[TRIBUNA] Recordo da outra província berciana
XABIER LAGO MESTRE | Todos sabemos da provincia de Vilafranca do Bierzo da segunda década do século XIX. Agora ben non acontece o mesmo coa anterior provincia do Bierzo que existíu durante toda a Idade moderna. Os Reis católicos concederon esta provincia, aló polo ano 1486, para denominar e delimitar, institucional e territorialmente, O Bierzo. Hoxe non queremos pescudar nesta caracterización senón facer unha análise máis social. Referímonos ao intento de estudar a conciencia coletiva dos bercianos verbo desta chamada provincia. Para isto amosaremos diversa documentación histórica de xeito diacrónico.
Xa a fins do século XV xorden escritos nos que hai sucesivas referencias a esta provincia berciana. Por suposto, os primeiros documentos fan referencia aos oficiais reais da desta provincia, ”alcalde mayor de la provincia del Bierzo”, e mailo correxidor, “corregidor de Ponferrada en la provincia del Bierzo” (1486). Cando se trata de protexer o Camiño de Santiago tamén atopamos novas referencias aos territorios veciños, “nuestro reino de Galizia, e de la provincia del Bierzo, que pongan gente en el Camino de Santiago para protegerlo” (1499). Ante a falta da xustiza nos señoríos do bispado de Astorga, a Coroa ordena que os correxidores de Ponferrada executasen a xustiza real “allende del puerto del Rabanal” (1497), na nova provincia do Bierzo.
No século XVI prodúcese a delimitación do amplo Adiantamento leonés (tribunal de xustiza, 1598), e non falta a referencia expresa á nosa provincia, “e de allí baja por los fines de la provincia del Bierzo que queda en el distrito deste adelantamiento”, aínda que o correximento de Ponferrada tiña audiencia exenta. Ademais esta capital reclama a descentralización deste tribunal no Bierzo, “que más conveniente que se cometan los negocios de aquella provincia (El Bierzo) a el corregidor de Ponferrada y se la quiten a el Adelantamiento de León” (1567).
Polo século XVII Ponferrada elabora un Memorial (1622) en defesa da xestión das súas alcabalas (imposto comercial) e quéixase do muito “que padece aquella aflixida gente, y de lo mucho que ymporta a la Corona Real aquella villa y Provincia”. Tamén Ponferrada leva as súas demandas ante as Cortes de Castela, reclamando un trato igualitario “porque se hiço esta gracia al Reino de Galicia y demás lugares referidos de la provincia de León son los mismos que se vale la provincia de Ponferrada” (1657). Por suposto non faltan as protestas bercianas ante os continuos recrutamentos de soldados para as diversas guerras europeas, “hordeno y mando a la justicia y regimiento de la villa de Ponferrada y a las demás de la provincia del Bierço no consientan que se saque della (…) soldados ninguno” (1641).
Na documentación eclesial non faltan as referencias á provincia berciana. A abadía de san Pedro de Montes facía as súas xuntas abadiais, “estando en la casa y monasterio de San Pedro de Montes, de la orden del señor San Benito, en la provincia del Bierzo, reino de León, a 8 días del mes de junio de 1618”. No tumbo de san Miguel de las Dueñas, xorden notas sobre que “pertenece su territorio al Reyno de León, este en la provincia del Bierzo“ (1679). Logo está mui presente documentalmente a nosa provincia.
No século XVIII medran as referencias de todo tipo á provincia berciana. Caso dos numerosos preitos entre as localidades polos montes lindeiros, Trascastro contra Peranzais, “jurisdicción de la abadía de San Andrés de Espinareda, provincia del Vierzo” (1751). Outro tanto acontece nos preitos señoriais, “vecinos de Cabañas del Portiel de don Fernando (fronte ao seu señor)… en Cacabelos, provincia del Bierzo” (1775). Cando a veciñanza da Somoza de Sant Cosme se queixa da pobreza xeral non falta a referencia a que “los dichos domiciliarios se sostienen bajando a la provincia del Bierzo a la limosna de puerta en puerta en que se ejercitan mucha parte del año” (1790).
O xeógrafo de sona, Tomás López, recompila información local para facer o seu mapa da Provincia do Bierzo (1786), e escribe a autoridades bercianas para ter máis información cartográfica. O correxidor de Ponferrada respóstalle dende Ponferrada, “esta cabeza de la Provincia de el Vierzo” (1770). Outro tanto sucede coa información subministrada polo arcipreste de Bembibre, “es como una hermosa Antesala de la Provincia de el Vierzo” (1797). A provincia berciana coma fito xeográfico e político noso.
No chamado século da Ilustración, no Bierzo o poder relixioso prestixia muito. Ponferrada fai o imposible por acadar a categoría de colexiata para a súa igrexa maior, baseándose na milagreira Virxe da Encina e na centralidade da “capital de la provincia del Bierzo” (Memorial de 1775). Consolídase o título de patrona da provincia do Bierzo, velaí o libro de “limosnas de Nuestra Señora de la Encina y patronato de esta villa de Ponferrada y su provincia del Vierzo“ (1710-1819). Ademais, o imposto do Voto de Santiago tamén o deben pagar os labregos aos recadadores, “administrador general del Partido de Votto de el Señor Santiago en esta Provincia de el Vierzo (1730). E se falamos de impostos non faltan nos censos fiscais as referencias provinciais, “Cacabelos que está comprendida en la Provincia de el Vierzo” (1753), ou “Dragonte de la merindad de Corullón, provincia de el Vierzo” (1752).
Xa no século XIX ten lugar a Guerra da Independencia contra os exércitos napoleónicos invasores. Período no que hai un reforzamento do patriotismo español e berciano. Neste contexto os bercianos organizan a resistencia de diversas formas. Así se crea a compañía dos Tiradores francos do Bierzo, “habiendo llegado a su Patria, que es la provincia del Vierzo” (1809). Tamén se forman xuntas locais, “Junta de Gobierno, armamento y defensa de la villa de Ponferrada y su provincia del Bierzo” (1809), e mailo correxidor real convoca aos representantes bercianos para celebrar unha asemblea que rexeita tanta imposición militar, “a los Diputados de las Jurisdicciones de la Provincia, sin notificación a la Suprema (Junta)” (1809). A provincia segue ben presente na mentalidade coletiva dos bercianos.
Os desastres desta guerra de liberazón foron mui grandes. O Cabildo da Colexiata de Vilafranca quéixase ante o xeneral Esteban Portier dos seus muitos sacrificios feitos, perda de xoias, roupa, arquivo, rendas agrarias, etc “quemaron y aniquilaron muchos pueblos, en esta Provincia del Bierzo” (1808). Outro tanto acontece coa localidade de San Pedro Castañero que elabora un memorial (1813) de males causados polas tropas francesas até a súa retirada definitiva, indicando expresamente que se haxa na “provincia del Vierzo”. Posteriormente, son os curas da meirindade de Aguiar quen rexeitan as novas divisiois territoriais do seu territorio, por iso reclaman “arreglándose los partidos en la Provincia del Bierzo, sigan esto indicado en las sabias deliberaciones de Vuestra Alteza” (1817). Está clarexo que a provincia do Bierzo era unha referencia mui válida para os bercianos decimonónicos.
O Bierzo, marzo de 2025.