clara evidencia da necesidade dunha reforma que o normalice e asente no currículum escolar que se oferta.
Outramente debemos subliñar que este ano 2024, unha berciana que cursou o Programa de Promoción do Galego, que ao seu paso polo instituto participou activamente nas Xornadas Martín Sarmiento veu a reconfortarnos e evidenciar a importancia destas iniciativas a prol da lingua. Sara Rodríguez Fernández acaba de presentar o primeiro Dicionario do Galego do Bierzo que editou a Universidade de Vigo como fruito do seu traballo fin de grau (TFG), un dicionario de 15.000 entradas do léxico galego berciano. Esta alegría inmensa permite, por un lado, presaxiar un futuro mellor para os amantes da lingua e, á vez, reforzar o noso compromiso coa superación dos atrancos actuais procurando seguir dando pasos cara adiante na consolidación dos ámbitos tradicionais do seu uso e a creación de novos espazos para o galego do Bierzo.
É por todo o dito polo que esta nova edición das Xornadas, a décimo sexta, terá tres obxectivos centrais que abordar. En primeiro lugar e de xeito destacado, presentar o Dicionario do Galego do Bierzo, desenvolvendo, a partir desta ferramenta tan útil que nos proporciona Sara, propostas didácticas que fagan partícipes deste traballo de recolleita da memoria viva da lingua ao conxunto a docentes e alumnado do Programa do Galego do Bierzo, procurando o contaxio dun número cada vez maior de Bercianos e bercianas neste proceso de recuperación da nosa identidade. En segundo lugar, reclamar a reforma do Programa de Galego do Bierzo de cara á mellora e ampliación do mesmo co obxectivo de consolidar os estudos desta lingua propia desta nosa comarca. Finalmente, manifestar a nosa intención de seguir ofrecendo un programa renovado de iniciativas e de experiencias ao redor destas Xornadas, dos Premios Morales e desta data do Día do Galego do Bierzo.
As XVI Xornadas Martín Sarmiento terán, pois, dúas datas e dous lugares de referencia. O sábado 9 de marzo celebraremos por todo o alto o día do nacemento do Pai das Letras Galegas na súa vila natal cun acto no Teatro de Vilafranca no que se presentará o Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez, un traballo que dalgún xeito comezara o propio Sarmiento na súa viaxe a Galicia no 1645 no que comeza recollendo un bon número de palabras e acepciois nestas terras bercianas. Unha loable iniciativa do Departamento de Galego da Universidade de Vigo, que foi quen editou o dicionario. Mellor homenaxe seguramente non poderá ter o noso ilustrado bieito.
A outra data, o martes 12 de marzo, tamén terá como centro de interese o Dicionario, neste caso para desenvolver unha serie de experiencias didácticas tanto de coñecemento da nosa riqueza léxica, recollida xa por Sara Rodríguez, como á vez a proposta de participación no proceso de ampliación do número de entradas do Dicionario no que se pretende implicar a docentes e alumnado do galego en primeiro termo.
Ademais este día 12 de marzo no que os actos se realizarán en Cacabelos, farase entrega dos Premios Morales para a Promoción da Lingua Galega do Bierzo que celebra xa a súa IV edición nun acto lúdico subvencionado pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no que estarán presentes centos de escolares do Programa de Promoción Galego do Bierzo que se imparte en 4 institutos, e 11 centros da comarca de educación primaria.
Non deixaremos de aproveitar a presenza dunha serie de autoridades da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y Léon para, no transcurso dunha reunión de traballo, trasladarlles as nosas reclamaciois e intentar concretar con elas, que conforman a Comisión de Seguimento do Programa de Promoción do Galego no Bierzo, á vez outras propostas que pretendemos poñer en marcha co apoio da Real Academia Galega, do Consello Comarcal e outras entidades bercianas dándolle continuidade ao Decálogo Novos Espazos para o Galego no Bierzo.
- Héctor M. Silveiro Fernández, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e membro correspondente da RAG polo Bierzo.