[CRÓNICA] A toponimia de Vilafranca
XABIER LAGO MESTRE | Vilafranca do Bierzo é unha importante localidade do Camiño de Santiago. Ademais identificamos Vilafranca cun amplo municipio hoxe. Máis antigamente foi unha xurisdición formada por 13 aldeas, e tamén deu nome a un grande marquesado señorial da Idade Moderna. Agora trataremos de pescudar na pequeña toponimia que conserva a vila e contorna.
Por suposto para saber da toponimia histórica consultaremos os vellos textos medievais que conservan os tumbos monásticos. A primeira referencia da nosa localidade foi Burbia. Nun documento de 1120 xorden os dous topónimos xuntos, “sita estin villa Burvia, que alio nomine nuncupatur Villa Franca”. Cando se populariza o nome de Vilafranca, engádese a expresión “cerca de Valcalce”. O rei Afonso IX concede foro a Vilafranca en 1192, en lingua galega, mais a vila xa tiña certa organización previa co seu concello (1152) e mailo mercado (1147). Aínda hai debate sobre a razón da nova denominación de Vilafranca, se foi pola presenza de francos (relacionados co mosteiro do Cruñego), pola concesión real de foro vilego devandito cos correspondentes dereitos francos ou por ser terreo aberto fóra do Valcarce.
A organización interna de Vilafranca dependeu das primitivas igrexas (Santiago, Nicolás, Catalina…). Sabemos dos vellos nomes dos primeiros barrios (Seco, Falcón, Santi Espiritus, Santiago…). A isto hai que engadir a presenza de novos barrios periféricos, fóra da cerca e das portas, Salvador, Concepción, Tejedores ou A Granxa.
Do século XIV o mosteiro de Cluni achega outros documentos, “en el dicho lugar de Villafranca, e ias u dicen Cucelo, so signo de Santa María de Villela, e ha términos de vinna de vos mismos, e por términos vinna de San Bras (1376)”. Ese Cucelo (sic) recorda o topónimo Cotelo de hoxe. Lemos a peculiar grafía medieval ll e nn en lugar de l e ñ respectivamente, éstas propias da oralidade local.
No Cartulario do mosteiro de Carracedo temos varios documentos que nos falan da toponimia de Vilafranca. “Duas vinnas que eu ei en Villafranca, su signo de Sancta María de Crunnego. Una destas vinnas chaman a vinna das Troitas (…), outra vinna chaman das Fontainas” (1312). Neses tempos sabemos da existencia dun vello castelo, anterior á fortaleza dos marqueses, “una bodega del monasterio que es en el castello, en la colación de Santiago” (1408). E non todo eran viñas, “cerca dese lugar de Villafranca, o disen la Devesa, so signo de Santiago”.
Se estudamos o tumbo do cenobio de Santo Andrés de Espiñareda, atopamos tamén referencias a Vilafranca. “El poulo iaz hu chaman Bergonno, per términos de Nicholao Paleyro e Domingo Perez Capellan de San Nicolao, e pela carrera antigua a Val de Aquil” (1266). Incluso con menciois aos concellos populares no Campairo, “concello de Villafranca ayuntado en la eglesia de san Nicolao de Villafranca” (1290). Como temos visto, os sucesivos escribanos e monxes utilizaban a grafia que coñecían en cada época, onde non resulta estraña a lingua romance galega.
Para saber da toponimia do século XVIII relemos o tumbo do priorato do Cebreiro. Así atopamos “una viña sita en Cotelo, término de Villafranca” (1755), e outro texto, refírese a un foro de viña “na Pedreira, término de Villafranca, colindante con camino y jardín do marqués de Villafranca” (1756). Os grandes propietarios (laicos e eclesiásticos), controlan a terra, caso do convento da Asunción de Vilafranca que paga por unha viña sita no Toleiro (1760). Topónimos galegobercianos continúan en textos casteláns, “por el medio día camino de carro que baja al sitio que llaman Millaradelo y da con el de Fompombeiro” (1788).
Na propia Vilafranca xorden numerosos topónimos ben galegos. Casos do regueiro Barbuliña e maila praza da Xirula. A praza do Campairo perdeu a súa igrexa medieval de san Nicolás, e con ela, desapareceron as xuntas do concello e o seu mercado vello. O Campo baixo recorda o Campo Cruñego ou san Antonio que perdeu o terreo comunal para dar orixe ao xardín da Alameda no século XIX. Por certo, o propio pai Enríquez Flórez, no seu libro “La España Sagrada” (s.XVIII), apunta “Ntra. Sra. que llamaron de Cluniaco (vulgarmente Cruñego)”, nome claramente galeguizado polos falantes.
Os ríos sempre tiveron muito protagonismo, casos do Burbia e Valcarce. Ademais doutras correntes ocasionais que baixaron polo calexón do Pino e campo da Galiña. Velaí a importancia dos topónimos acuáticos, nos casos de ponte novo, puntecillo e regueiro Barbuliña. Secularmente as enchentas baixaban polas costas para a rúa da Agua, e desaguaban polo calexon do Socubo, camiño do Burbia. Curiosamente, esta rúa principal tivo diferentes denominaciois históricas. Recordamos da Agua (popular), tamén chamada A Rúa (medieval), Ribadeo (ferrocarril a Villaodrid) e do almirante Topete (guerra de Cuba), segundo os sucesivos mandatos políticos. Os gobernos de turno impuxeron Comandante Manso (Campo baixo), Fernández Marva (Campairo), praza Generalísimo (praza maior), praza don Pío (praza Muñoz Torrero), Diego Saavedra (praza da Cerca) ou Calvo Sotelo (A Pedreira).
Vilafranca é moi monumental e isto modifica a traza urbana e maila nova toponimia. Houbo muralla ou cerca medieval, coas súas portas (mercado, cárcava, A Rúa e Vilela). Os máis significativos edificios arquitetónicos condicionan rueiros (Castelo, Anunciada, Colexiata, Concepción, estación, etc). A título de exemplo, houbo castelo anterior ao dos marqueses, “en el castello, en la collación de Santiago” (1408). Outro tanto acontece cos casaríos relacionados coas fontes comunais (san Lázaro, Cubero, Trivijano, Quintano, Libertad…). O terrádego agrario, xunta os ríos, salientaba na Granxa, As Veigas, O Rabo, A Horta grande ou A Ruquela, cheos de hortiñas familiares. Perto estaban as zonas hoxe boscosas das Calellas e Os Colmenares, e noutrora terreos centenais na Aira da Pega e O Penedelo.
A lóxica expansión urbana secular medrou polos novos barrios da Rúa nova, As Veigas, A Granxa, A Pedreira, ademáis das urbanizaciois (Cotelo e Guindaledo). Aínda hoxe, nos pagos viñateiros de Vilafranca atopamos topónimos ben galegos. Ao sur da antiga estrada nacional VI existen Tolleiro, As Chas, A Cabana, Fumpumbeiro, Cabalo latoso, Cerezais, regueira de Toleiro, camiño de Vilela, etc. Queremos que eses vellos topónimos non se castelanicen coas perdas do artigo galego, dos sufixos, etc. porque como tais forman parte do noso patrimonio lingüístico berciano secular. Mais os perigos impositivos axexan por doquier, coas concentraciois parcelarias, as novas vías de comunicación terrestres, os polígonos industriais, etc.
O Bierzo, novembro de 2024.