A Comisión Sarmiento lanza un proxecto para recuperar a toponimia do Bierzo occidental

O domingo 9 de marzo en Vilafranca do Bierzo dará inicio da décimo a sétima edición das Xornadas Martín Sarmiento cunha actividade moi especial: recuperar a toponimia do Bierzo occidental.
Xa se abordara o transcendental asunto da toponimia noutras ocasiois, pero nestes últimos anos dúas circunstancias cambiaron a mirada sobre este apartado esencial do patrimonio lingüístico e cultural. A crise do rural está producíndose a pasos de xigante e con ela avanza a perda inexorable da nosa microtoponimia; isto fai máis urxente recollela. Por outro lado as novas tecnoloxías aportan ferramentas mui útiles para poder rexistrar in situ os topónimos para que estean automaticamente xeolocalizalos.
Facendo da urxencia unha oportunidade, os organizadores queren poñer en marcha unha tarefa de recuperación da toponimia do Bierzo, concello a concello, convertendo esta iniciativa nunha actividade colectiva e divulgativa. Para iniciar este proxecto procuraron as indicaciois dun asesor, un especialista nacido no Bierzo, Fernando Cabeza Quiles. Unha charla divulgativa será pois o punto de partida. O acto terá lugar no Teatro Enrique Gil ás 19 horas e se espera constituír a seguir unha comisión de traballo que logo co apoio de distintas instituciois dean corpo a este novo proxecto tan acorde coa filosofía de traballo do Padre Sarmiento, cuxo natalicio se festexa así na súa vila natal.
De todos os xeitos a Xornadas terán un acto inicial cun forte carácter simbólico como é o de unir dalgún xeito as figuras que cantaron e publicaron en galego no Bierzo, Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861). e en Galicia cos Cantares gallegos (1863), cun acto emotivo de irmandade simbolizado na figueira da Casa de Rosalía de Castro en Cacabelos.
Convocatoria dos Premios Morales ene Cacabelos
O luns 10 de marzo en Cacabelos se celebrará o Día do Galego nos centros docentes do Bierzo. Nesta edición o alumnado do Programa de Promoción do Galego nos centros escolares bercianos concluirá un traballo inaugurado coa quinta convocatoria do Premio Morales que xiraba ao redor do poema O Entroido. Despois da elaboración dun calendario como ferramenta didáctica estes versos van ser recreados no cine Faba de Cacabelos a través da proposta realizada polo grupo Alegría Berciana.
O outro tema que se pretende abordar é o das cantareiras e a tradición oral que serán homenaxeadas esta ano con motivo do Día das Letras Galegas. «Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de mellorar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 23 anos aplicándose e reclama maior atención e un novo pulo», saliente os organizadores, a Comisión Cultural Martín Sarmiento.ç
Na primeira parte do acto de xeito exclusivo para os alumnos/as de secundaria actualizarase a iniciativa do Mego das Palabras que se puxera en marcha o curso pasado por estas datas a partir da presentación do Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez e das novas secciois da web WWW.OGALEGONOBIERZO.ORG. Como remate da celebración tras da intervención das autoridades que subvencionan e apoian o evento farase a convocatoria da sexta edición dos Premio Morales do 2026.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Fiandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal manterán un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.