[TRIBUNA] Relaciois territoriais entre Galiza e O Bierzo
JAVIER LAGO MESTRE | Para o vindeiro 13 de abril está previsto no Parlamento galego o debate dunha proposición non de lei relacionada co Bierzo. Trátase dunha resolución sobre o recoñecemento do Bierzo como provincia galega. Ademais de instar a que se abra un diálogo institucional, Xunta de Galicia, Junta de Castela e León e Consello comarcal do Bierzo, para facilitar a colaboración económica, lingüística, sanitaria, educativa, etc. Desde O Bierzo agardamos con interese este debate político aínda que sabemos das dificultades para acadar o consenso axeitado.
Mentres chega ese debate político convén lembrar que O Bierzo leva tempo protagonizando o debate territorial de Galicia. As reformas provinciais do século XIX fixáronse no Bierzo en varias ocasiois. Durante o Trienio liberal (1820-23) a provincia de Vilafranca incluía a Valdeorras. Posteriormente, outras propostas provinciais abrangueron territorios de Galicia para O Bierzo, con Fermín Caballero (1842), Pascual Madoz (1850), Lucas Mallada (1881) e demais. Foron as demandas rexionalistas as que remataron coa xeira provincialista anterior.
O chamado Rexurdimento galego xa se fixou na nosa bisbara. Manuel Murguía refírese aos lindeiros de Galicia, nos separan más duramente del resto de la Península las ásperas alturas del Manzanal, y la estepa de la Tierra de Campos es límite más acusado del territorio gallego. Deixa claros os territorios que deben formar parte da ampla rexión galega, en Galicia y comarca del Bierzo, y pudiera añadirse, que en el territorio portugués de Braga y el país de Asturias comprendido entre el Eo y el Nalón (1865). No Bierzo había conciencia colectiva da vinculación galega. Incluso o escritor local, Antonio Fernández y Morales, sentenza que Galicia tira para sí, pero Castilla no la suelta (1861).Por suposto, os viaxeiros tamén recoñecían a presenza do idioma galego. Foi o caso de Hans Friedrich Gadow que se refire a en realidad ya nos habían advertido en Villafranca que no podríamos entender la jerga. Afortunadamente no fue así, ya que muchos términos que desconcertaban a los castellanos los reconocíamos nosotros como portugués apenas alterado (1897).
Nos debates xurídicos foristas de Galicia, O Bierzo tamén estivo presente xa que compartiamos certas instituciois (foros enfitéuticos, compañas, montes man en común…). Velaí o tratamento desta problemática berciana no xornal El Progreso (xuño de 1909), mentres que Diario de León apostaba polo uniformismo xurídico estatal, se necesita una Ley para toda España, y no leyes especiales para cada región, y un único Código Civil hecho con patriotismo y desisterés (1886).
No século XX os estudos xeográficos teiman na integración do Bierzo na rexión galega, caso de Dantín Cereceda. Os escritores galegos ben saben da ampla presenza territorial do galego, ¡E grande parte do Bierzo é tamén noso! ¡A Galicia histórica é máis extensa que a Galiza actual! (Xoán Vicente Viqueira, 1917). Nos xornais tamén xorden artigos sobre O Bierzo, ocurre exactamente lo mismo en la comarca del Bierzo, también desgajada de Galicia y en cuyo dialecto, no menos interesante que el anterior (gallego de Asturias) (Eco de Santiago, 1907).
Durante a II República, as demandas do Estatuto de autonomía favorecen o debate territorial. O partido Galeguista apostaba pola incorporación a Galicia das terras colindantes que teñan comunidade étnica, histórica e lingüística con ela. O político Alfonso Castelao foi más concreto, é doado esperar que o Bierzo e demais comarcas limítrofres de Ourense e Lugo, se incorporen ao seo da súa nación natural, e que o tempo –gran curandeiro dos erros hestóricos- posibilite a reconstrución total da nosa unidade. Finalmente, o Estatuto de autonomía de Galicia republicano incluíu, poderá agregarse a Galicia calquer territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogos, mediante os requisitos que as leis xerais establezan (art. 2).
Coa chegada do Estado das autonomías, o Parlamento galego ten debatido en numerosas ocasiois sobre a proteción da lingua galega no Bierzo. Grazas a este apoio foráneo, sináronse sucesivos protocolos para o ensino do galego. Ademais, o recoñecemento parcial do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León (1999) chegou polo apoio do nacionalismo galego nas Cortes xerais. E o mesmo acontecerá co futuro recoñecemento de oficialidade para o galego no Bierzo. Ninguén pode negar o nulo interés que hai polo galego, por parte da Junta de Castela e León, xa que cuestiona a identidade rexional castelá. Só a presión social poderá forzar o recoñecemento de dereitos lingüísticos.
O intento de reforma do Estatuto de autonomía de Galicia, en 2005, contou coa proposta de incluir un artigo sobre a futura anexión de concellos veciños a Comunidade galega. Por desgraza a reforma estatutaria non conseguiu o consenso político. O Estatuto de autonomía de Castela e León conta cunha disposición transitoria que se refire á “segregación de enclaves”, por suposto só enclaves que non comarcas nin concellos. Un atranco clarexo para a segregación do Bierzo. Ademais, calquera reforma provincial do Estado esixe o duro procedemento parlamentario da aprobación da correspondente Lei orgánica por maioría absoluta.
A problemática territorial do Bierzo tivo sucesivas manifestaciois de descontento. Son numerosos os concellos que demandaron a súa anexión a Galicia. Lembramos os casos de Vilafranca, Oencia, As Médulas, Valboa, Barxas, etc. Recentemente ten sido segregacionista a aldea de Fontedoliva, e tamén xurdíu o colectivo A Quinta que demanda ser a 5ª provincia galega. Todos eles son exemplos do rexeito ás políticas territoriais centralistas da Junta de Castela e León e Deputación leonesa.
O Bierzo aproveita o 200 aniversario da provincia de Vilafranca para retomar o debate territorial. Esta rexión periférica sufre o centralismo histórico, de León desde 1833 e de Valladolid desde 1978. A reación lóxica é reforzar a autonomía da Comarca do Bierzo (1991) ou reclamar unha nova provincia. Por certo, ben estaría relacionar a nosa problemática territorial con Valdeorras, que perdera hai tempo tanto a súa comarca coma a súa mancomunidade de concellos. Velaí a oportunidade de achegar soluciois a estes dous territorios periféricos, mediante unha nova reordenación territorial ou a prestación de servizos públicos comúns (sanitarios, educativos, estradas, etc). Por todo isto, hai que agardar unha renovada sensibilidade política dos membros do Parlamento galego coa problemática dos ditos dous territorios periféricos.
O Bierzo, abril de 2021.