[TRIBUNA] Outro curso escolar
XABIER LAGO MESTRE | Comeza un novo curso escolar na rexión do Bierzo coas aulas de galego en muitos colexios e institutos. Xa ben lonxe resta aquela movilización social pola demanda do idioma de galego. Aínda recordamos a oposición que houbo desde os grupos leonesistas porque se executaba a aprendizaxe deste idioma voluntario. Agora desde León miran con envexa que no Bierzo haxa clases de galego e o seu idioma estea fóra do ensino regrado.
Temos novas das protestas no colexio da Veiga de Valcarce porque as autoridades educativas queren que deixe de ser colexio agrupado. Aínda conservamos o recorte do xornal El País (1997), relacionado coa reación deste colexio ante a aprobación política do ensino do galego no Bierzo. Segundo dito artigo, o seu profesorado declaba que “no consienten a sus alumnos usar el gallego. El bilingüísmo es nuestro mayor problema”. Grandes eses mestres teimosos en empecer que o seu alunado fale en galego. Por iso de nada serviron as demandas de galego até hoxe, eles testanos coa súa de rexeitar que o galego entre nas súas pechadas aulas.
Pola internet de cando en vez xorde algunha mestra do colexio de Viladepaos que se atreve a denunciar as maldades do galego do seu centro. Segundo ela, o idioma galego empece que o seu alunado fale ben o español. Resulta un grave problema que os estudantes non saiban deixar o seu galego fóra do colexio. É dicir, o galego só para falalo no seo da familia, coa veciñanza e amizades, mais non no colexio de Viladepaos. Total, coma nos vellos tempos da ditadura, vaia pedagogos que temos aínda!.
O certo é que a comunidade escolar berciana aceita de bo grao a presenza do galego nos colexios, institutos e escola oficial de idiomas. Padres e estudantes saben da importancia de coñecer o galego a efeitos comunicativos nesta aldea globalizada. Aprender galego posibilita continuar estudos superiores nas tres universidades da Galicia, ademáis de atopar traballo, privado ou público, Xunta, Sergas, Xustiza, concellos, etc. Que mellor será traballar perto, na Galicia, que ter que emigrar para Madrid, Valladolid ou máis aló.
Ademais, o idioma galego ten outra vantaxe. Trátase de que resulta doado aprender a lingua portuguesa. Son dous idiomas cunha orixe medieval común que ben que se nota na grafía cando entramos na internet ou visitamos o país luso. Portugal ofrece muitas posibiidades educativas (universidades) e profesionais ao alcance da man. Podemos asegurar que cun nivel mínimo de galego ben que se pode un comunicar cos portugueses. As diferenzas fonéticas, gráficas e léxicas son mínimas cando se trata de favorecer os desexos de comunicación entre comunidades veciñas.
Xa quixeran os asturianos e leoneses ter esta irmandade cultural que amosamos os bercianos cos galegos e portugueses para promocionar o noso idioma minorizado (comarcal), que non o é tal cando se rexionaliza (Galicia) e internacionaliza co portugués. En este contexto o galego do Bierzo ten grandes posibilidades de futuro no século XXI, superando claramente as eivas da ruralidade secular e o illamento estremeiro.
Os bercianos ben soubemos pasar dos enganos do leonesismo cando nos falaba de invasión cultural ou colonización galega. Toda esta estratexia ideolóxica foránea, elaborada polas elites, política e cultural de León, fracasaron na súa idea de amosar o idioma galego coma estrano á tradición berciana. Eles defenderon as súas falas e dialetos leoneses para crear algo ben distinto da lingua galega que nos une históricamente cos falantes de Galicia. Hoxe, os leonesistas, visto que os bercianos temos conciencia clarexa de falarmos galego, piden un trato institucional igualitario para a súa lingua leonesa, e mentres non deixan de reclamar un apoio social para as súas diversas falas territoriais que malviven entre os seus vales montañosos.
Os falantes galegos do Bierzo non nos sentimos sós cando compartimos idioma con tantos millóns de falantes (galegos, portugueses, brasileiros, angoleños…). Amais, contamos coa difusión mundial através da internet, coas redes sociais, páxinas web, videos, etc. Somos muitos os que valoramos a importancia cultural dos idiomas. Xa cada vez menos son un problema, coa axuda dos tradutores automáticos de peto. Sería un grave erro social non aproveitar máis a presenza do galego no Bierzo para avanzar no bilingüísmo que conservamos por herdanza histórica. Os prexuízos do uniformismo anglófilo e do supremacismo castelao debemos superalos para axudar ao mantemento do plurilingüismo mundial.
O Bierzo, setembro de 2024.