A Comisión Martín Sarmiento celebra o Día do Galego no Bierzo cunha publicación
A Comisión Cultural Martín Sarmiento conmemora como cada 9 de marzo, data na que nace en 1695 Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, o Día do Galego no Bierzo.
Este curso, a única actividade escolar que como consecuencia da situación sanitaria programaron as XIII Xornadas Martín Sarmiento, dedicadas ao erudito galego-berciano, é a ntrega dunha publicación específica realizada para esta ocasión, un material escolar para cada un dos alumnos/as do Programa de Promoción do Galego no Bierzo que chegará aos centros que o imparten nos próximos días.
O obxectivo é ofrecer un novo material didáctico que se poida usar nas aulas, no que se lembra a figura do Pai das Letras Galegas unha vez máis e que isto dea ao conxunto da Comunidade Educativa do Galego no Bierzo unha sensación de continuidade con respecto a outras actividades presenciais que se viñans desenvolvendo en cursos anteriores.
O material didáctico, editado pola Editorial Edicións Positivas, leva como título A personalidade do Bierzo: Linguas e territorio, con textos de Héctor M. Silveiro, membro correspondente da Real Academia Galega para o Bierzo. Conta cunha edición adaptada para o nivel de Primaria e outra distinta para o alumnado de Secundaria. Ambas tentan explicar de que forma a lingua galega se vai configurando como un dos trazos máis significativos que definen a identidade berciana ao longo dos tempos ligada a outro tipo de elementos e fitos históricos destacables entre os que se mencionan, neste ano de aniversario, a constitución da Provincia de Vilafranca en 1821.
A publicación conta co apoio institucional de costume da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ademais da Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo, os concellos bercianos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca e outras entidades culturais bercianas como son o Instituto de Estudios Bercianos e o Grupo As Médulas para a lingua galega do Bierzo.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento ten previsto realizar unha reunión ou encontro telemático co profesorado do Programa de Promoción do Galego no Bierzo e da EOI de Ponferrada para explicar en detalle os contidos e propostas adicionais que sirvan de guía para o uso da publicación e manter á vez o contacto que habitualmente se tiña con carácter presencial con motivo das Xornadas Martín Sarmiento de ediciois anteriores.