[AS CEN VILAFRANCAS / 5] Un Día do Galego no Bierzo: casualidades que son necesidades
HÉCTOR M. SILVEIRO | Podemos crer nas casualidades porque o mundo non é outra cousa que unha combinación ou suma curiosa de eventualidade e necesidade, pero se Sarmiento naceu por azar nesta vila de Vilafranca do Bierzo un 9 de marzo de 1695, hai 326 anos, bendita sexa esta fortuna. Mais non é casualidade que os seus pais casaran eiquí. A familia de Sarmiento formouse nesta vila onde nacerían ademais a maioría dos seus irmaos e da que logo partirían cara a Pontevedra. Tampouco é casualidade que en Vilafranca onde hoxe celebramos o Día do Galego no Bierzo (coincidindo coa data de nacemento do ilustrado) se estea a piques de celebrar tamén a proclamación da Provincia en 1821. Esta é a razón pola que abordaremos nestas liñas brevemente a relación nada azarosa, pero si complexa da personalidade berciana, no medio dese debate das fronteiras administrativas e das culturas que, como é evidente na nosa comarca, son cousas distintas, pero cuxa controversia parte da necesidade de ambas de asentarense nun territorio. Non resulta nada azaroso que un falar anónimo e secular de xentes do común da contorna desta localidade faga posible a pervivencia non casual, pero si histórica da súa lingua, aquela que mamou no Bierzo e en Galicia, e da que logo Martín Sarmiento sería recoñecido como o Pai das súas Letras. Tampouco parece casualidade, pero si triste e lamentable, dito sexa de paso, o desleixo e esquecemento habitual das administraciois para con Vilafranca, neste caso de Castela e León, xa que aínda estamos esperando pola reconstrución (compromiso asinado no 2002) da Casa Natal do erudito galaico berciano.
Non foi produto da boa sorte, senón dun traballo arduo o feito de que Sarmiento ademais de pai de centos de pregos en castelán, escribise o seu Coloquio en 1200 coplas (considerada primeira obra da literatura galega contemporánea) usando aquel idioma que por vez primeira, ao igual que o rumor do Burbia que levaba os cachois da auga toda da montaña da Somoza cara ao Sil, escuitara xunto co arrolo doce e agarimoso da súa mai, Clara Balboa cantándolle ao oído:
- Perucho, Peruchiño, durme, durme, meu meniño.
Son emociois que non se esquecen, intimamente unidas aos sons e aos sentires das palabras que se pronuncian. Pedro J. García Balboa que marcharía do seu reino á capital madrileña nunca esqueceu aqueles sons que xa oíra e recoñecía como propios no mesmo ventre da súa mai. Por iso en 1725 quixo e puido viaxar a Galicia para se despedir da persoa amada na que os mamara. Naquela viaxe partía con dúas leciois tremendamente poderosas na súa mente. Unha era a importancia das nais e das mulleres ás que o ilustrado reivindicaba en pleno século XVIII como tan capaces como os homes, e a outra, a transcendencia para o ser humano da lingua materna, esa que elas xenerosamente portaban. Por iso, cuando a súa mai faltou, o seu ollar de Galicia converteuse nunha mirada con vistas ao futuro.
Mais sabía que para voar había que ter raíces. Non por ventura, púxose a indagar na orixe do galego, era o primeiro que o facía e, naquela investigación científica como Pai da Filoloxía Galega, descobre e testemuña a presenza do Bierzo. En San Pedro de Montes como en Samos atopou escritos nesa lingua de reis e tamén de labregos, en galego do século XIII. Tamén nos camiños, falando coa veciñanza recolleu o falar contemporáneo e, o mellor de todo, deixou soterrada na terra deste seu reino unha semente, imaxinemos que cun rostro riseiro, para que, como el xa fixera, logo florecesen nela novos fruitos.
Non é casualidade que escribisen a imitación do beneditino amante da lingua materna tan desprestixiada autores como Rosalía de Castro e antes ca ela no Bierzo o noso Fernández Morales ou en Pontevedra X. M. Pintos, completando e ampliando de xeito natural a súa produción.
Non foi fortuíto que un home humilde do XVIII sabio e xeneroso cos estudos que iniciaba fose á vez paciente tanto como Rosalía de Castro, outra autora altruísta, seguramente por ser muller e escritora no século XIX. Ambos esperaron a que tempo despois os verdadeiros protagonistas e destinatarios sen nome dos seus textos puidesen lelos e aprecialos. Haiche tanta falta de escrúpulos coma ignorancia, (xa o deixou escrito Pondal nun himno), imbéciles e duros que non entenden, non. Como é lóxico muitos bercianos e bercianas consideramos un tesouro o nacemento de Sarmiento porque é muito o que os seus habitantes en particular lle debemos, aínda que haxa tantos ou máis pouco ou nada conscientes de tal débeda.
Non é aleatorio que o Bierzo reivindique a este ilustrado galaico-berciano aínda que non haxa nin un só segundo para el nos vídeos que circulan pola rede e comprimen en 13 minutos a nosa historia tanto como para que non citar nin a Sarmiento nin tampouco os Ensayos poéticos en dialecto berciano de Morales. Pero para a personalidade do Bierzo anónimo que falou e fala galego, isto importa. Non é un accidente, como demostrou un vilafranquino que naceu na mesma rúa e a poucos metros de onde o fixera Sarmiento, Ramón González-Alegre no século XX ao escribir Os Namoros ou cinco pezas de Teatro Galego, a pesar de vivir na longa noite de pedra do Franquismo ou, se cuadra, por ese motivo como testemuña de resistencia secular. Non é casual que Sarmiento fose homenaxeado en 1995 polo Consello da Cultura Galega e logo no 2004 con motivo do Día das Letras Galegas a mesma Real Academia Galega e o Presidente da Xunta de novo fixesen acto de presenza nesta vila para honrar a súa memoria e procurar unha dignificación dun trazo esencial da nosa personalidade e da nosa riqueza cultural como é a lingua que nos une a Galicia. Sería de esperar, pois, que o prometido Centro Cultural Martín Sarmiento ligado ao Xacobeo se acometese como, aínda que con pés de chumbo, se introduciu xa daquela o galego nos centros de ensino do Bierzo seguindo as directrices que imperan leis democráticas europeas dirixidas á garantir os dereitos dos falantes das linguas minorizadas, pero non foi así. Tamén daquela se puxo na mesa a posibilidade de que este centro, hoxe evaporado, servise de referente no proceso de normalización do galego do Bierzo, unha auténtica necesidade.
Non é fortuíto finalmente que nesta capitalidade cultural do galego, J.C. Mestre en pleno século XXI reclame cos seus 200 gramos de patacas tristes un Bierzo bilingüe e rico. Este innovador e aplaudido libro contra o esquecemento, fillo da memoria negada e do compromiso cos humildes, unha reivindicación xusta e creativa, debuxa na boca do noso ilustrado un novo sorriso. Non nos pode ser estraño algo que, ademais dun dereito, nos define e enriquece á vez de facernos diferentes aos outros cidadáns de León e de Castela. Quen non entenda que o noso carácter fronteirizo se conxuga coa presenza do galego, esencia da diversidade que fai posible ao Bierzo, é tan torpe como quen non comprende que a presenza do leonés, outra lingua malferida na súa convivencia secular co castelán, indiscutiblemente fortalece tamén a nosa personalidade nacida desa irmandade histórica con Galicia.
Ante tal cúmulo de nada ventureiras circunstancias e casualidades separemos logo o ruído das noces e pasemos a concretar necesidades. No debate sobre as fronteiras bercianas faise necesario distinguir con criterio o territorio e a cultura, sendo á vez pertinente falar de linguas. Non se pode nin se debe obviar algo primordial como é a normalización e a ampliación dos espazos de uso da lingua galega do Bierzo, segue sendo imprescindible tanto como conmemorar aquela Provincia de Vilafranca e facer memoria do pasado para construír un futuro ben asentado e certo que non teña pés de barro.
- Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.