[TRIBUNA] Toponomizar O Bierzo Ocidental
JAVIER LAGO MESTRE | Os medios de comunicación dan todo o protagonismo á localidade segregacionista de Fuente de Oliva. Mais os bercianos galegofalantes do ocidental rexional sempre temos recoñecido Fonte de Oliva (coa pronuncia Fonte doliva). Un novo exemplo de oficialidade idiomática castelá que non respeita o billingüismo tradicional e histórico do Bierzo.
Hai unha dinámica castelanizadora secular que se reflicte na supresión progresiva da toponimia berciana. Acontece o mesmo con outros moitos topónimos. Son os casos dos veciños Cantexeira, Vilariños, As Ferrarías, Soutelo, etc. Curioso resulta o caso da aldea de A Lagoa, coñecido algún tempo como Laguna de Castilla, todo un exemplo expansionismo pollítico de Castela. Resulta lóxico demandar o mantemento dos artígos galegos en A Faba, O Cebreiro, A Barosa, A Valouta, A Somoza, etc.
Outras localidades menores relaciónanse cos vilares medievais que tiveron a súa orixe en pequenas explotaciois agrarias. Son os casos de Vilar de Corraes (coa pronuncia en Corrais), Viladepaos, Vilamaior, Vilasinde, Vilafeile, Vilarbón e demais. Localidades que xamais tiveron a categoría de Villas castelás.
Non podemos entender o afán castelanizador de topónimos galegos como Vilaboa (con antigo mosteiro), Vilanova de Valboa, Ponte de Res (reguengo con Puente de Rey), Frieira (non Friera), Portela de Aguiar (xamais Aguilar), Perexe, Pobradura da Somoza (non Pobladura), Porcarizas (de porco berciano), Pieiros, Quilous, etc.
A nosa lingua galega do Bierzo está tamén presente na outra toponimia menor. Convén respeitar o val e mailo río Valcarce (non Valcarcer), a pena do Seo, as minas romanas da Leitosa, o Castro da Ventosa, Veigueliña etc. Velaí que a nosa orografía montañosa amosa portos, collados, serras, cordeis, coroas, etc. As explotacioes agrarias achegan agras, searas, bouzas, etc. Os espazos gandeiros con brañas, algueiras, cabanas, malladas, morteiras, etc. Son arboreos Teixeira, Noceda, Faixal de Busmaior, Soutogaioso, etc. As matoeiras teñen toixaes, carqueixaes, uceiros, etc.
A toponimia galega está nas terras do chan berciano. A devesa do Fabeiro foi obxeto de desputas históricas entre a vila de Ponferrada e o mosteiro de Carracedo. Na contorna da capital berciana temos documentados Fontesnovas, Compostela, Quintela, etc. Incluso o topónimo Ponferrada non foi castelanizado. Porque a toponimia galega pode chegar moi lonxe, como en Foncebadón, non leonesizado.
Por todo o dito, convén tomar progresiva conciencia do bilingüismo histórico da rexión do Bierzo. Temos a obriga de conservar en bo estado esta herdanza cultural. Porque necesitamos un compromiso interxeracional para transmitir este patrimonio cultural de todos. Non respeitar os topónimos tradicionais en galego significa colaborar na súa eliminación. Fuxamos de argumentar diversas imposicioes alleas (oficiais, legais…) porque somos responsables de protexer a nosa toponimia como parte da nosa cultura singular berciana.