‘Galiportus’ adica dous programas monográficos á situación do galego do Bierzo
Radio Allariz emite este sábado o primeiro de dous programas monográficos adicados á situación actual do galego do Bierzo, na sección O Marco do programa Galiportus dirixido por Germán Estévez.
O Marco, unha sección que quere espreitar e botar unha ollada ao lado de «alá», visita O Bierzo. «Esa comarca veciña a Valdeorras con forte espírito de pertenza e que loita desde hai décadas polo seu recoñecemento, lonxe de leonesismos e máis lonxe aínda do significado da autonomía de Castela e León», apunta o responsable do programa.
Estévez conversou con algúns dos protagonistas que reivindican o uso e a protección do galego do Bierzo, «tan galego como o que se pode falar na Galiza administrativa». «Xente fenomenal que só queren unha cousa: que a lingua e a cultura galaico-portuguesa perviva do outro lado das Médulas ou de Pedrafita…», explica.
Ricardo Témez, editor do dixital Bierzodiario; Sara Rodriguez, tradutora berciana que creou o primeiro dicionario do galego do Bierzo, con case 15 mil termos; Paco Velasco, catedrático de latín e veterano activista galeguista na comarca; e Marisa Cela, membro da histórica Escola de Gaitas de Vilafranca, son os entrevistados na primera entrega.
Na segunda parte, que se difundirá a vindeira semana, falan o académico correspondente polo Bierzo da RAG, Héctor Silveiro; Xabier Lago, de Fala Ceibe; o editor Paco Macías; e Raúl Ochoa, de Filandón Berciano. Como no caso do primeiro, este pódcast amén se poderá escoitar nas plataformas Ivoox, Spotify, Apple Podcast ou Podgalego.
Germán Estévez é o creador e condutor de Galiportus, un pódcast de contidos que busca pór en valor a relación entre a Galiza e Portugal tratando diversas cuestións que afectan e interesan a ambos os países. Tamén se emite en Radio Allariz, a emisora pública municipal esta vila da provincia de Ourense.