[CRÓNICA] Día do Galego no Bierzo máis vindicativo

XABIER LAGO MESTRE | Por cada 9 de marzo os galegofalantes do Bierzo temos a festa da nosa lingua tradicional. Por so non pode faltar a homenaxe floral en Vilafranca ante a estatua do frei Martín Sarmiento. Este erudito do século XVIII, vinculado co Bierzo, foi un grande defensor do idioma galego através dos seus numerosos estudos filolóxicos e pedagóxicos. Naquela época foron moi poucos os que prestixiaron este idioma rexional fronte ao castelao, ademáis de vinculalo ao portugués. En fin, todo un exemplo de luita pola promoción do galego para os actuais falantes.
Cando celebramos xa os 330 anos do nacemento de Martín Sarmiento convén renovar o debate lingüístico sobre o galego no Bierzo neste século XXI. Isto vén a conto de que hai falantes que non toman conciencia de que este idioma serve para muito. Si, ten diversas funcionalidades máis aló do seu uso no restritivo medio rural tradicional e dialetal. Está ben o seu uso familiar e veciñal mais hai de aproveitar as amplas posibilidades que ofrece este idioma na sociedade moderna.
Xa se pode estudar galego nos colexios, institutos e escola oficial de idioma, ademáis dos cursos a distancia pola internet. Mais seguimos sen oferta de galego nos colexios públicos da Veiga de Valcarce, Quilous, Carracedelo, Fabeiro, etc. As autoridades educativas destes centros pasan de conceder o dereito lingüístico a poder estudar voluntariamente o galego. Hai muitos pedagogos que só entenden esa liberdade para o castelao e o inglés. Sonche así de modernos e prexuizosos!.
Pola outra banda hai que tirar o galego dos teatros, máis aló da entrega de premios escolares e actos musicais. A mocidade berciana utiliza masivamente os telemoveis. Non habería que motivar o seu uso do galego, cómo?. Abrindo eses concursos escolares á creación de videos e memes en galego, alén das clásicas poesías, contos e debuxos en galego. Pecamos de tradicionalismo en pleno século XXI. Os mozos teñen interese polo deporte berciano nos seus debates dixitais, comuniquemos pois en galego. Nas redes sociais priman os videos e memes, visualicemos o galego de xeito atrativo para eles. Hai varios xornais dixitais no Bierzo que publican en galego. Logo temos outra oportunidade de uso do galego para opinar sobre tódolos temas (política, deporte, economía, etc.
Temos tocado o tema da política, tema tabú para muitos. Por mor da política temos oferta voluntaria de galego nos centros escolares do Bierzo, que foi concesión do goberno da Junta de Castela e León no seu tempo. O debate político nas Cortes xerais posibilitou o recoñecemento do galego no Estatuto desta Comunidade autónoma. Incluso o galego consta expresamente na Lei da Comarca do Bierzo (2010). Algúis presionamos para que se aprobe a Lei das linguas territoriais de Castela e León, unha difícil empresa con estes políticos actuais. Tamén recordamos os fracasados intentos por declarar o galego idioma coficial do Bierzo.
No tema da territorialización da lingua galega dicimos que hai muito que facer. A toponimia en galego segue sen ser normalizada. Incluso a Lei do réxime local de Castela e León (1998) manda que sexa en idioma castelao (artigo 24). Así nos tratan os políticos desde Valladolid!. O Consello comarcal, concellos e pedanías poderían facer muito máis neste tema. A sinalización da toponimia menor ben que debería ser en idioma galego tradicional. Os indicativos de caminos rurais, os mapas locais e folletos turísticos, todos eles cos topónimos en galego.
A institucionalización do galego é unha débeda pendente. O Consello comarcal fai o xustiño por cumprir co contido da súa Lei da Comarca (2010), “gozará de respeito e proteción a lingua galega” (artigo 1.4). Segue sen haber un servizo lingüístico para fomentar o uso administrativo do galego nos entes locais (concellos e pedanías). A Deputación leonesa non delega a competencia en materia de cultura para o Consello comarcal coma exemplo do seu centralismo. Un Consello comarcal que está para servir os intereses culturais do Bierzo semella non dar o protagonismo competencial á promoción do galego. Está clarexo que o servilismo histórico non é doado de borrar das dinámicas institucionais.
Por sorte, en materia cultural non todo é dependencia das ditas políticas feitas dende a cidade de León. Os xornais capitalinos non permiten o uso do galego. O progreso tecnolóxico posibilita que a Tvgalega chegue a tódalas moradas do Bierzo no noso outro idioma. Ademais temos a internet que está nos nosos telemóveis ao alcance dun sinxelo clic. Así pois, o galego máis perto dos bercianos coa nova dixitalización. Todo un enriquecimento cultural coletivo que paga a pena coñecer e xamais negar coma fan alguis foráneos.
Por último, non falta a internacionalización do galego. Si, da man do idioma portugués, descendente medieval do galego, temos a maior funcionalidade lingüística posible. Que viaxa ás ciudades lusas ben que amume a conciencia do poder do bilingüísmo. Quen sabe galego non se sentirá xamais estranxeiro en Portugal. Así acontece coa visitas a Chaves na procura do xantar do bacallau ou as viaxes ao mercados de Valença do Minho. Coñecendo o galego non podemos desaproveitar seguir coa aprendizaxe do portugués, en Bembibre saben disto. Apesar disto, os políticos seguen a poñer atrancos para fomentar o bilingüísmo secular do Bierzo. Seus prexuízos idiomáticos non teñen límites á hora de exercer o seu poder discrecional dende León ou Valladolid.
O Bierzo, marzo de 2025.