[TRIBUNA] Pola nova irmandade galego-berciana
JAVIER LAGO MESTRE | Neste 2021 O Bierzo celebra o 200 aniversario da creación da provincia de Vilafranca. Institución provincial que estivo integrada por varias bisbarras, entre elas Valdeorras, Laciana, A Cabreira e O Bierzo. Cremos que é unha oportunidade histórica para reforzar os vincallos históricos e territoriais entre zonas veciñas.
Antes de continuar convén recuperar un chisco da historia desa provincia de Vilafranca. Durante o chamado Trienio liberal (1821-1823) continuaron as reformas liberais principiadas coa Constitución de 1812. Tratábase de derrubar o sistema absolutista do chamado Antigo Réxime. Velaí as reformas institucionais como a supresión dos reinos, señoríos, reximentos locais, etc. Para a execución das novas políticas liberais foi fundamental a reordenación territorial.
Tratábase de organizar o territorio peninsular con criterios uniformistas e centralistas. Os antigos reinos quedaron divididos en novas provincias baixo o control das capitais urbanas. Cada provincia estaba gobernada por unha deputación (cun número fixo de deputados) e un xefe político, ámbolos dous quedaban sometidos aos gobernos centrais madrileños.
Desde 1486, e ao longo de toda a Idade Moderna, O Bierzo tivo certo recoñecemento territorial e institucional mediante a súa propia provincia. Co dito Trienio liberal, tras complexos debates políticos, creouse a nova provincia liberal de Vilafranca. Como resultaba de pequeña estensión territorial, foron anexionadas a ela as bisbarras de Valdeorras e Laciana. Incluso o deputado Antonio Valcarce propuxo a integración doutras zonas galegas, casos Quiroga, Trives e O Bolo. Pequenas vilas formaron parte de esta provincia: O Barco, Bembibre, Villablino, Toreno, Ponferrada e Vilafranca.
Mais o certo foi que non todos os concellos de Valdeorras apoiaron a dita segregación territorial de Galiza. Por iso se alegaron as difíciles comunicaciois co Bierzo polas montañas e ribeiras fluviais en inverno. Tamén rexeitaron a lonxanía da Chancelería de Valladolid fronte a proximidade da Audiencia da Coruña. Ademais preocupaba a escasa presenza das localidades de Galiza na provincia berciana a nivel de representación territorial e política. Como dato curioso, o deputado galego, Xosé Moscoso, espetou as diferencias entre Galiza e O Bierzo, pois o que principalmente distingue as provincias é o dialecto que se fala en cada unha delas (octubre de 1821).
En fin, o dito 200 aniversario da provincia de Vilafranca debería ser aproveitado para estreitar os vincallos históricos, territoriais e culturais entre Galiza e O Bierzo. Neste senso, queremos facer algunhas propostas de colaboración interterritorial. Primeiro, fixar irmanamentos locais entre as vilas da Rúa, O Barco e Vilafranca. A celebración das respectivas festas patronais podería aproveitarse para realizaren eses actos institucionais de irmanamento.
Pola outra banda, o Consello comarcal do Bierzo representa os intereses políticos e institucionais dos bercianos e das bercianas. Ademais, este ente territorial é continuador da traxectoria institucional da provincia de Vilafranca. Logo debería comandar un achegamento ao Parlamento galego como representante político da Galiza. Non hai mellor razón que aproveitar este provincialismo histórico para fixar una nova cooperación interinstitucional. Por exemplo, a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Consello comarcal ben poden asinar un protocolo de colaboración en materia cultural e lingüística.
No século XXI O Bierzo debe rachar con esta raia que nos afasta territorial e políticamente de Galiza. Porque ser rexión berciana, periférica de Castela e León, non é una vantaxe, logo compensemos o illamento cun achegamento a Galiza. Tanto Valdeorras coma O Bierzo temos que loitar xuntos contra esas dinámicas políticas que nos deixan fóra das mellores comunicaciois (estradas, ferrocarril, internet…). Non resulta lóxico que Valdeorras non se poida aproveitar máis dos servizos sanitarios de Ponferrada por unha obriga legal de ir para o lonxano Ourense. A rexión montañosa do Sileste merece outra ordenación territorial para a prestación de servizos públicos axeitados. No fondo só pedimos que nos deixen vivir dignamente na nosa terra e que desboten tanto atranco político dos que mandan.
- Javier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.