[TRIBUNA] Noso Bierzo foraleiro
XABIER LAGO MESTRE | Galicia e O Bierzo teñen unha ampla historia común que a xente descoñece. Hai muitas instituciois que compartimos ámbolos dous territorios (concellos, feguesías, compaña, foros, etc). Nesta ocasión pescudamos no tema dos foros agrarios que estiveron presentes na meirande parte do noroeste peninsular. Os tombos dos nosos mosteiros bercianos están cheos de referencias aos ditos foros, coma os arquivos señoriais e protocolos notariais.
Comezamos na Idade media para indicar que os foros agrarios eran contratos que se establecían entre os señores (laicos e eclesiásticos) para fixar a explotación dun ben (terra, prado, casario…), ademáis de regular unha relación de vasalaxe entre ámbalas dúas partes (suxeitos xurídicos). Velaquí o caso do mosteiro de Carracedo que afora en Canteixeira. Trátase de herdades para os vasalos, “que la tengades poulada por vos personalmente e la labredes bien”. Coa contrapartida de dar á abadía, “nos dedes la quarta, de aquanto labrardes, e criardes cada año e la tercia de los porcos, quando foren de vez, e la meatade das eguas, e del ganado mayor partir la crianza cada cuatro años”. Este foro fixa unha nova relación, “e que seades fieles vasallos del abat e del convento”. No caso de rachar este vincallo de vasalaxe, “perda por ende el suo quiñon daquella herdade, e fique libre e quita al monasterio, con todos los labores e bonos paramentos”. A herdade resta ben vencellada, e non se pode separar do patrimonio monástico, “non haber poder de la vender, nen de la sopinorar, nen alear por ninguna manera” (ano 1273).
Por suposto, os señores laicos tamén fixeron uso destes foros agrarios, caso dos marqueses de Vilafranca. O historiador Alfonso Franco Silva fai mención a numerosos foros, entre eles, en Barxas, por casa e terreos hai que pagar unha tega de centeo e unha galiña (1472). Por outro foro en Sigueia da Cabreira, por unhas herdades de pan e viñas tiñan que pagar 14 fanegas, metade en trigo e metade en centeo, máis 13 cañadas de viño (1505). A longa duración dos foros é unha singularidade desta institución, que os diferenciaba do arrendamento e parcería. Así no Bierzo podían ser a perpetuidade ou por tres vidas de reis e 29 anos (as chamadas voces).
Temos visto os foros agrarios mais tamén houbo outra tipoloxía. Así salientamos os foros coletivos que se establecían cos concellos por localidades para a explotación de bens de xestión coletivos (montes, pradoiros, lameiros, morteiras, brañas…). Por estes desfrutes coletivos había que pagar unha renta ao señor. Outros foros foron os de poboamento que a Corona e os señores (laicos e eclesiásticos) fixaban para atraer e protexer a nova veciñanza, a cambio do pago dunha renta comunal, á vez que se determinaban as exenciois fiscais.
Por suposto, a pobreza xeral dos vasalos agrarios, fronte ás sucesivas demandas fiscais dos señores e da Coroa, provocaron numerosos conflitos acotío á hora de recadar. Muitos destes problemas non se recolleron na documentación secular pois tivo un protagonismo oral. O propio rei Felipe II lexisla sobre os censos para declararlos redimibles, de “Galicia y León y provincia del Bierzo y marquesado de Villafranca y en el principado de Asturias” (1573). Os señores, ante os problemas de recadación de cartos, recorreron ante os chamados cabezaleiros, que foron os intermediarios que se aproveitaron das dúas partes, dos pobres foreiros e dos señores. Temos varios preitos sobre estes conflitos, casos do arrendador de foros dos marqueses de Vilafranca e certos veciños de Corullón, polo pago de trigo, centeo e galiñas (1767), ou entre a colexiata de Vilafranca co arrendador dos seus foros e diezmos (1824).
No século XVIII, ante a finalización de muitos foros agrarios, medrou a conflitividade social. Salientamos os duros apeos dos seus foros que fixo o mosteiro de Samos na zona de Toural dos Vaos. Até tal punto chegou o grave problema dos despoxos dos foreiros que os altos tribunais tiveron de intervir (Audiencia de Galicia e Consello real) ademáis da propia Coroa. Sabemos que veciños da vila da Veiga, de Fontoria e Sésamo, “comprendidos todos en la provincia del Bierzo”, preitearon contra do mosteiro de San Andrés de Espiñareda, e reclamaron ante o Consello real, o cal determinou “les vuelva las tierras de que les ha despojado, y tenían en foro vitalicio los causantes respectivos de estas partes”. A Real provisión de 28 de xuño de 1768 estendiu á provincia do Bierzo e provincia de Asturias a resolución favorable para os foros do reino de Galicia de 1763. Tamén os foreiros do marquesado de Vilafranca pediron converter os seus foros en censos perpetuos. O propio marqués pediu á Coroa licencia para realizar dita conversión (1762) (xornal El Progreso, febrero de 1909).
Na segunda metade do século XIX o Estado español forza o uniformismo xurídico. Asi hai un gran debate político na formación do Código civil contra os dereitos forais de Euskadi, Catalunya e Galicia. Tamén os xornais de Galicia fixeron referencia aos foros do noroeste, “no sólo en Galicia, sino también en Asturias, León, Vierzo y Villafranca” (El Correo de Lugo, xuño de 1860). A Gaceta de Madrid (21 de xullo de 1886) recoñece expresamente os “censos en Galicia, Asturias y León”, esta última concrétase no Bierzo. Os debates continúan no século XX, o proxeto de apéndice do Código civil, elaborado pola Comisión especial de Dereito foral de Galicia (1923), establece a singularidad foral no artigo 94, “no regirán en las provincias de Galicia, ni en el Principado de Asturias ni en la comarca del Bierzo los artículos 1611 y 1655 del Código civil”.
Aínda na etapa franquista hai debate sobre os foros agrarios. Por iso créanse tribunais de foros por partidos xudiciais. En Vilafranca hai bens embargados, caso de viviendas, por impagos forais en Busmaior, aínda “que no existen títulos de propiedad de aquellos” (1945). Incluso otra sentenza fai mención nominativa dos numerosos veciños de Busmaior, segundo as súas casas (Miguel, Cobo, Nueva, Panadero…), que teñen satisfeito a paga da pensión durante 30 anos inmediatos, mentres recorda a “sentencia condenatoria de los cabezaleros” de 1932. A resolución xudicial indica o pago dun foro coletivo, “obligados solidariamente a satisfacer”, de 37 fanegas e 10 cuartillos de gran de centeo máis 137 reales desde 1876.
O Bierzo, outubro de 2024