[TRIBUNA] Os límites provinciais do Bierzo
XABIER LAGO MESTRE | A rexión do Bierzo ten uns límites xeográficos bastante clarexos. Polo oeste as serras dos Ancares, do Courel e dos Cabalos, polo sur as serras da Enciña da Lastra e montes Aquilanos, polo leste os montes de Foncebadón e Manzanal, e finalmente, polo norte, a serra de Gistredo. Estes fitos orográficos serven para diferenciarmos das rexiois veciñas, casos de Asturias, León e Galicia. Mais tamén hai de ter en conta os lindeiros políticos e históricos que delimitaron O Bierzo. Concretamente hoxe, fixarémonos nos que estableceron as distintas provincias bercianas.
Comezamos coa provincia berciana de 1486 que crearon os chamados Reis católicos. Por mor dos censos fiscais da Idade moderna (séculos XVI ao XVIII) coñecemos ben eses lindeiros administrativos da nosa institución provincial. A dita provincia do Antigo réxime tiña como novidades a inclusión da xurisdición de Lucillo, sita na Somoza maragata, no val do río Duerna. Ademais, integraba a comarca da Cabreira (Alta e Baixa, coas terras de Lousada e Ribeira) que formaban parte do marquesado de Vilafranca do Bierzo. Na dita Cabreira restan os concellos galegos de de Lardeira co seu barrio de Camporedondo e Casaio. Fóra desta provincia quedaban os dous concellos de Ribas do Sil (Páramo e Palacios), que se integraban no condado de Luna. Pola outra banda, na meirindade de Aguiar estaban varios concellos galegos (Porto e Real, san Vicente de Leira, Oulego…, coñecidos popularmente en Valdeorras coma O Marquesado). Fóra permanecían Laciana e Saliente e mailos barrios (do concello dos Cilleros).
Os debates políticos sobre a creación da nova provincia do Bierzo foron moi interesantes no Trienio Liberal (1820-23). Os cales tiveron grande repercusión nas Cortes, nos territorios enredados (O Bierzo, Valdeorras, Lugo e León), ademais dos medios de comunicación madrileños. Por suposto, non imos entrar na pescuda destes debates que xa se analizan detidamente en varios libros e artigos históricos. Soamente dicir que o Decreto de LIX das Cortes, de 27 de xaneiro de 1822, fixa legalmente a provincia de Vilafranca do Bierzo. Engadimos que tamén se estableceron 13 distritos militares en España, o 2º distrito abranguía as provincias da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Vilafranca do Bierzo.
Os límites políticos desta provincia de Vilafranca incorporan novos territorios veciños, respeito a outra anterior provincia histórica de 1486. Así polo norte xorden no Bierzo os concellos de Palacios e Páramo do Sil. Polo leste, anexiona localidades da Silva e Montealegre (Manzanal), ademais do territorio até a Cruz de Ferro, e tamén Pobradura da Serra. No lado oeste, integra a conca do río Visuña con Hórreos e A Seara (Lugo). E do sur, toma as comarcas de A Carballeda e Valdeorras, delimitadas pola serra do Eixe, que se prolonga até buscar a ponte da Cigarrosa (Petín) para cruzar o río Sil. Daquí procura a serra de Cereixido que sube para o monte Montouto e serra dos Cabalos que empecha o noso val do río Selmo.
Non podemos pasar por alto que nos debates territoriais, pola formación da provincia de Vilafranca do Bierzo, houbo resistencias das localidades de Valdeorras. Os concellos do chamado marquesado de Valdeorras (da antiga meirindade de Aguiar) pediron a súa integración en Ourense (abril de 1821). Pola outra banda, A Rúa e Freixido propuxeron establecer os novos límites provinciais do Bierzo na ponte da Cigarrosa (decembro de 1821). Mentres O Barco de Valdeorras presentou un Memorial (setembro de 1821) contra a “mutilación del partido de Valdeorras, desmembra las comarcas de siete ayuntamientos”. O deputado Antonio Valcarce demandou a anexión ao Bierzo do val de Quiroga e comarcas de Trives e O Bolo, mentres que o deputado Peñafiel incluso pedía a comarca de Conso (outubro de 1821).
Para delimitar mellor as provincias de León, Vilafranca e Ourense formouse unha Comisión territorial, reunida o 31 de agosto d 1822, para tomar acordos consensuados. Velaí a decisión de que Laciana se integrase na nova provincia de Vilafranca, “Laciana al Bierzo”, sendo o seu límite o santuario de Carrasconte, que o separa da Babia leonesa. Polo que se refire a Galicia, amplíase a provincia berciana por comarcas veciñas. Este é o caso do val do río Soldón, lindeiro con Quiroga (Lugo), “hasta buscar el nacimiento del río Soldón, marcha por el curso de este río hasta su confluencia con el Sil”. Así, quedan para no Bierzo as localidades de Outeiro, Vilarmel ou Montefurado (da famosa montaña romana). Depois este límite fluvial procura a desembocadura do río Bibei. Deiquí, sube o lindeiro ribeiro polo val do Bibei até a localidade do Vao. Logo restan no Bierzo Larouco e mailo santuario das Ermidas. Menciónase a localidade de Buxán, onde deixa o río Bibei para virar ao leste na procura do Alto do Covelo e o pico san Bernabé. Esta serra segue por “los altos de sobre Ramilo”, segundo o documento consultado, que abrangue Alto Chanca, A Fraga das Galiñas, A Pedra do Coello, Ladeira Cortiñas e Pedro do Lombo.
A comentada serra divide as comarcas da Veiga (ao norte) e de Viana (ao sur). Queremos insistir en que as terras do Bolo e Viana serían pois da provincia berciana. O noso lindeiro montaños chega á provincia de Zamora, onde xira para o norte, polas serras de Porto e Calva, na procura de Pena Trevinca (2.127 m.). Deste punto segue a serra da Cabreira baixa.
Trala creación da provincia de León, en 1833, comeza a mutilación da provincia histórica do Bierzo. Formanse dous partidos xudiciais (Vilafranca e Ponferrrada). Mais tamén xorde o novo partido administrativo do Bierzo que perde os concellos de Palacios e Villablino. Ademais, o chamado Marquesado, formado por concellos galegos da vella meirindade de Aguiar pasan para Ourense, con Valdeorras e A Carballeda, ademais dos vales de Soldón e Visuña para Lugo. Houbo que agardar até o ano 1991 para artellar territorialmente de novo a Comarca do Bierzo. Este territorio máis periférico, alonxado e illado por montañas merece ben recuperar a institución provincial histórica cun desenvolvemento endóxeno diferenciado, fronte ao centralismo metropolitano e capitalista que nos ameaza neste século XXI.
O Bierzo, maio de 2024.