[TRIBUNA] O distrito berciano aparte
XABIER LAGO MESTRE | A rexión natural do Bierzo xorde ben delimitada por mor das serras que arrodean a conca hidrolóxica do Sil. Por suposto, xa na Idade media a documentación variada deixa constancia da identificación do noso espazo coma “territorio bergidense”. Velaí por exemplo a presenza do chamado conde Gatón (século IX) que levou bercianos para repoboar “terras de foris”, a saber, leonesas e zamorás. A profesora Margarita Torres ten ben estudada a evolución do condado do Bierzo, no cal se integraban tenencias menores coma Boeza, Ulver (Cornatelo), Valcarce, Cabreira, Ancares, Aguiar, Ribeira, Ponferrada, Vilafranca, etc. Neste amplo territorio os seus dirixentes exercían funciois gobernativas, fiscais, xudiciais e militares.
Na baixa Idade media, a unidade territorial do Bierzo foi esnaquizada coa delegación do poder real para os señoríos, tanto relixiosos (mosteiros e bispados) coma laicos (Lemos, Luna, Bembibre…). Posteriormente, foron os Reis católicos os que recuperaron o poder para a Coroa de Castela tras derrotar a revolta do conde de Lemos (1486). O poder real reorganiza O Bierzo segundo os seus intereses políticos. Por iso se crea o marquesado de Vilafranca e tamén a provincia do Bierzo baixo o mando dos corrixidores. Nos sucesivos censos fiscais da Idade moderna O Bierzo xorde delimitado coa dita provincia ou partido. Este abrangue incluso a xurisdición da Somoza maragata ou o norte de Valdeorras (o marquesado) e maila Cabreira. Esta provincia berciana serve coma espazo para o exercicio de funciois gobernativas, fiscais, militares, económicas, xudiciais, etc.
Por suposto, esta provincia ou partido do Bierzo non era independente de León. Sabemos da súa integración no chamado reino de León, da representación da cidade de León en Cortes (tanto de Asturias coma do Bierzo), da presenza parcial da xurisdición do Adelantamento xudicial nos señoríos, tamén do poder dos intendentes leoneses sobre os corrixidores de Ponferrada. Outro tanto dicimos do poder dos bispos de Astorga no Bierzo, aínda que houbo outros poderes relixiosos competidores (colexiata de Vilafranca, bispado de Lugo e arzobispo de Compostela).
Chega a revolución liberal e derrota o Antigo réxime no século XIX. O novo poder político reforma as instituciois e territorios para que sirvan aos seus intereses. Suprímense os anteriores señoríos e créanse as provincias liberais. Velaí a provincia de Vilafranca, totalmente independente da León, que inclúe as comarcas de Valdeorras, Laciana e maila Cabreira baixa. Agora ben, a política centralista posterior do réxime burgués remata finalmente coas tres provincias máis pequeñas (Xátiva, Calatayud e O Bierzo). Posteriormente, os bercianos non deixaron de reivindicar a recuperación da provincia histórica suprimida. Outras reformas son a creación dos partidos xudiciais de Vilafranca e Ponferrada, para apaciguar e dividir a ámbalas vilas, ademais de desmobilizar calquera vindicación futura.
O ministro Madoz recorda que en 1841 eliminan as subdelegaciois, caso de Ponferrada. O reforzado centralismo de 1853 suprime diversas administraciois e depositarias, aínda que manteñen a de Ponferrada de milagre. De novo en 1855, outro ataque! borran o partido administrativo de Ponferrada. A provincia leonesa, nas últimas décadas do século XIX, xorde dividida a efeitos fiscais con dous partidos, a capital leonesa e Ponferrada. Este partido asume a xestión das contribuciois (inmobles, cultivos e gandería), consumos, sal ou rentas estancadas. O Bierzo inclúe as oficinas subalternas de Vilafranca, Bembibre e A Ponte domingo Flórez (1877).
O centralismo liberal non ten piedade cos territorios periféricos. En 1890 tratan de rematar coa audiencia de Ponferrada, finalmente se libra “por distar a más de 14 leguas da capital de provincia”. Sen embargo, dous anos depois suprimen a audiencia de Ponferrada. En 1894, a Deputación de León “solicitó la supresión del expresado Correccional (de Ponferrada)”. A nivel educativo, os intitutos quedan para as capitais de provincia, Ponferrada terá o seu en 1873, aínda que o Goberno central suprime dito centro que pasa a ser un colexio (1888). Se falamos da asistencia social, a Deputación de León suprime a Casa cuna de Ponferrada en 1887, “al entender que aquella comarca podría servirse del Hospital de Astorga”. Convén dicir que a terminoloxía máis aplicada ao Bierzo é a de rexión (xornais, literatura, política…
O século XX foi declaradamente centralista, pola influenza das ditaduras, o que perxudicou ao Bierzo. En 1932 a Deputación leonesa suprime definitivamente a Casa cuna de Ponferrada. Na capital provincial xorden museo, arquivo, biblioteca, etc. A carcere do partido desaparece en 1968. Un ano depois o Consello de ministros crea a Mancomunidade de municipios da Comarca de Ponferrada. A Comarca do Bierzo xorde noutras muitas denominaciois de divisiois territoriais ministeriais (Agricultura, Gobernación, Comercio…). Nada de descentralización administrativa nin política.
Haberá que agardar até a chegada da Democracia para retomar a reivindicación territorial. A presión social e política conseguen a subsede no Bierzo da Deputación de León. Esta institución, ante a despoboación rural da montaña, crea o distrito eleitoral provincial para O Bierzo que inclúe Laciana. E en 1991 as Cortes autonómicas aproban a Lei da Comarca do Bierzo, apesar da oposición leonesista ante os perigos de desmembración da provincia leonesa e da imposición da lingua galega. Abraidos! Os que piden a segregación da Comunidade de Castela e León, negan a autonomía territorial parcial para O Bierzo.
Ao longo deste rápido percorrido histórico temos visto como O Bierzo ten sido recoñecido de diversas formas (condado, provincia, partido, rexión ou comarca). Por iso semella xusto e lexítimo reclamar que O Bierzo teña o debido recoñecemento da súa tradición institucional e territorial. Non se entende que nos mapas administrativos ou turísticos, da Junta de Castela e León ou Deputación leonesa, non se delimite claramente a presenza da Comarca do Bierzo, a única de existencia legal. Será porque nin Castela nin León apostan xa polas comarcas?. O Instituto leonés de cultura ten o seu “Museo de los pueblos leoneses”, e a cidade de León outro “Museo de las tierras leonesas”. Curioso, minorizan a cultura tradicional a nivel de localidades e indefinidadas terras para evitar identidades comarcais históricas que cuestionen o poderoso reino/provincia. Pola outra banda, para a Junta de Castela e León non hai comarcas, nin na Lei do réxime local (1998), nin na Lei de ordenación, servizos e goberno do territorio (2013), no futuro haberá unidades básicas do territorio, pois polo de agora esta Lei dorme no caixón dun conselleiro descoidado.