Vilafranca celebrará este ano unha Festa do Maio «simbólica e virtual»
A Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo colgou este domingo no seu blog a primeira das entregas de A Festa do Maio de Vilafranca a través dos seus carteis, coa intención de comezar unha celebración ben distinta á tradicional desta festa declarada de Interese Turístico Provincial desde 2009, ademais dunha proposta de celebración para este 1º de maio aos veciños e veciñas do municipio e ao Bierzo en xeral.
«Este ano roubáronnos a Primavera, como cuando no relato mitolóxico o deus do Inframundo, Hades, raptou a Perséfone, deusa da Primavera e provocou os choros da súa mai, Deméter. Vellos e vellas, casadas e solteiras, homes e mulleres, mozos e mozas, ninos e ninas en Vilafranca e no Bierzo, todos botaremos de menos festexar xuntos con cantos e flores este ano a entrada da Primavera», explican os organizadores.
Esta festa na vila non se pode pospoñer ou trasladar, ao tratarse dun rito consuetudinario que se fai no día ou non se fai. «Por iso, sabendo algo tan simple e rotundo como que as estaciois imparables seguen o seu curso e que as cañaveiras están a pé xa e en flor, esperando por nós, sentímonos chamados logo, dalgún xeito, a seguir co ritual que o ciclo natural reclama», suliña a Escola de Gaitas.
Este ano o maio será á forza virtual e telemático. Non haberá cartel para evidenciar que o festexo de sempre non se vai poder realizar, pero durante o mes de abril farán un repaso en vinte entregas polas imaxes que serviron ao longo de cuatro décadas, ano a ano, para anunciar a intención de revivir o compromiso de respecto coa natureza e coa tradición cantando o maio.
Finalmente, como o falar e o soñar non teñen cancelas, os organizadores propoñen cumprir o primeiro de maio dende as casas co rito ancestral. «Cantaremos o maio ás 12 da mañá desde os nosos balcois, se doutro modo non se pode. Cantaremos as coplas de costume non ao pé dos balcois, senón cada un de nós desde os balcois da nosa vila. Animamos a sumarse a esta iniciativa a calquera persoa do Bierzo que queira manifestar así a súa luita polo planeta e o seu respecto á natureza cantando estas coplas tradicionais con nosoutros», detalla.
A Escola de Gaitas conclue a sua invitación a celebrar os Maios coa proposta de «comer unha castaña maia ese primeiro de maio, para que, como reza a tradición, non nos dea o desmaio! Este dito cobra este ano máis sentido que nunca».