[AS CEN VILAFRANCAS /22] E figos de Corullón!
HÉCTOR SILVEIRO | Ás veces un pequeno detalle como o sabor delicioso dun figo pode levarche a unha fonda reflexión. O tempo dos figos inaugurábase en Vilafranca por Santiago. Canastras cheas de zoupeiros de Corullón chegaban á feira do 25 de xullo da vila ata ben entrados os anos 60. Eran unha das delicias e dos sabores asociados á memoria daquel día que hai tempo que andan desaparecidos. Como este, poderíamos falar doutros muitos deleites e privilexios propios de vivir nunha terra fértil e xenerosa que, cunha absurda facilidade esquecemos sen criterio, dominados por un consumo de supermercado fillo dese capitalismo depredador e destrutor no que estamos instalados. Por iso non queda outra que falarmos das figais porque nos resistimos a perdelas para sempre, e con elas os seus sabores, e porque Corullón de vello foi e segue sendo hoxe un deses referentes marabillosos a ter conta nesta reivindicación dos esenciais valores que nos ofrece o mundo rural, non só para manter vivos os praceres dos seus agasallos culinarios, senón tamén como esperanza dunha economía de noso.
Estívenlle dando a lata estes días a varias persoas veciñas de Corullón para saber das variedades de figais na zona e dos seus nomes. Foi un capricho que quixen satisfacer despois de probar na Estremeira unha breva, tamén chamada bévera, das da primeira colleita (para quen non o saiba, as brevais ou bevereiras chamadas biferas producen dúas veces ao ano, unha no mes de xullo nas ramas vellas e a outra de setembro a outubro nas ramas novas). Á hora de recuperar a memoria é bon comezar polos nomes destas árbores espléndidas que producen flores que se comen. Imos falar polo de agora de cuatro, xa que sabemos que existe na contorna algunha variedade máis.
Comezamos logo cos figos da zoupeira que maduran polo San Pedro, son verdes e son os ideais para conservalos en almibre. As xentes de Corullón editaron no ano 2012 unhas camisolas para a festa patronal onde se podía ler: Zoupeiro: Dícese do habitante de Corullón que colle as vacaciois pra coller castañas, cireixas , vendimar, arrincar as patacas , demoucar as facendeas , gadañar a herba… Zoupeira/o é unha palabra que cobra entón unha acepción distinta no Bierzo ao identificar as figais e aos figos, ademais desoutro nome co que se identifican os propios de Corullón. No tocante ao significado no Dicionario dos dicionarios da lingua galega aparece un apuntamento do traballo de Elixio Rivas no que aparte do adxectivo que identifica ao figo di que se trata dunha clase de figo grande (recollido en Dragonte) e coloca ao seu carón a palabra zoupudo, pesado por exceso de gordura, foupeiro, cachazudo, pesado, foupa o zoupa, cachaza, etc. (Frampas I), calidades que dalgún xeito podemos aplicar ao figo.
As brevais (que en galego normativo serían bevereiras) dan dúas veces figos de pel negra e de carne vermella e doce. Vese cuando maduran ao presentaren na pel exterior unhas estrías brancas da cor da capa interior desa pel escura que os rodea. O meu pai comía as brevas coa pel, aínda que hai quen prefire quitarlla antes de saborealas.
Outros figos de cor verde e carne clariña, mui doces, son os denominados gota de mel, que se que chaman así, ademais de pola súa dozura, pola característica pinguiña transparente e meliflúa que presentan no cu do figo cuando están maduros, que é no mes de setembro, como máis tarde polo San Miguel. Eu xa probei un par deles este ano.
A cuarta especie son os vendimaregos/vindimaregos que presenta unha cor escura semellante ás brevas, pero tamén ao viño e cómense na época da recollida da uva como o seu nome xa nos indica. Unha variedade de figais que é tan propia da zona como as zoupeiras, aínda que menos apreciada, cousa que non alcanzamos a saber ben por que; ao meu pai eran dos que máis lle gustaban.
Estes nomes das figais, palabras asociadas aos nosos sabores, ímosllelos facer chegar a Sara Rodríguez de Carracedelo que xa prepara unha segunda edición do seu Dicionario do Galego do Bierzo. As palabras escritas teñen unha importancia relevante ao converterse na memoria literaria que alimenta de cote a nosa identidade. Iso pásanos ás xentes do Bierzo con Sara ou con Antonio Fernández Morales que a mediados do XIX decide escribir os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano e no poema Villafranca y a vendima ao describir a feira na nosa vila vai destacando de cada lugar presente os seus máis sinalados produtos; di:
Si logo se vai á plaza,
verá pampalliños,
liño en cerros pequeniños,
de Dragonte leña e caza,
de Hornixa marraniños.
Leite fresca de Vilela;
as truitas de Paradela;
de Burbia a leite mazada
i estopa de Horta en manelas.
Manteca, en grandes roscois
de tripas, de Paradiña;
de Penoselo jamois;
perdices da Veigueliña,
e de Ruitelán castrois.
De Bembibre pimentón;
nas tabernas muitas zorras;
de Galicia pescao bon;
trigo e mel de Valdeorras,
e figos de Corullón.
Xa no longo poema Cuento Satírico o mesmo autor escollera como protagonistas a dous personaxes: Xan, un corullonés que era criado dun honrado portugués que se establece en Corullón, e que, encantado do país, comercia cos figos do lugar. Ambos emprenden un viaxiño por Castela adiante e van verse envoltos en varios conflitos disparatados rematando no cárcere e con problemas coa xustiza. Será a colleita de figos o que os salve, como confesa o amo que envía ao criado a Corullón por cuartos:
Non lle a pesar sacarme dos apuros
pois anque o saco meu reclame en vano
aínda teño en Corullón mil duros
i a cosecha de figos dese ano.
Corullón logo tiña colleita abondo de figos para facer fronte aos dispendios que a torta xustiza do XIX esixía. Por certo a quen lle pareza que o autor deste conto satírico e crítico, estaba fantaseando ao falar dunha industria para comerciar cos figos, haille que dicir que en Vilafranca houbo xa unha fábrica de fruitas confeitadas, entre elas figos, denominada Almíbares y Conservas LEDO que foi pioneira neste tipo de produtos da terra. Antonio Fernández Morales, como vecín que foi da vila, debía coñecela mui ben porque fora fundada como confeitería en 1818. Chegou a ser premiada en 1900 na Exposición Universal de París, pasando a industrializar ao por maior as súas fruitas confeitadas como tal en 1920, para o que creou unha instalación no camiño da Estación que estivo en activo ata 1996 elaborando como produto estrela os figos e toda clase de frutas en almíbar, doce de marmelo, marmeladas, turrois, chocolates, perdices, paspallás, coellos e truitas escabechadas, pementos, fritada de tomate. A súa sirena, sons da miña infancia, coma se fose un reloxo do campanario soaba a diario ás 9, ás 13, de novo na quenda da tarde ás 15 e ás 19 horas. Tivo tamén nunha ampliación industrial cárnica, matadoiro de cochos a partir dos anos 50 incorporando a súa produción tradiional a elaboración de embutidos como os botelos. Hoxe as industrias agroalimentarias do Bierzo de éxito débenlle a esta empresa vilafranquiña ter aberto mercado para este tipo de explotaciois onde o local era referencia. Temos que sinalar neste sentido o que en Cacabelos comezou a facer coas súas conservas Prada en 1972, dándolle á orixe berciana dos seus produtos unha importancia esencial e resultou todo un éxito grazas, sen dúbida, tanto á calidade dos mesmos como ao atractivo márqueting subliñado na rotulación das etiquetas que, por exemplo, comercializa co nome destacado en galego figos zoupeiros.
Logo non estamos falando de figos por falar. Volvamos a Corullón. Actualmente o goberno seu municipal lidera unha serie de iniciativas que coas cireixas e as castañas como bandeira auguran un futuro mellor a estes produtos de seu. Este concello sorprendeunos cunha campaña que titulaba 1000 cireixais máis, que consistía en agasallar aos veciños con novas árbores desta apetitosa fruita e incrementar así o número exemplares para poder adquirir acceder á solicitude dunha Denominación de Orixe específica. Nestes días está piques de inaugurarse un Centro de Interpretación da Cireixa e, á vez, está anunciando outra acertadísima meta, das muitas que vén realizando sobre a castaña. Corullón está en disposición de poñer en marcha a finais de ano un Laboratorio Experimental do Castañeiro cun viveiro para as variedades autóctonas que irá acompañado da adquisición municipal dunha parcela para realizar un souto didáctico. Son iniciativas imprescindibles que aplaudimos e, estamos seguros, que non tardarán en incorporar ao catálogo de promociois a das figais autóctonas.
Todas estas poderosas ideas e proxectos, esixen cambiar o sentido dos consumos e reconcíliannos co noso pasado agrícola. Deberían ser exemplo a seguir por localidades como Vilafranca que tería que saber reconducir a súa tremenda perda de cultivos hortofrutícolas nas veigas do Burbia e das muitas fincas á poula que esperan na totalidade do concello. Recuperar tanto os mercados e as feiras, como procurar axudas para fortalecer este sector primario e promocionar, mimar claramente esa economía rural e ecolóxica, procurar a calidade e a proximidade nunha proposta sostible e acorde cos tempos que corren, que esixirá ineludiblemente a súa incorporación ás cadeas comerciais que se asentan no municipio nunha aposta rigorosa e firme polos produtos locais.
Vilafranca precisa dun pulo económico que explote racionalmente o seu patrimonio e que, sen descartar o pouco imaxinativo e, ás veces, dexenerativo recurso do turismo, non esqueza o seu rico pasado, volva a súa mirada ás raíces e asente poboación con xeito. Agora que vén o tempo, papemos uns figos e reflexionemos, porque non só de turismo vive o home e non podemos ignorar que o noso futuro estará ligado necesariamente aos produtos cos que a nosa terra nos agasalla desde hai séculos.
- Héctor M. Silveiro Fernández, membro correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.