[DÍA DAS LETRAS GALEGAS] As letras esgazadas para o galego no Bierzo
HÉCTOR M. SILVEIRO | Un Día das Letras Galegas máis coas costuras sen coser. Parafraseando á poeta luguesa Xeal Arias, homenaxeada este 2021, faremos nesta columna unha denuncia do equilibrio, falaremos das Letras esgazadas. Por que? Porque unha das máis vellas tradiciois do Bierzo como é a lingua galega, esencia da súa personalidade segue estando eiquí e agora en perigo de extinción. E preocupados preguntámonos, cuanto tempo resistirá?
Lamentablemente os idiomas son como os seres vivos, e coma eles as linguas nacen e medran ou poden morrer. No Bierzo a naturalidade coa que se produce no día a día o fenómeno da comunicación oral, a fala, é unha proba rotunda da súa capacidade de resistencia secular. Pero, cada ano que pasa, vai máis envellecida e é menos nova. A pesar das mil familias que cada curso escolar apostan polo galego nos centros escolares, a pesar de que Mestre esperte a esperanza en nosoutros cos seus 200 gramos de patacas tristes e que na teoría haxa xente moza que podería romper a falar en galego e frear a perda de falantes, a sociedade berciana non ten acondicionados os espazos imprescindibles para que isto se produza e aqueles lugares e ámbitos de uso tradicionais son máis débiles, estanse quedando baleiros, sen xente e non se asentaron en ningures dinámicas fértiles de fortaleza futura.
Por suposto que sabemos que o galego para o Bierzo supón unha riqueza, pero a caixa de seguridade que gardaba este tesouro está desmantelada e os colchois baixo os cales se agochaba en tantas e tantas casas, hoxe abandonadas, cos seus antigos donos e falantes ben mortos, ben anciáns ou emigrados, están pois á intemperie, á espera de que as inclemencias, as chuvias e as xeadas fagan o seu traballo, ou tan só o paso ineludible do tempo rematen con todo vestixio do dialecto berciano no que cantou Morales. Porque as fronteiras autonómicas actuais nun estado tremendamente conservador no terreo lingüístico impide que se transforme o modelo monolingüe para España que asentou Franco, que se impuxo a pesar da restauración da Democracia e da creación de Comunidades Autónomas que ata recoñecen formalmente a diversidade cultural existente, mesmo inverten recursos en que haxa aulas de galego, pero non son quen de dar máis pasos firmes. Falta por abordar as iniciativas precisas para facer posible o máis básico, como é estender a naturalidade coa que dialoga o pobo e que a normalidade do uso nas casas e entre a veciñanza galegofalante chegue na boca da cidadanía a calquera ámbito sen obstáculos. Sería preciso algo tan simple como que se mantivese aló onde está aínda presente e se potenciase nos ámbitos que de vello foron vetados. Se xa está nas feiras e mercados que agora o estea nos centros comerciais e nos etiquetados dos produtos. Que se segue viva nas bodegas e no mundo laboral, agora se abra camiño con complicidade nos telexornais e as radios, en todos os medios de comunicación diarios. Se cumpre a súa función comunicadora nas pedanías e nos debates dos concellos, pase a ser agora natural tamén nas actas e comunicados das administraciois locais ou nos centros de saúde ou en algo tan esencial como que os letreiros e mapas as localidades sexan recoñecidas co nome do lugar que os seus habitantes usan normalmente e que as fronteiras de aceiro non impidan recuperar os milleiros de microtopónimos que se perden sen remedio porque o proxecto que os recolla se chame Galicia nomeada e o noso territorio pertenza a outra Comunidade autónoma. Que non haxa unha lexislación sobre a lingua que trate aos galegofalantes do Bierzo como falantes de segunda cuando botando mao da lexislación europea vixente poderíamos desenvolver un proceso de Planificación e Normalización excelente e exemplar en materia de linguas para a Comarca do Bierzo.
Saudamos a data de hoxe, Día das Letras Galegas, ademais de denunciar a falta de harmonía entre o mundo da lingua galega a un lado e ao outro de Pedrafita. Os Días das Letras deben ser marcas de celebración, pero a comunidade lingüística do Bierzo, ademais de reivindicar un Día das Letras para festexar a un poeta da Comarca que puidera axudar a cambiar a tendencia de derrota presente, quixeramos que este legado idiomático e de privilexio que custodian en común como irmaos, Galicia e O Bierzo, non nos dera a sensación de estar esgazado, nunha deriva imposible de transferir. Somos conscientes que toca resistir, seguir traballando por cambiar en positivo unha inercia que impera. Non renunciamos a elo e reclamamos iso si o equilibro.
- Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.