[TRIBUNA] Intentonas de ordenación territorial
XABIER LAGO MESTRE | Na veciña Galicia tivo lugar recentemente un Congreso de reforma do mapa municipal. Pouco ou nada se pode tirar desta xuntanza porque seguen cos mesmos proxetos de fusiois municipais, mancomunidades intermunicipais, áreas metropolitanas e consorcios. Muitos aínda recordamos cando Galicia intentou, pola década dos anos noventa do século XX, a reforma comarcal. Daquela gastáronse miles de cartos para delimitar 53 comarcas, nomeáronse os seus xerentes e creáronse fundaciois. De todo iso xa non queda nada. Outro fracaso máis!. Hoxe hai 313 concellos e 3771 freguesías sen en unha ordenación territorial axeitada. Sen embargo, todos vemos que O Barco de Valdeorras, Quiroga, Monforte, Verín, Becerreá, etc deberían ser potenciados coma centros comarcais.
Polo que se refire a Castela e León, coa chegada da democracia todos os partidos falaban do novo protagonismo territorial das comarcas desta estensa Comunidade autónoma. Velaí os debates da Comisión de comarcalización en 1984. Depois as comarcas foron consideradas perigosas para calquera ordenación territorial alternativa ás provincias de 1833. Por iso, en 2000, fixaron as áreas funcionáis estables (13), para logo xurdir o mapa das unidades rurais (2015). Coma non houbo acordo político de consenso todo está sen execución.
Los bercianos aínda lembramos cando nos debates polo recoñecemento da Lei da Comarca os partidos discutían sobre se sería mellor a previa aprobación dunha lei xeral de comarcas. Por sorte, primeiro foi a creación da Lei da Comarca do Bierzo, doutro xeito hoxe non habería nin lei xeral nin lei singular. En política hai que saber aproveitar as conxunturas favorables. O Bierzo soubo saírse coa súa e ter o necesario recoñecemento legal, primeiro autonómico (1991) e logo orgánico no Estatuto de Castela e León (2007), que reforzou a súa existencia institucional.
A rexión do Bierzo está mui alonxada dos centros provinciais (León, Lugo, Ourense…). Ademais é un territorio moi periférico por mor das serras que nos afastan. Resulta lóxico que se reclame desde séculos una ordenación territorial específica. Históricamente, xa tivo ese recoñecemento territorial e institucional con dúas provincias (Antigo réxime desde 1486 e liberal desde 1821). A isto engadimos a existencia dun centro urbano coma Ponferrada que exerce as súas influenzas funcionais (sanitarias, comerciais, administrativas, comunicaciois…) sobre varias comarcas veciñas (Laciana, A Cabreira e Valdeorras). Máis de 120.000 habitantes merecen outro tratamento administrativo por parte dos gobernos foráneos, como si o teñen outros territorios de menor poboación (Zamora, Soria, Avila, etc.
Por todo o dito, parece razonable que no século XXI haxa unha atitude máis descentralizadora co Bierzo. Hai que potenciar o Consello comarcal para compensar as graves carencias (persoais, materiais, económicas…) dos concellos rurais e das numerosas pedanías. Estes dous tipos de corporaciois locais tiveron a súa orixe na Idade media, mais hoxe teñen perdido gran parte da súa funcionalidade, velaí o seu grave perigo de desaparición. Sen o decidido complemento competencial do Consello comarcal, a meirande parte dos concellos e pedanías non poderán sobrevivir. O futuro institucional do Bierzo está en crear un Consello comarcal forte, capaz de negociar co resto de instituciois (Junta CyL, Deputación, Estado e Unión europea) pola descentralización axeitada.
A rexión Sileste pode organizarse doutra forma. Queremos dicir que hai un gran centro urbano, Ponferrada, mais isto non empece que haxa outras cabeceiras comarcais. Así debería acontecer con Villablino/Laciana, Bembibre/Boeza, Fabeiro/Ancares, Vilafranca/Valcarce e A Ponte/A Cabreira. Para acadar isto hai que articular as vías de comunicación e os transportes públicos, e potenciar os servizos públicos.
Noutras épocas pasadas tivemos sucesivas dinámicas económicas. Primeiro agrogandeiras e viñateiras, no século XX industriais (mineiría do carbón e ferro, madereiras, cementeiras, enerxía térmica e hidroelétrica…), e hoxe, louxeiras e otras enerxéticas. Porque o capitalismo estatal e internacional establecerán novas funcionalidades económicas para esta rexión dependente. O difícil será compaxinar a agricultura tradicional e ecolóxica coas novas imposiciois enerxéticas lonxanas (hortos solares, biocarburantes, muíños de vento…). Dende logo, necesitamos unha institución comarcal que supere os meros intereses localistas e, con forza abonda, represéntenos para resistir as presiois foráneas que se aveciñan sen xeito.
O Bierzo, outubro de 2024.