[AS CEN VILAFRANCAS / 2] Luces e sombras dunha exposición sobre Enrique Gil en Vilafranca
HÉCTOR M. SILVEIRO | Nesta segunda entrega das Cen Vilafrancas, empuxados pola actualidade, volvemos sobre a figura de Enrique Gil e Vilafranca. A Exposición Un Romántico en la construcción de Europa que pretende rachar certos tópicos sobre o escritor, vainos permitir revisar e difundir de novo aspectos pouco coñecidos sobre esta vila e o Bierzo. Trátase dunha crónica crítica dunha Exposición que chegará ao Parlamento Europeo comisariada por Valentín Carrera, un home que leva anos sorprendéndonos nun extraordinario exercicio persoal de relectura sobre Enrique Gil co que ilumina e vai contaxiando con maior forza a cada vez máis persoas, colectivos e instituciois, superando con creces, como ben se ve, os límites da comarca. Esta magnífica iniciativa da Exposición, reconsidera o noso pasado, sitúase nun relato do presente e levanta a vista cara ao futuro. Comezamos dando os parabéns ao motor da iniciativa, aos seus colaboradores e agradecendo tanto o gran traballo realizado, como a evidencia de que se trata tamén dunha seria invitación a manter viva a memoria do autor que o protagoniza. Analizamos a continuación as luces e as sombras dos seus contidos, valorando os seus máis brillantes logros, advertindo aspectos sombríos, fortalezas e debilidades neste difícil e laborioso esforzo por revisar e actualizar o discurso sobre o cantor romántico. Concluiremos indicando, como este evento, queréndoo ou non, nos deixa todo un reto a modo de proposta enriba da mesa para Vilafranca e o Bierzo.
Con esta Exposición itinerante que acertadamente recalou na vila natal de Gil no mes de agosto e parte no mes de setembro para Ponferrada, Valentín efectivamente consolida, cinco anos despois, varios dos obxectivos que en 2015 no Bicentenario se acadaron. Está claro que coa reedición e dixitalización por parte da Biblioteca Enrique Gil das súas obras completas, (que de xeito tan ousado como decidido asumiu Valentín), a transcendencia e volume dos seus escritos cobraron unha nova e fascinante envergadura. Agora toca logo asentar o andado e seguir iluminando aquilo que permanece escuro, e esta Exposición abre ventás luminosas sobre a vida e a obra de Gil.
Entremos na Exposición. Hai acertos indiscutibles que contribúen, ao noso humilde parecer, á esa actualización necesaria da figura de Gil. O primeiro, o máis anecdótico e preciso, é o de subliñar a idea de denominar ao escritor co verdadeiro nome que el usaba, o de Enrique Gil, só co seu primeiro apelido, sen o retórico e decimonónico… y Carrasco, que el mesmo desbotou. Digamos, sen demora, que se conseguen os máis significativos obxectivos que se marca, como son o de poñer en valor a misión do Enrique diplomático, redimensionar a súa viaxe por Europa e a proxección europeísta que conleva, colocando ante os nosos ollos un Gil máis político e non menos literario porque, á vez, traza unha fresca panorámica integral da súa obra tanto a lírica (os 32 de poemas que semellan gotas de rocío ou prezadas e humildes violetas na súa traxectoria literaria), como o corpus máis extenso e complexo da súa prosa (relatos curtos, de viaxes, novela, críticas teatrais e ensaios) que nos permiten, transmitindo unha sólida visión de conxunto, ampliar horizontes e coñecer mellor ao romántico liberal e progresista que foi Enrique. Un cuarto propósito, este parcialmente logrado, é o de incorporar unha serie de novas miradas para disipar as espesas néboas nas que habita a súa biografía, un inxente labor cuxo percorrido é realmente complexo de abordar. Valentín parece renunciar de antemao a desenvolver por completo o asunto dos amigos de Enrique, a cambio de se enfrontar a dúas facetas das máis controvertidas nos recentes estudos sobre a vida do noso autor, como son a da homosexualidade e a da súa relación con certas sociedades secretas que seguro tiveron o seu peso á hora de acometer o camiño ao corazón de Europa.
Logo, nos paneis da Exposición emerxe un quinto elemento non pouco importante, a cuestión da relación de Gil co Bierzo e, en consecuencia, coa súa vila natal que reclamaba un panel específico. Desaprovéitanse datos novidosos que se publicaron e difundiron no recente Congreso do Bicentenario de Enrique hai cinco anos e que botamos en falta á hora de completar ese perfil máis político do autor, como xa comentaremos máis abaixo. Un campo no que se avanza timidamente e no que a Exposición non presenta a esa lucidez notable e de detalle coa que se reconstrúe maxistralmente o puzzle da súa última viaxe París-Berlín e todos os seus pormenores.
Sen dúbida, ponderar a transcendencia do autor no terreo xornalístico, ao ser un dos mellores, senón o mellor dos críticos teatrais asentados en Madrid tras da morte de Larra, sen deixar de citar de xeito equilibrado a obra poética e en prosa, é unha áxil e didáctica ensinanza que emana desta proposta expositiva. Poñamos un exemplo. Sublíñase con vigor, falando de El Señor de Bembibre, o feito de ver nesta obra, non tanto o tópico dunha novela histórica, como si unha novela fantástica camiñando pola autoficción e a melancolía, fixando e fiando con destreza un argumento máis á hora de avivar a controversia e apostar pola rotunda figura actualizada de Gil nesa autobiográfica e contundente afirmación, derivada do estudo da obra que fai Mestre: “Beatriz soy yo”.
É evidente que a un xornalista como Valentín lle resulta necesario acentuar certos aspectos que sorprenderán aos visitantes e aplica con destreza a linguaxe propia da prensa na procura de poderosos titulares. Así móstrase hábil para darlle a volta ao suposto amor adolescente de Enrique cara a nena Juana Baylina, (que o comisario da exposición sentencia como abertamente “falso”) desprazándoa, para colocar no seu lugar ao seu irmao maior, Guillermo, quizás dun xeito un tanto sensacionalista. Non falamos de sensacionalismo, nin de titulares sen motivo. Valentín atrévese a rotular en negriña “el beso de la muerte” co que lle outorga unha meirande transcendencia a esta relación innegable se seguimos as pistas que o propio Gil deixou por escrito no relato Anochecer en San Antonio de la Florida e do que xa os seus editores en 1883 en Obras en prosa, nos advertían: “Estos artículos interesantes por más de un concepto, lo son principalmente porque compendian con fidelidad una parte de la vida del autor”.
En palabras de Valentín, na última edición que do mesmo realizou, esta obra trata do primer diálogo de Gil con la muerte… la alucinación de un adolescente (de 23 anos) al borde del suicidio que se aferra al amor como forma de vida y abraza la esperanza… Este primeiro relato, de difícil clasificación entre os xéneros literarios ao uso, foi escrito en 1838 como resposta á morte recente de tres persoas queridas en Ponferrada (seu padre, Juana e Guillermo Baylina a cuxos enterros o poeta non asiste) e unha situación desesperada no plano persoal do autor residente en Madrid na procura do seu recoñecemento.
“Al otro día, un solo amigo le acompañó en su amargo viaje, y al apretarle contra su corazón le dijo:
—¡Adiós, y quizá para siempre!… ¿Quién sabe si este abrazo te envenena? Mi presencia daba antes la dicha y la alegría… pero hoy solo la muerte puede dar. El amigo se alejó con los ojos anublados. ¡La predicción se ha cumplido!
¡Aquel amigo duerme hace un año entre los muertos!”
(Do relato Anochecer en San Antonio de la Florida, Enrique Gil)
Estas liñas de Gil e as anteriores deste relato lírico de ambigua interpretación, que convidamos a ler na súa integridade, o Valentín xornalista transcríbeas nos paneis da Exposición baixo o epígrafe Crisis familiar hacia la libertad… do xeito que segue:
“ Es también un momento de crisis familiar: Enrique rompe definitivamente con su padre – que ha sido despedido de su trabajo, otra vez por fraude-, quien prohibe a la madre y hermanos acompañar su doloroso adiós. Sólo su amado Guillermo Baylina, ya enfermo de tuberculosis, acude a darle un beso al pie de la diligencia.” (Do sexto panel da Exposición)
No seu destacado combate contra as noticias falsas, noutro panel sobre os fake news, Valentín xa dixera:
El primer amor
Otro bulo pinta a Enrique enamorado de Juana Baylina, a quien algunos llaman la musa de Gil. Nada más falso, Juana Baylina era una niña de 12 años en 1829 cuando Enrique se enamora de su hermano, Guillermo Baylina, el único amigo que le despide al pie de la diligencia cuando parte hacia Madrid.
La despedida será” el beso de la muerte”, la tuberculosis que acabará con doña Beatriz, personaje autobiográfico de El Señor de Bembibre, cuya enfermedad reproduce la de Enrique y Guillermo.
Ya en Madrid, sabemos poco de su vida íntima en la que no hay ninguna relación femenina; Gil vela pudorosamente su homoxesualidad, incluso en el encuentro con el enamoradizo Humboldt.
(Do segundo panel da Exposición)
Mais permitan que nos deteñamos un momento e volvamos a mirada a ese cabo, substancial para abarcar mellor esa nova visión de Gil, que quedou solto. Falamos do capítulo incompleto das amizades bercianas, á par do que denominamos bercianismo, é dicir, o sentir da súa terra tanto no plano literario como, sobre todo, na perspectiva máis política. Ambas cousas atópanse intimamente ligadas e son de interese innegable para a biografía e para a obra do autor vilafranquino. Este affaire convértese talvez nunha das escasas sombras, ao noso entender, da presente Exposición. Pois grazas á celebración do Congreso Internacional do Bicentenario foron abríndose paso entre as tebras que rodean a vida de Gil aqueles amigos da infancia, da adolescencia e tamén da madurez que singularizamos na persoa de Joaquín del Pino, ao que se marxina do relato nesta ocasión. Enténdase ben, non temos intención en absoluto de desmerecer a empresa impecable desta proposta. Véxase o noso comentario cun fin de complementar máis que de sinalar deficiencias. Este defecto de luz é claramente tan involuntario como inxustificado, tendo en conta que non se produciu antes cuando, como director da colección da Biblioteca Enrique Gil, Valentín, de editor a editor, recoñece abertamente a Pino como compañeiro inseparable do autor, ademais de destacar o seu papel fundamental nas primeiras ediciois das súas obras tanto en verso, como en prosa.
Un dos últimos paneis da Exposición leva como título alegórico La academia villafranquina (Santín, Carnicer, Pereira e Mestre) xogo de acepciois das palabras ben traído, tirando daquela outra academia escolar, a de D. Manolo Santín, un persoeiro singular por rescatar que se ocupou, entre outras teimas, de preservar viva a figura de Gil no século XX, culpable en boa medida de que Carnicer e Pereira escribiran páxinas brillantes sobre o romántico. Como xa dixemos, esquécese nesa nómina de autores á persoa que inaugurara, muito antes, no século XIX, esta “institución luminosa da memoria” e que foi Joaquín del Pino, ese amigo vilafranquino que, como un efecto tardío atribuíble á inercia do tempo pasado na escuridade, volve a estar oculto tras a inmensa sombra de Gil.
Lembremos logo, a grandes trazos, o que os une. Foron amigos na máis tenra infancia en Vilafranca, xuntos aprenderon as primeiras letras nesta mesma vila, viviron como compañeiros de confidencias adolescentes e creadores dos primeiros versos como estudantes de Leyes en Valladolid, asistentes asiduos ás primeiras representaciois teatrais, comparten desesperos, sucesos e crónicas nos xornais en Madrid, son camaradas de debates, intrigas e festexos no Parnasillo de Espronceda, no Liceo e no Ateneo, no bulicio da corte de Isabel II, e das mortes de grandes amigos, desde logo, das visitas e viaxes ao Bierzo e das empresas que nel xuntos impulsan e soñan (como por exemplo a Sociedad de Teatro de Villafranca da que son socios fundadores). Datos todos esenciais para enfocar a verdadeira personalidade de Gil e, en especial, a súa relación co entramado político do liberalismo berciano, entre os que están os todopoderosos Quiñones de León. No Bierzo precisamente, os ósos de ambos, de Enrique e de Joaquín, repousan hoxe, na vila onde naceu a súa amizade eterna. Palabras elocuentes da época testemuñan esta amizade. Eugenio, o irmao menor de Enrique, na primeira biografía de Gil de 1853, di ao respecto: “¡Con que gratitud fijas tu mirada en Espronceda, que te sacó de las tinieblas del desierto! Con qué cariño en Pino y Ulloa, esos dos tiernos amigos que tantas veces mitigaron tus pesares!”.
O sobriño do escritor (que se chamaba Enrique Gil Robles) tamén o nomea cuando Joaquín preparaba a edición das Obras en prosa de Gil:
“Creyeron los editores que debían dirigirse al hijo de Eugenio pidiéndole permiso para reimprimirla. Con tal motivo le escribió D. Joaquín del Pino una carta, á la cual ha contestado:
Mi querido amigo: No necesita V. permiso alguno para publicar al frente de las obras de mi tío la biografía que escribió mi padre….Afortunadamente suplió la obligación de parentesco la amistad piadosa, haciendo un señalado obsequio á la familia de Enrique Gil, y un valioso servicio á las letras castellanas.
Pino é a alma mater da edición como recoñece o propio Fernando de la Vera no Prólogo a Obras en Prosa (1883):
Conservaba D. Joaquín del Pino, además de esas obras ordenadas y coleccionadas con esmero, algunos autógrafos curiosos… Así, pues, a D. Joaquín del Pino pertenece la iniciativa, y por consiguiente la mejor y mayor parte de gloria en esta merecida por algunos muy deseada restauración literaria: por mi parte he procurado ayudarle en la medida de mis fuerzas, inferiores a mi deseo, a levantar y reverdecer la memoria del que fue discreto y queridísimo compañero de juventud.
Gumersindo Laverde, o editor das Poesías Líricas, tamén fala da figura de Joaquín como coleccionista da obra de Gil, imprescindible para editar sus poemas. Laverde mesmo, que coñeceu aos dous, non dudidou en chamar a Joaquín «hermano político» de Gil. Poderíamos alongarnos máis e ampliar esta academia de vilafranquinos e bercianos coetáneos de Gil que esperan poder ocupar o espazo que lles corresponde a carón do autor romántico ao que acompañaron, sendo vertebradores do bercianismo que xuntos sustentan, pero terá que ser isto obxecto doutra entrega.
Rematamos alegrándonos honestamente da posta en marcha e da proxección didáctica e divulgadora desta Exposición que despois de pasar por León, Astorga e o Bierzo, viaxará tamén a Madrid e Bruxelas. Valentín coidou nela, con esmero e detalle, a xénese do europeísmo que respirou Gil na súa última viaxe. Podemos observar en conxunto, como literato e diplomático, a dimensión enorme da súa obra e da súa curta vida, sobre a que se realizan pequenas calas nas facetas máis escuras da biografía do autor, un arduo labor que segue precisando de estudo e difusión. Facendo nosas as súas palabras: Enrique é un extraordinario escritor romántico, poeta tímido, cisne sin lago, alma en pena o el cliché que ustedes prefieran, a sabiendas de que Gil es un inclasificable poliedro de suaves aristas y mil caras aún desconocidas…
Finalmente dicir que este evento serve de faro luminoso do camín a seguir, pois resulta un decidido avance cara á necesaria creación dunha Exposición con carácter permanente sobre Enrique Gil na súa vila que esperemos non tarde en ver a luz. Trátase, en definitiva, dunha rigorosa invitación a saír deste espazo avesedo actual para emprender unha biografía mellorada que forme parte da Casa-Museo das Letras e das Artes que Vilafranca, que o Bierzo, debe erguer e que ben podía ser instalada na casa natal de Enrique Gil (cuxa fachada, por certo, hoxe ameaza con virse abaixo). Todo un propósito pendente de solución no medio destas luces e sombras que acompañan o discorrer da nosa vila e o paso polo Bierzo desta interesante Exposición, á que desexamos a mellor das viaxes.
- Héctor M. Silveiro Fernández é académico correspondente da Real Academia Galega.