O reto das XVI Xornadas Sarmiento: recuperar mil palabras máis para o galego do Bierzo
HÉCTOR SILVEIRO | A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere anunciar publicamente o reto que se dispón a realizar coa iniciativa denominada O Mego das Palabras. Este vai ser o nome que reciba esta campaña que é tamén unha proposta didáctica que queremos sexa toda unha experiencia participativa e aberta á colaboración de cuantos máis bercianas/os mellor.
Presentarémoslla inicialmente nestas Xornadas ao alumnado e docentes do Galego do Bierzo que actualmente cursan o Programa de Promoción desta lingua nos centros de ensino en distintos lugares da comarca, pero tamén estará presente nas redes sociais para que se converta nun reto colectivo no que poida estar implicado todo berciana/o que queira colaborar a rescatar 1000 palabras máis para o Galego do Bierzo.
Partimos da publicación do primeiro Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez Fernández que contén 15.000 entradas e que pretendemos con esta iniciativa seguir ampliando. Unha conta de instagram e unha páxina web irán dando conta dos avances deste reto conxunto que propoñemos e que, sen prazos determinados, quixeramos acadar como máximo no transcurso deste 2024 de maneira que para a celebración das próximas Xornadas Martín Sarmiento, saquemos do esquecemento 1000 palabras máis do galego que se fala no Bierzo.
As palabras que cheguen ao Mego das Palabras pasarán evidentemente por un estudo filolóxico que determine con criterio que poden formar parte dunha segunda edición ampliada do Dicionario do Galego do Bierzo que, como dixemos, xa conta actualmente cun número considerable de entradas. A riqueza léxica é unha das características identitarias da nosa comarca no que ao patrimonio lingüístico se refire. Facer gala desta parte da nosa cultura tan esencial e en perigo de desaparición, á vez de ir enriquecendo no proceso de recolleita a todo aquel que colabore, é, sen lugar a dúbidas, unha das metas que nos propoñemos abarcar convencidas/os de que se trata dun traballo complexo e difícil, pero moi gratificante e reparador. Agardamos sexa acollida con interese e logremos o obxectivo de superar este reto que, dalgún xeito, sentimos que nos propuxo o propio Frei Martín Sarmiento cuando en 1745 comezou os seus escritos filolóxicos sobre o galego recompilando palabras ao seu paso polo Bierzo.
- Héctor M. Silveiro Fernández, coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento