[AS CEN VILAFRANCAS / 6] Unha versión orixinal sobre a Festa do Maio de Vilafranca
HÉCTOR M. SILVEIRO | Botamos en falta entre as obras dos nosos autores consagrados un texto que faga memoria dunha das nosas tradiciois máis antigas desde o coñecemento íntimo, unha descrición detallada e vivida da celebración que, como popularmente se di, a inmortalice. Falamos de algo así como o que fixo Álvaro Cunqueiro no século XX en prosa acerca do maio do seu Mondoñedo natal ou esoutro escrito feito en verso no XIX por Manuel Curros Enríquez na súa vila de Celanova. Se cuadra a nosa vila agarda ao século XXI a que J.C. Mestre unha mañá de primavera nos sorprenda cunha versión orixinal, é dicir, feita na casa do maio andante de Vilafranca.
Comecemos, a modo de exemplo, coa visión cunqueirana publicada no Faro de Vigo nos ano 1963 (lembren que o autor nacera en Mondoñedo en 1911 e que naquela década remota nos sitúa):
Tal día coma hoxe, e á primeira hora do serán, ían dúas ou tres pandillas de rillotes á fraga da silva ou a do Rulo, e vestían a un deles coas espléndidas follas da pravia, cinguíndoo e coroándoo de loureiro. Mergullado naquela ramallada o Maio, baixaba a sonora tropiña ás rúas e ás prazas, a cantar ritualmente a festa e a demanda-lo aguinaldo, que nos meus días infantís érao de noces e castañas maiolas – é dicir, as castañas que secaron no faio durante o longo inverno-, que rebotaban nas pedras: piñata feliz, barullenta rebatiña na que todos participabamos. O máis abondoso regalo saía do balcón de dona Amadora Louro, no Cantón. Demandando o agasallo, o maio representaba unha pequena pantomima, que non me atrevo a interpretar. O Maio deitábase no chan tan longo como era, mentres o ledo coro dos compañeiros cantaba. Ó remate, sacábaselle dalquel sono:
Levántate Maio
que tanto durmiche,
que pasou o burro
e ti non o viche!
Axiña, o Maio erguíase coa axuda dos cantores, e seguía a feliz procesión.
O maio humano era a comezos do século XX aínda unha manifestación común en Galicia. En Santiago, Lugo, Monforte, Verín, As Nogais, mesmo no Barco de Valdeorras foron sucumbindo ata desaparecer ou se transformar, principalmente a causa da moda dos concursos, noutra tipoloxía de maios e deixar ao maio de Vilafranca como peza única representativa do maio mozo no Noroeste peninsular. Unha singular e marabillosa circunstancia que provoca esta nosa reflexión sobre a súa pegada na literatura culta do Bierzo.
Non a atopamos nos centos de plegos do curioso erudito vilafranquino Martín Sarmiento, nin entre os máis de 9000 versos dos Ensayos poéticos en dialecto berciano de Fernández Morales, poeta tan cuidadoso e fiel no retrato doutras manifestaciois do noso calendario tradicional. Tampouco Francisco de Llano a nomeou entre as numerosas datas que lembra e constata con extensión nas súas Flores del Bierzo lozanas y mustias (1896). Ramón González Alegre non fai mención algunha nos seus Namoros ou nas pezas do Teatro Galego que compuxo inspirados no seu amado Bierzo. Carnicer, naquel trasunto da Róbriga de Los árboles de oro, na que repara con sutileza en momentos de festa na nosa vila dos anos 20, non deixou constancia do costume dos maios. Finalmente quedouse ás portas de abordalo con fondura Antonio Pereira, o Cunqueiro berciano, que xa nalgún poema apuntaba intenciois cos ecos das coplas populares cantadas:
Marzos airosos, abriles chuviosos
mayo otra vez…
Nas súas Crónicas de Villafranca tentaríao de novo no capítulo que titula En mayo, “los mayos”(1969), pero lamentablemente escollía como fío condutor do texto unha das menos agraciadas peripecias na triste historia deste costume durante o Franquismo, como foi a tentativa de asentar un concurso “provincial” de maios en Vilafranca. Aquela desafortunada iniciativa aínda tivo certo vigor e ferventes defensores na vila ata que, afortunadamente, lle demos contestación ao volver á democracia. Sería a derradeira edición do concurso aló polo ano 80, cuando apostamos claramente por recuperar a esencia da tradición que se conservaba intacta na mente do pobo e esquecérmonos de concursos. Non obstante, o mesmo Antonio Pereira, xa daquela, deixara caer con certa ironía naquel escrito algunha liña memorable que ben podería ser o comezo desa versión auténtica que andamos buscando. Dicía Pereira:
“En otros tiempos, cuando se hablaba de otra manera – que esto del lenguaje está sujeto a la moda como el ancho de los pantalones o el nudo de la corbata-, nosotros los rapaces villafranquinos sacábamos también nuestros “mayos”, pero sin concursar a nada, como no fuera a la calderilla de las almas más generosas. O al regalo en especie, quizá las castañas pilongas de lenta y concienzuda roedura. Para que luego se diga que cualquier tiempo pasado fue mejor. Este año que corre, los “mayos” van a tener sus buenas pesetas de premio, más un trofeo de tan alta procedencia como lo es el Ministerio de Información y Turismo, a quien Dios retribuya sus desvelos….”
Como poden apreciar o noso autor, non sen morriña, fai unha breve lembranza infantil cuxa debilidade e inocencia lle serve como argumento para apostar pola moderna fórmula do concurso, que a seguir aplaude, privándonos seguramente dunha descrición memorable dos maios humanos da nosa vila que segue pendente aínda de se escribir.
Pereira era home amante das tradiciois, de xeneroso carácter e memoria, á vez de afable talante. Nun mes de maio do 1997 recoñecíase «mutilado» en certo modo ao non usar esa lingua das xentes sinxelas que soa de vello nas rúas da súa vila. Daba así, dun xeito sincero, a benvida a presenza do galego nas escolas do Bierzo unha garantía do futuro do porvir dunha fala popular e entrañable que forma parte da esencia do ser berciano, e Antonio, na súa alma de poeta, sabía perfectamente o que era ser berciano. Dábase a circunstancia de que era unha das primeiras ocasiois, que nos saibamos, que se traducía un dos seus relatos, ao galego, antes de que os seus Cuentos de la Cábila saísen do prelo nesa lingua aló polo ano 2003. Aseguraba Pereira:
«Este conto que terá que chegar aos lectores coa axuda dun tradutor, dedícollo aos nenos dos lugares do Bierzo que falan e entenden o galego. Cando eu andaba pola súa idade, resultábame familiar esta fala, na ferretería vilafranquina de meu pai, frecuentada por xentes sinxelas e recias. Pero ninguén me ensinou na escola con sistema e orde unha lingua entrañable que me gustaría usar na miña creación literaria, alternándoa co rico e case universal idioma de Castela. Pido que aos nosos rapaces de agora se lles aforre esta mutilación.»
Parécenos relevante tanto a queixa de Pereira por non saber falar e escribir mal a lingua galega, como a valoración positiva da fala que cualificaba como unha realidade feliz e unha riqueza para o Bierzo, o que non xustifica o feito de que non lle dese por acometer esa versión do maio ansiada que os seus lectores tanto agradeceríamos. Podería telo feito en castelán como o fixo Alfonso Fernández Manso, un autor sensible vido de fóra para impartir aulas, pero que botou fondas raíces nestas terras. Foi quen de dedicarlle un capítulo (como fixera o gaditano Nicolás Tenorio cen anos atrás no seu libro La Aldea Gallega co maio de Viana do Bolo) ao noso maio nun libro que compila textos xornalísticos seus: Viaje a una provincia invisible (2017). Títulouno “Hombres Verdes” e aínda que escrito na lingua cervantina, respecta escrupulosamente o idioma das coplas tradicionais, toda unha chamada de atención para os autores nacidos eiquí e unha mirada entre sorprendida e agarimosa ante ritual da entrada da Primavera que realizamos no Bierzo:
“Cuando los Maios han llegado a la Plaza Mayor, comienza el tercer y último acto. Los Maios se van sucesivamente acostando y levantando, durmiendo y despertando animados por la copla: Levántate Maio bastante dormiche, pasa un burro e non o sentiche. En él se representa el morir del invierno y el renacer de la primavera, con este acto se cierra ese ciclo continuo que es la vida…”.
Sabemos, de todos os xeitos, que a mellor versión do noso maio mozo é esa que se vive e non se escribe. Referímonos á real e verdadeira, á que forma parte dese patrimonio de cultura inmaterial do noso ciclo anual de festexos, que protagonizan os veciños anónimos, a xente nova nas prazas e a maior nos balcois e que a día de hoxe, como cada ano, segue enchendo de cantos os corazois e as rúas de Vilafranca no primeiro de maio. Mais non renunciamos á espera dunha versión da casa, leal á tradición que describa a vivencia completa da festa máis querida, como a que fotografou Ramón Cela instintivamente nun maio da Cábila. Tal vez J.C. Mestre que cantou os maios de mozo, amigo da memoria dos humildes, facendo un novo alarde do seu compromiso co galego do Bierzo, tras da súa extraordinaria estrea na República das Letras Galegas cos 200 gramos de patacas tristes, poida, nun acto máis de xenerosidade e rigorosa conciencia, legar ás nosas letras ese retrato orixinal, dun maio literario e dun autor da casa que nos falta.
- Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.