[CRÓNICA] As comarcas irmandiñas
XABIER LAGO MESTRE | De novo os irmandiños voltan a Ponferrada para recordar a revolta medieval contra o conde de Lemos. Máis aló das liortas rueiras entre cabaleiros e vasalos polas rúas e castelo desta cidade, convén coñecer un pouco daquela historia recuperada que non é muita. A fines do século XV os vasalos foran asoballados polos seus señores. O sistema económico, xurídico, fiscal e eclesial favorecía a uns poucos privilexiados fronte á meirande parte da poboación subordinada. Velaí que xurdiran numerosas protestas antiseñoriais. A que hoxe tratamos é coñecida coma revolta irmandiña que se estendeu por todo o noroeste peninsular.
Os núcleos galegos da rebelión irmandiña tiveron continuidade na chamada Galicia estremeira. As comarcas estremeiras participaron deste movemento levantisco. Foi o caso do ocidente de Asturias, segundo nos indica o historiador Vasco de Aponte, pois o capitán Pedro Osorio tivo apoio de fidalgos galegos e asturianos de Navia e Burón, zonas dependentes do bispado de Oviedo. Polo que se refiere ao sul, na comarca da Seabra está documentado que o IV conde de Benavente, Rodrigo Alfonso Pimentel, atacou aos irmandiños na localidade de Cobreros, o cal señor “mando poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos” (Isabel Beceirro Pita).
Sábese que unha coluna irmandiña entrou desde Ourense en Valdeorras. Nesta comarca os vasalos atacaron dous castelos, O do Castro, xunta O Barco, era de Juana de Castro, señora de Valdeorras e Manzaneda. O outro castelo foi do Bolo, de Juan Pimentel, señor de Viana e O Bolo. Por certo, segundo preito de 1520, o dito señor impuxo pola forza a reconstrucción desta fortaleza (Isidro García Tato). Esta frente irmandiña ben puido entrar no Bierzo polo estreito de Covas e derrubar os castelos de Lusio, Pena Ramiro e Pena Vizosa na comarca da Cabreira Baixa, para continuar até a fortaleza de Cornatelo.
Outra coluna irmandiña entrou polo porto do Cebreiro desde Lugo. O seu obxetivo foi atacar os castelos do conde de Lemos nesta zona, a saber, Sarracin, Corullón, Vilafranca e Ponferrada, onde se refuxiara o fuxido conde de Lemos. Cando chegaron os milleiros de irmandiños tivo o perseguido conde que marchar para León. Das actividades militares no Bierzo sabemos de dous centros irmandiños, Ancares e Arganza. No primeiro os imandiños enfrontáronse ao poder señorial do mosteiro de Espiñareda, e no segundo o señor de Arganza foi morto polos seguidores do conde de Lemos.
De seguro que na rexión do Bierzo houbo máis seguidores irmandiños dos que non temos documentado, porque a revolta defendia os seus intereses labregos e fidalgos. Pola contra, sabemos que o conde de Lemos marchou para Madrigal con xente de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada para conseguir apoio da Santa irmandade de Castela (marzo 1468). Po suposto, esta institución foránea casou ben cos intereses do conde porque só el podería recadar cartos para a irmandade castelá.
A rexión do Bierzo estaba controlada polo réxime señorial (laico, eclesial e monástico). A debilidad da Coroa de Castela favoreceu o medre dos señores. Caso das concesiois reais hereditarias ao conde de Lemos, señor de Bembibre ou marqués de Astorga, mentres que os mosteiros recibiron máis exenciois e privilexios.