[AS CEN VILAFRANCAS /19] A muller, o poder e a necesidade da tradición
Porque non todo van ser Las Edades de Hombre
HÉCTOR M. SILVEIRO | Cremos que non é casualidade que no ano de Las Edades del Hombre sexa unha muller labrega a que represente, coa fouciña nunha mao e unha cañaveira na outra, a tradición de cortar e levantar o maio de Vilafranca. É unha opción oportuna e de progreso, tremendamente simbólica e maxistral que Raúl Ochoa escolle para o cartel da Festa do Maio 2024 coa que non só nós invita puntualmente a celebrar a Primavera, senón tamén a cavilar sobre o que realmente importa. Unha proclama do festexo que se converte á vez nunha chamada de atención a Vilafranca e, por extensión, ao Bierzo, cargada de contidos. Insistimos, non é unha casualidade, pois cremos que calquera parecido coa realidade non é pura coincidencia e toda obra creativa tein o seu contexto. É cartel fermoso por si mesmo, pero que se o situamos no contexto actual e contrastamos coa realidade énchese das flores en plenitude de lecturas posibles e necesarias.
No ano no que se espera como auga e maio a omnipresente exposición de Las Edades del Hombre, non parece casualidade que emerxa do maxín intelixente de Raúl Ochoa, unha muller rural e humilde, cargada de forza que como contrapunto nos anuncie nas súas maos manchadas de terra o poder e a necesidade da tradición. Non é casual, é unha reivindicación que como aquela polémica Santa de Francisco Asorey que escandalizara ao monarca Afonso XIII en 1926, vestida unicamente cun pano da cabeza e tiraba dun xugo, e estoutra muller, a que sitúa no centro da imaxe Raúl, armada cunha fouciña, son mulleres fortes e de fondas conviciois que sintetizan, de modo óptimo e lexítimo, unha serie de simbolismos e provocan non poucas interpretaciois, tan rotundas como certas e primixenias, á vista, claro está, de quen as queira ver. Porque nestas cousas da arte e das súas lecturas hai quen sabe e hai quen quere mirar máis aló.
A frase MAIO VAI en maiúsculas e as colores verdes da tradición e da ecoloxía, degradadas sobre un fondo terroso e claro, lévannos á estética cartelística do 1900. Si, unha mirada atrás, unha provocación para facer memoria. Logo será a figura feminina que se sitúa debaixo do lema a que absorba a nosa atención e a que centre a mensaxe procurando unha chea de ecos patentes da historia e da arte que van abrindo paso. Se se quere, dende as deusas nai da fertilidade ata as grecolatinas Afrodita e Venus, deusas do amor, esas que logo o renacemento converte en alegorías como o nacer da Primavera e das que se apropia o cristianismo na figura da Virxe María. Mais a lectura máis próxima e real non nos quere confundir ao vestir a muller de labrega, humilde, nacida da terra, si, pero non tan deusa como si naturalmente humana, esa muller que dende a Prehistoria estivo ligada á terra e ao traballo das súas maos, que coa fouciña simboliza. Esa muller é parente da alegoría, sen facer muitos esforzos mentais, daquela Liberdade que guiaba ao pobo e daquelas outras promotoras románticas das revoltas que desde As Sabinas da Roma arcaica ata a famosa portadora da bandeira da revolución francesa de Delacroix, alentan co seu recordo a esta muller que vemos no cartel do Maio. Pero efectivamente a estética escollida acháganos máis aos debuxos e ilustraciois, alegóricas tamén, de revoluciois máis próximas, como a rusa, por exemplo, ou, como non, da ansiada república española.
Esta invitación implícita en todo cartel, lembra o autor, non esquece un ritual: Cortar a cañaveira e levantar a planta do maio. A composición de xeito mui certeiro e áxil resume todo o proceso tradicional (non sempre se evidencia ese elemento de cortar os apios dos cabalos, ou mazandois, como parte transcendental da festa) no que o factor humano é imprescindible e central. O humano é o motor do costume que, sendo muller, reúne como xa indicamos, por activa e por pasiva, unha poderosísima serie de connotaciois, complexas e vivas, que van desde a evocación ás estaciois ata a ruralidade, desde o feminismo a todo un conxunto de reivindicaciois aludidas sutilmente: antropolóxicas, sociais, culturais e ata ecolóxicas que están detrás da filosofía do Fiandón Berciano do que o autor é un dos seus responsables.
Agradecemos enormemente a Raúl Ochoa que con ilusión e con pericia dea lugar ao debate, que deste xeito tan positivo e interesante nos enriqueza. A vida, queirámolo ou non, está chea de contradiciois. Este cartel efectivamente cobra maior peso se o lemos no contexto no que estamos. Chegou para colocarse neste 2024 no Bierzo e na vila do Burbia, cargada de contrastes. Está a Vilafranca humilde e campesiña, a das tradiciois de futuro, retratada na Festa do Maio e está a Villafranca ostentosa e pomposa, cargada de promesas e que reza: Hospitalitas.
A reflexión que demanda esta ilustración é sinxela e contundente, unha aposta pola tradición e o seu futuro. As experiencias que promoven tanto a Asociación Cultural da Escola de Gaitas, como O Fiandón Berciano parecen querernos indicar que outra Vilafranca cos pés na terra é posible e necesaria, que máis aló dos museos fríos e pétreos, de igrexas e monumentos, hai outra necesaria e posible de proxectos vivos, de fondas raíces ligadas á identidade e ao patrimonio cultural inmaterial, que teñen dereito e reivindican as súas inversiois e os seus espazos de exposición. Porque tamén do pan vive o home e porque se cuadra foi muller a que o segou e o coceu. Lembremos simplemente, mentres pedimos que tiren castañas maiolas desde os balcois, mentres que pasa o burro e levantamos os maios, que unha e outra, ambas Vilafrancas, conforman ineludiblemente a personalidade complexa dunha vila como a nosa, mal que nos pese.
* Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.