A ‘Danza de xigantes e cabezudos’ de Vilafranca soa na homenaxe a Ferrín
A Fundación Rosalía de Castro celebrou este sábado en Padrón unha homenaxe ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, no que o Bierzo estivo representado pola Escola de Gaitas de Vilafranca.
Neste acto, ademais dun documental e diversas intervencións que facían referencia ao longo compromiso do autor coa figura de Rosalía e coa comarca da Terra de Iria, estiveron presentes dous territorios arraianos aos que Ferrín adicou unha especial atención na sua longa traxectoria literaria.
Representando á cultura e ao galego no Bierzo a Escola de Gaitas de Vilafranca, e polas terras zamoranas das Portelas a Banda de Gaitas de Lubián. Na actuación da Escola de Gaitas de Vilafranca soaron temas tradicionais do Bierzo como a Danza de Xigantes e Cabezudos.
Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega entre os anos 2010 e 2013, sempre se distinguiu pola sua atención e apoio ao galego do Bierzo, participando en numerosas actividades na comarca.