[AS CEN VILAFRANCAS/ 21] A Somoza berciana, terra de urxencias
Limiar para a súa restauración toponímica
HÉCTOR M. SILVEIRO | Cuando ao corazón da Somoza xa se achegan polo camiño sinuoso os romeiros á Romaría de Fombasalá aproveitamos para facer unha cala nesta antiga merindade atendendo a unha das urxencias que corre, unha reivindicación necesaria aínda que sempre haberá alguén que pense, tras ler isto, que non o é para tanto. Analizaremos a fraxilidade pola que pasa a súa toponimia, o perigo de desaparición que corre e de como frealo, conscientes de que este territorio en crise que sofre unha grave despoboación precisa unha maior atención noutras muitas facetas, pero tamén nesta. Ao noso xuízo o nome propio é un trazo esencial no recoñecemento da identidade das persoas e tamén dos lugares, permitan pois que nos ocupemos deste asunto. Falamos da urxencia pois a falta de poboación é un dos factores que máis inflúe na perda da riqueza toponímica intimamente relacionada coa microtoponimia (os nomes de lugar de leiras e terreos produtivos, de montes e pastos de pequenas extensiois nun territorio cunha seria caída demográfica da poboación, son os primeiros en perderse). Logo ese será un dos obxectivos a marcar, restaurar a súa riqueza toponímica. Mais inicialmente, como un primeiro paso e a modo de limiar, propómonos denunciar a deturpación histórica da macrotoponimia da Somoza.
A denominada no Antigo Réxime Merindade da Somoza, unha subcomarca berciana actualmente pertence ao municipio de Vilafranca do Bierzo, pero ata 1967, non hai tanto, era case na súa totalidade un concello hoxe extinto con capital en Paradaseca. Unha zona historicamente marxinada e mui maltratada, pero cunha clara conciencia identitaria ao que contribuíu a fala das súas xentes, unha terra que acumula múltiples reivindicaciois pendentes de solución. Entre elas, a máis recente a de rematar co seu enmudecemento pola falta de cobertura de telefonía que sofren como vítimas singulares dese lamentable absurdo abandono do rural que propicia o capitalismo que nos goberna e que ameaza seriamente a súa supervivencia. Sendo este un tema crucial, como xa apuntamos, faise necesario reparar na recuperación da toponimia, unha das riquezas patrimoniais da antiga merindade que garda centos de nomes de orixes remotas coma un tesouro. Se ben alguis deses nomes de lugar nos resultan familiares e os temos na boca, lamentablemente son frecuentes tamén as súas deformaciois, polo que precisan dunha posta en valor consciente e urxente.
Imos comezar logo polo máis básico: Un topónimo non se debe traducir. É dicir, debemos respectar a forma que os habitantes do lugar utilizaron ou aínda utilizan. Caeríamos nun ridículo absoluto se substituísemos topónimos como Aira da Pedra ou Paradiña pola súa correspondente tradución ao castelán, porque por máis que a súa “posible” tradución fose: “Era de la piedra” e “Paradita” ningún dos seus habitantes sentirían que están nomeando o seu pobo con este nome escrito en correcto idioma cervantino. O certo é que a depuración sistemática ou o intento de tradución e adaptación dos nomes orixinais nos escritos oficiais por parte das autoridades de vello foi toda unha constante, unha insensibilidade máis cara a estas terras, ignorantes da deformación que produce esa tradución estragando a rica realidade lingüística que existía (lembren que tampouco as autoridades foron nunca respectuosas con calquera outra manifestación da lingua propia da veciñanza da Somoza). A proba desta tendencia a traducir os topónimos témola nos rótulos e denominaciois dalgunhas das localidades: Teijeira, Villar de Acero en lugar de Teixeira e Vilar de Aceiro como sería o propio aparecen por todas partes. Esta falta de respecto institucional, as máis das veces, en lugar de provocar a protesta ou a indignación dos nosos veciños e veciñas levou e, desgraciadamente, leva aínda hoxe a unha parte considerable da poboación, a calar a enmudecer ao crer que os que se trabucan coa denominación nos letreiros son eles, e que, pola contra, as administraciois que os puxeron na entrada do pobo ou que envía un documento escrito co nome traducido, fai un uso correcto dos mesmos (lembremos a transcendencia da escrita e a inercia de centos de anos nos que a maioría da poboación non sabía nin escribir). Non se vía, segue sen verse, nese procedemento unha violación dos dereitos lingüísticos dos habitantes da Somoza.
Mapa da Somoza na entrada de Villafranca da WIKIPEDIA coas denominaciois oficiais, pero cos topónimos deturpados.
Temos que advertir que esta cegueira non é exclusiva dos somozanos, afecta para a nosa desgraza a muitos outros colectivos. Dita presión secular, como seguramente saben, é resultado dunha práctica que se vén repetindo desde hai séculos aínda que foi determinante, en muitos casos, o último período da historia peninsular, o do franquismo, xa que en boa medida esta etapa segue viva, a pesar da volta á democracia. Despois de ser recuperados muitos dereitos, os lingüísticos seguen sen se reparar. O dano producido e asentado ao longo deses corenta anos nas que se perseguía e prohibía todo tipo de manifestaciois lingüísticas que non fosen no único idioma oficial da ditadura, permanece practicamente intacto e mantense a día de hoxe esa vella opresión sobre a fala das xentes humildes. E aí temos a controversia e a deturpación dos nosos topónimos instalada na historia como outra lousa máis sobre as persoas que viven nesta subcomarca deprimida, a cochar a súa personalidade embulando e estragando o seu patrimonio.
Menos mal que existen persoas coherentes que dignifican e axudan co seu exemplo á recuperación da fala tradicional e, como non, da toponimia, por exemplo, a través da literatura, e volvemos así a importancia da escrita neste proceso. Aí temos ao encomiable Aquilino Poncelas, mestre e autor de varias publicaciois nas que reivindica a fala e o topónimo de Teixeira, o lugar onde el naceu. O certo é que Teixeira é un nome de lugar cada vez máis usado e ten maior presenza e recoñecemento social grazas, entre outras cousas, á prensa escrita que ultimamente está a facer con certa frecuencia un uso axeitado do topónimo. Resulta máis complexa a recuperación doutros topónimos como o de Vilar de Aceiro, porque hai vilaregos/as (reparen no xentilicio que non admite “villaregos”) que seguen a usar a forma deturpada, aínda que na boca muitos din Vilar, como o fai na súa escrita o amigo Aquilino.
Outro topónimo que corre unha sorte contraditoria, pero que mellora día a día é o da Veigueliña. Xa no século XIX en 1809 Munárriz ao redactar a súa Descrición de la Merindad de la Somoza para argumentar a favor da explotación mineira da zona, curiosamente escribiu sempre Veiguiliña (ou Viguiliña). Non obstante segue sendo maioritariamente usado Veguellina na rede e muitos escritos, mesmo de prestixiosos historiadores do presente baixo a presión da oficialidade da denominación. Non deben coñecer o acontecido a un opositor a mestre da capital leonesa, natural do propio León que vira na oferta das prazas a de Veguellina e non dubidou escollela pensando que era Veguellina de Órbigo, próxima a León, cuando realmente era a Veigueliña da Somoza, que evidentemente non figuraba así nos documentos oficiais, senón como Veguellina, confusión da que o noso protagonista se lamentou ao ter que desprazarse finalmente a un lugar muito máis recóndito e distante da capital.
Por certo, Munárriz no XIX tamén deixa constancia no tratamento distintivo da toponimia local ao incorporar obrigatoriamente o seu artigo como ocorre co topónimo A Somoza, que el castelanizaba, claro está, pero que sempre escribe acompañado do artigo, algo que tamén rexistra para A Pobladura cuxo uso hoxe está en declive e, talvez, habería que repensar a súa recuperación, sen esquecer de paso algo ao que debemos estar moi atentos neste proceso de restauración como é a contracción do artigo coas preposiciois cuando se dean, como é o caso do topónimo completo: A Pobladura da Somoza. Outra curiosidade do texto de Munárriz é que apenas usa o nome máis popular para o topónimo da explotación aurífera romana das Barrancas Rubias, usando A Luctuosa, iso si, sempre co artigo feminino, polo que nós deberiamos insistir en que o topónimo destas Médulas da Somoza, será tamén co artigo correspondente A Leitosa.
Hai casos nos que a presión sobre a toponimia primixenia é tal, e tan antiga, que resultará complexo chegar a súa restauración e será dificilmente asumible pola propia poboación. Campo del Agua é, posiblemente, o topónimo que máis custe asimilar unha necesaria corrección. Digamos a favor da súa restauración plena que se constata amplamente nos propios falantes da Somoza que a auga é nome feminino a todas luces, logo é seguro que o topónimo está deturpado de vello e sería recomendable a súa restauración nunha forma como Campo da Auga.
Outramente a maioría dos macrotopónimos da antiga Merindade: Aira da Pedra, Burbia, Cela, (A) Pobladura, Prado, Paradiña, Paradaseca, Porcarizas, Ribón, San Cosme, A Somoza, son topónimos que non presentan problemas ao se formular xa no galego da zona. Poucos serán logo os que esixan da nosa sensibilidade, da dos medios de comunicación responsables, en gran medida da difusión e dignificación do proceso de rescate dos nosos nomes de lugar, e, por suposto, dos órganos competentes das distintas administraciois de ir incorporando os cambios pertinentes para recuperar a súa forma orixinal. Son só cuatro os que agardan esa restitución, unha pequena parte dos topónimos que xa falamos: Campo da Auga, Teixeira, Veigueliña e Vilar de Aceiro.
Poderíamos ampliar esta pequena listaxe de nomes de aldeas e pobos da Somoza cos que, a pesar de ser unha especie de barrios afastados de Vilafranca, podemos consideralos dalgunha maneira e pola súa veciñanza parte da mesma: Ponte de Rei, Landoiro, Vilachá.
Hai que sinalar, iso si, que unha altísima porcentaxe dos microtopónimos deste territorio son formulados en galego da zona, como se demostra mesmo lembrando os citados en fontes documentais como a descrición de Munárriz, un personaxe neutral á hora de conservar a súa formulación orixinaria: As Algueiras, Alzadas, Borgotiga, Caborca de S. Felix, Campo do Escallo, Casais, Castrelo, Castro de Valseco, Chan de Braña, Coballón de Rodicales, Fonsagrada, A Mirandela, Moralba, Outeiro, Pedra Cabalar, Soutullo, Valderebolo …
Esta entrega, dixémolo máis arriba, vén sendo unha especie de limiar dun arduo traballo pendente no que nos pretendemos embarcar xunto cun grupo de persoas colaboradoras. Certamente o máis difícil está por facer. Trátase da recolleita dos centos e centos de microtopónimos que debe de ir acompañada, a ser posible, dunha xeolocalización para poder dicir que a restauración realizada é completa. Axudarán muito todo tipo escritos sobre A Somoza onde se citen os seus topónimos, documentos históricos como o Cartulario de Sta. María de Carracedo, catastrais ou notariais novos e antigos, onde constan propiedades, testamentos e herdanzas, científicos como o de Oliver Soto Abella, o paradego que escribiu a súa tese doutoral Las asociaciones laico-religiosas en el Bierzo Oeste durante el Antiguo Régimen sobre as confrarías da zona, ou literarios como as Estorias e contos tradicionais dos Ancares de Aquilino Poncelas. Estas referencias deben ser contrastadas ineludiblemente pola información esencial que só pervive na mente das persoas que residen ou naceron na Somoza.
Concluímos xa abordando un último aspecto que haberá que realizar para documentar convenientemente a restauración que se pretende. Consiste en indagar a etimoloxía dos termos recollidos, buscar o seu significado orixinal. Vexamos eiquí un par de exemplos: O primeiro o que significa o topónimo A Somoza. Un dos documentos medievais onde aparece documentado é no Cartulario de Sta. María de Carracedo. Aínda que o autor da transcrición e edición que manexamos, Martín Martínez, no seu índice de lugares esquecera involuntariamente o seu nome, puidemos atopalo de todos os xeitos nalgunha das súas entradas. Por exemplo, consultando un texto en latín, unha donación do século XIII na páxina 323, texto 464 do ano 1251 no que o vemos a carón doutros topónimos que axiña se recoñecen:…omnes hereditates quas habeo, vel habere debeo cum suis populationibus in Fonvasallana, et in Cela, villae quae yacent in Sumoza…
Sumoza, é a nosa Somoza que como ben explica o especialista, recentemente falecido, Elixio Rivas Quintas, é un topónimo de orixe latina que estaría composto dun prefixo Su-/So- que vén do latín sub– e da que deriva a preposición so en galego que significa “ao pé de” e logo –moza que procedería de montia, é dicir, “montes”. Logo A Somoza quere dicir literalmente: “ao pé das montañas”.
Mais para que nos deamos unha idea da dificultade á hora de acertar coa etimoloxía de certos topónimos a seguir analizamos un segundo topónimo, o de Fombasalá que seguramente viron xa no texto en latín do século XIII do Cartulario antedito como: Fonvasallana. Certo é que actualmente escuitamos Fombasallá porque é como aparece escrito case sempre. Pero no propio Cartulario preséntase con diferentes formas que nos fan reflexionar, poñan atención:
-Fon Basaylaa páx. 324-325 ano 1251, textos en galego 465 e 466.
–Fon Basalana nos foros do ano 1273 páx. 427, texto en galego 600
–Fon(t) Basalaa páx. 436 ano 1274 texto en galego 612 e logo noutros textos en galego, en concreto, o 692 do ano 1293 e o 777 do ano 1313, xa no século XIV.
Todas as fórmulas empregadas evidencian unha posible evolución fonolóxica moi común derivada da desaparición no galego medieval do –n- final situado entre dúas vogais, ademais da xa explícita simplificación do -l- na sílaba anterior: llana > -laa > -lá que xustificaría no topónimo actual tanto esa simplificación do -l- (que logo por influencia do castelán tende a recuperarse), como, por suposto, o acento e a contracción do -á final nesta palabra: Fombasalá. Mais aínda hai outro apuntamento de interese: a claridade con que a grafía medieval deste cartulario sinala que estamos ante un topónimo composto por dous lexemas, o primeiro un substantivo que é claramente “fonte” e un segundo que sería seguramente un adxectivo de máis difícil interpretación, independentemente de que se escriba con v ou con b: vasallana/ Basalana/ Basaylaa/ Basalaa. Sobre esta cuestión hai dispares opiniois e diversas posibilidades de explicación. Jesús García García defende que basalla ten que ver con “real, rexia, do rei” significaría entón “fonte real”, algo distinto ao que asegura David Gustavo López que o fai derivar do xermánico, explicable como unha redundancia frecuente na toponimia: “fonte de auga”. Nós pensamos que o adxectivo pode estar relacionado co nome dun antigo propietario/a da fonte ou do lugar, logo pode haber un nome propio asociado ao dito adxectivo. Lembremos a coincidencia do microtopónimo que dá nome ao monte, Chao de Galiana, onde se sitúa precisamente o santuario de Fombasalá. Outras interpretaciois populares e menos certeiras xogan coa semellanza do adverbio alá “fonte de máis alá” e mesmo coa existencia de varias fontes ou lugares próximos onde brota a auga usando o “fonte vasallá” no sentido de que unha deriva ou depende da outra. Máis forzada e, de andar por casa, será a de quen ve “pombas alá”.
Rematamos polo de agora desexando, en próximas entregas, ir dando conta, tanto do labor urxente de restauración toponímica prometido, como de volver a tratar da nosa Somoza baixo outras ópticas tan interesantes e necesarias como a que hoxe abordamos.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.