[TRIBUNA] A perigosa descentralización no Bierzo
XABIER LAGO MESTRE | Na historia comprobamos a existencia das dependencias territoriais. Así foron os casos dos diversos reinos respeito da Corona de Castela, das colonias coas metrópoles imperiais, as provincias coas súas capitais, os señoríos fronte aos mosteios ou bispados, etc. Outro tanto do mesmo acontecera co Bierzo, baixo a xerarquía da Corte leonesa, ou fronte ao poder dos condes de Lemos na Idade media. Posteriormente, a creación da provincia do Bierzo (1486), polos Reis católicos, significou certo grao de autonomía territorial cos correxidores da Coroa.
Convén saber que nas Cortes da Idade moderna eran mui poucas as ciudades (18) con representación por merced real. A cidade de León tivo o privilexio real de representación de tres territorios, a saber, provincia de León, principado de Asturias e provincia do Bierzo. Por suposto, esta relación de dependencia xerárquica non fue pacífica. Tanto Asturias coma O Bierzo protestaron por esta férrea suxeición política, fiscal, xudicial e militar.
Temos numerosos exemplos documentais das reclamaciois do Bierzo ante a capital leonesa. Os rexidores da cidade de León demandaron numerosos soldados bercianos que muitas veces provocaron protestas locais, “sus vecinos e naturales tienen mucho descontento y menor ánimo, dexando sus hijos, mujeres expuestas al enemigo” (1641). Outro tanto acontecía coas sucesivas reclamaciois de León de máis cartos polos impostos (servizos, millóns…). A nivel xudicial, Ponferrada pediu a descentralización fronte ao Adelantamento leonés, “non vos entrometays a conocer (…) de ningunas cabsas cebiles ni criminales tocantes a cualquier concejos e personas de su jurisdición, e le dexeys libremente conocer dellas” (1505). Outros exemplos de demandas descentalizadoras foron a provincia liberal de Vilafranca, durante o Trienio liberal, e as continuas reclamacióis, desde 1833, pola recuperación da provincia do Bierzo.
Damos un salto temporal até a chegada da democracia en 1978, para ver a revitalización das demandas descentralizadoras do Bierzo. Neste contexto tivemos as reclamaciois da recuperación da provincia ou rexión, que finalmente quedaron no recoñecemento legal da Comarca (1991). Sen embargo, desde León non todos admitiron a nosa descentalización parcial. Así o Grupo autonómico leonés (1978) pediu un recoñecemento confuso para as comarcas. Mentres que o Bloque radical del país leonés (1979) falou da federación entre León e O Bierzo. Máis tarde, Unión leonesista (1988) denunciou os intentos de desmembración da provincia ante o inicio dos debates políticos sobre a futura Comarca berciana.
Trala aprobación da dita Comarca, novos temores leonesistas, por iso o político Rodríguez de Francisco (Upl) declara “la Junta ha seguido la rastrera política de divide y vencerás, creando un sentimiento antileonés en El Bierzo“ (1995). Nesta dinámica antiberciana, tamén o presidente da Casa de León en Madrid, conde de Gaviria, dixo que “andan intentando separar El Bierzo” (1994). Ante o recoñecemento do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León non faltan as críticas leonesistas. O Acordo pola identidade leonesa (2000) foi asinado por diversos partidos, no seu punto 5 lemos que “mostramos nuestra oposición a que se adscriban a otros territorios (castellano, asturiano y gallego) parajes y territorios que administrativamente pertenecen a León”. De xeito tácito xorde a posible anexión do Bierzo a Galicia.
Outro tema bercianista que desagrada ao leonesismo é a lingua galega. Cando se admiten as clases voluntarias de galego nos colexios do Bierzo, de súpeto a contrareación leonesista. Os inteletuais e políticos de León elaboran o seu relato antigalego sen xeito. Segundo o xornalista Magin Revillo, promotor dun “Manifiesto leonesista”, dinos que este “nació del descontento surgido, principalmente, por la implantación de la enseñanza del gallego en las escuelas del Bierzo” (1994). O presidente do Conceyu xoven, Abel Pardo, tirou da artellaría verbal, “la lengua que se impondrá sería el gallego” (…), “ante el afán invasionista del gallego oficialista que apoya la propia Junta de Castilla y León” (1999). Todos exemplos da defesa da utópica unidade territorial e lingüística leonesista do seu vello reino fronte aos presuntos ataques foráneos.
En 2006 tivo lugar a inclusión democrática de Palacios del Sil no Consello comarcal do Bierzo. Pois ben, Roberto González Quevedo, membro da Academia da lingua asturiana, escribe “el sueño paranoico del nacionalismo gallego de convertir El Bierzo en la quinta provincia gallega. Además añade, “se pretende destruir a sangre y fuego el asturleonés e implantar el gallego” (2006). Esta visión leonesista aloucada debería dar vergoña, polo frontismo subxetivo, ao seu autor.
O avance do bercianismo político, social e simbólico non deixa espazo para o leonesismo. Velaí a obriga de admitir xa a Comarca legal, a lingua galega, a bandeira Cruceira, ademáis da existencia da traxetoria provincialista do Bierzo. Unha nova proposta leonesista xorde, “un Informe sobre la Autonomía leonesa” (2021) refírese á creación de dous departamentos para León e O Bierzo. Esta idea territorial non incentiva para nada o debate berciano. Mentres tanto, inteletuais leoneses seguen coas súas tolerías. O sociólogo David Díez Llamas escribe, “también considero que desde la Junta de Castilla y León sigue una estrategia de divide y vencerás” (2023). O novelista Juan Pedro Aparicio comenta “con León se practica esa artimaña de divide e impera, fomentando la insolidaria política entre El Bierzo y León” (2023). Outro máis, o ensaista Javier Callado amósase contrario ao provincialismo berciano, “sólo podría incorporarse como comarca a Lugo y Orense” (2023).
En fin, todo vale ao leonesismo para desprestixiar o bercianismo, sexa político e social, o avance da lingua galega, o provincialismo secular e mailo simbolismo propio. Leonesismo que non ten sido capaz de negociar o máis mínimo cos bercianos, mentres que non para de atacar a quen considera unha comarca xeográfica máis do seu antiguo reino.
O Bierzo, xaneiro de 2025