[AS CEN VILAFRANCAS / 8] Vilafranca, capital dos eólicos ou contra as eólicas? Capitalidades fronte ao capitalismo
HÉCTOR M. SILVEIRO | Non é que teñamos dúbidas do que queremos. Non. Pero si nos preocupa o que vai pasar cos macroproxectos eólicos se nos acaban impoñendo, tendo alternativas, algo que as xentes do Bierzo non queremos. Por iso elaboramos a presente crónica para contestar a esta pregunta do titular neste outono quente na que van permitir que fagamos uso das distintas acepcións da palabra capital, aproveitando a celebración oficial do 200 aniversario da provincia de “Villafranca del Vierzo”. É obrigado falar da personalidade da terra na que se pretenden colocar eses muíños de vento, tratando só do aire e dos aereoxeradores, non dariamos conformado un alegato á altura desta desmesura capitalista.
Para comezar partamos de que este despropósito ao que nos opoñemos afecta a muitos enclaves da xeografía berciana e da contorna ademais de Vilafranca e subliñemos que o de reivindicar capitalidades, parece ser unha cousa decimonónica, algo desfasado sobre todo tendo en conta os perigos que nos axexan a día de hoxe. Mais sempre é aconsellable botar mao da memoria pois non queda outra que coñecer ben o pasado para pelexarnos no presente ben armados de razois contra eses xigantes que ameazan con asentarse na nosa paisaxe axitando os seus enormes brazos para destruír a riqueza patrimonial que aínda gardamos e hipotecar o noso desenvolvemento futuro. Iremos nomeando ao longo do artigo os distintos bens locais que poñen en risco alarmantemente estes enxendros pasados de moda cos que pretenden encher os nosos montes (porque non se escollen os deseños menos lesivos, os muíños turbina de última xeración, seguramente por ser máis caros). Repasaremos en todo caso as posibles capitalidades que Vilafranca e a súa contorna poden esgrimir como ferramentas de defensa do local e como alternativa lóxica na procura de saír airosos desta agresión malévola á que nos enfrontamos.
Sabemos que non se pode vivir do conto, cabería dicir que tampouco do aire, pero parece que alguis iso pretenden. É logo esencial manifestar unha alternativa real ante este atropelo. Esa alternativa témola, está en pleno rendemento e pode seguir medrando a non ser que un atentado grave como o que se denuncia, fillo do dominante capital-ismo, acabe coa nosa galiña dos ovos de ouro. Son os produtos que a terra berciana produce: Cireixas, peras, pementos, mazás, mel, castañas e o viño… Recentemente (co seu aquel de ironía) Raúl Pérez, o enólogo de Valtuille dixo: “Se hai xente que bebe etiquetas… como non vai beber paisaxes?”. Efectivamente, Raúl un home da terra que vive do local, deu no cravo e argumentou con contundencia a clave do éxito, a maior das nosas fortalezas: reivindicar o inmenso valor que ten a paisaxe que herdamos como conformadora tanto da personalidade berciana como da riqueza comarcal, parte substancial do Patrimonio que son, a iso se refería el en concreto, os viñedos centenarios e o seu cultivo, legado dos nosos maiores que hoxe fan tan rendible e próspero o negocio do viño no Bierzo.
Somos pois, grazas a persoas como Raúl e a lugares como Valtuille, sen afán de entrar en debates con ninguén nin espertar rancios protagonismos, a capital do viño do Bierzo. Da mesma maneira que fomos capital histórica, herdeira desa capital da prehistoria tamén nosa de Castro Bergidum rodeada hoxe de viñas, esa da que se está no seu bicentenario celebrando a única ocasión na que se proclamou oficialmente e con competencias a este territorio, Provincia, como estuda e documenta con rigor Miguel J. García González no libro El Bierzo Provincia. Un relámpago en tiempos oscuros. Sacando dos arquivos datos de gran interese documenta, entre muitos outros aspectos, o estéril que resulta o pouco intelixente debate acerca da capitalidade entre Ponferrada e Vilafranca, por máis que os seus promotores atoparan razois na liorta, que, aos ollos de hoxe, non nos deben facer perder o tempo pois as urxencias son ben distintas. Como daquela, os nosos recursos e o noso patrimonio están sendo atacados de xeito violento e insultante e temos que saber dicir: Así non.
Aquela Provincia frustrada foi a semente para que hoxe sexamos a primeira e a única comarca (aínda sen competencias) dentro da actual Castela e León. Foi unha de tantas oportunidades nacidas da ansia e da necesidade de futuro da terra para que saía dunha situación difícil (a Guerra de Independencia contra os franceses). No presente atopámonos nunha situación que se non é bélica, si que é ben complexa, unha verdadeira encrucillada na que á crise das enerxías tradicionais non renovables se suma unha pandemia co pano de fondo do cambio climático e do quecemento do planeta. A resposta que ofertan as transnacionais está clara, seguir co espolio dos recursos locais co obxectivo de sacar beneficios rápidos eilí onde se deixen e sen importar que é o que se leva por diante. Por iso, vémonos obrigados a dicir de novo: Así non.
Na historia do Bierzo xa ocorreu séculos atrás co ouro, máis recentemente co carbón e agora, tras lograr que muitos pobos sexan localidades fantasmas baleiras de xentes e ilusiois, mercar barato o territorio rural para encher cos muíños de vento os bolsos e deixarnos hipotecados de por vida ao desmantelar os recursos tradicionais. Digamos que non, que temos alternativas, porque o que se propoñen facer é un abuso.
Acaso non é un abuso en toda regra por parte das transnacionais querer instalar parques eólicos en terreos estratéxicos da nosa xeografía que lastrarán o noso porvir? Os milleiros de peregrinos que no seu Camiño recalen na pequena Compostela, a actual capital monumental do Bierzo, contemplarán dende a emblemática Porta do Perdón, fito singular do mundo xacobeo, unhas enormes palas de máis de douscentos metros de altura apoderándose da enerxía para enriquecer os ambiciosos bolsos de capital noruegués, a non ser que se escuite o clamor de asociaciois e colectivos bercianos de todo tipo, alcaldes coas súas corporaciois municipais e mesmo dos bodegueiros e produtores agrarios que reclaman loxicamente respecto aos nosos medios de vida. Renovables si, pero non así.
Porque hai alternativas e porque esta non é unha alternativa para o Bierzo senón a crónica anunciada dun negocio foráneo e dunha ruína segura para os que eiquí vivimos. A enerxía como un ben público que é debería ser obxecto dunha explotación coidadosa que de xeito planificado o Estado realice, por exemplo, aproveitando espazos como a rede de autovías para as instalaciois de produción enerxética co que non se desvalorizarían outros espazos naturais sensibles. Pero os nosos políticos parecen estar máis interesados nas portas xiratorias ou en sacar pingües beneficios persoais cunha xestión especulativa do patrimonio natural. A prensa estes días faise eco da denuncia da fiscalía de entre outros o exconselleiro de Economía de Castilla y León pola denominada trama corrupta de concesiois ás eólicas. Repetimos logo unha vez máis: Así non.
Por que non se instalan estes aereoxeradores en lugares axeitados máis próximos a onde se precisa esa enerxía? O Bierzo é capaz de xerar a enerxía que necesita sen estes macro proxectos eólicos que queren levar a que se produza eiquí para outros lugares a quilómetros e quilómetros de distancia. Nada máis contrario á lóxica da sostenibilidade e ao ecoloxicamente razoable. Levamos muito tempo reclamando e construíndo dende o Bierzo de Aire Limpo, de Tyto Alba e A Morteira, un Bierzo Natural de sabios paisaxes dos que Vilafranca podería estar entre unha das súas capitalidades. Formamos parte da Reserva da Biosfera e contamos cun capital destacable de bens naturais indiscutibles dende os seus ríos ata as súas árbores centenarias, a abundante e singular flora e unha fauna que sufriría terriblemente se se asentan os eólicos.
Os muíños elixidos, como xa dixemos, son os de maior tamaño, cun impacto visual aéreo duns 200 metros de altura e, algo que non se ve pero que ten serias consecuencias: uns 20 metros de base soterrada que danaría á maioría dos acuíferos e podería eliminar as captacións de augas que abastecen as poboaciois Barxas, A Veiga de Valcaerce, Trabadelo, Corullón, Vilafranca…
Para que os grandes camiois poidan trasladar as pezas para montar os muíños produciríanse considerables danos nas propiedades privadas, nos montes veciñais e camiños públicos nos bens arqueolóxicos existentes na zona por carecer dos viais adecuados. Outro movemento de terras semellante para levar a enerxía producida a quilómetos do Bierzo por liñas de evacuación.
Hai estudos contrastados que evidencian os efectos nocivos para os seres humanos e a fauna. De feito a experiencia demostra que nos distintos lugares onde se instalaron, as vivendas reduciron o valor un 30% e a veciñanza pouco a pouco terminou marchándose.
Estes macroproxectos poderían producir unha afectación de milleiros de hectáreas de terreos privados e comunais destinadas unicamente a uso industrial eólico, coas restricións legais correspondentes para os usos agroforestais ou para a construción ou restauracións das vivendas dentro da área de afección.
Isto é posible porque o goberno autonómico e goberno central non regulan e lle deixan liberdade total ás grandes empresas eléctricas estranxeiras para poñer en marcha este espolio enerxético, sen deixar a cambio beneficio ningún para o Bierzo. Na defensa da nosa terra temos que dicir: Así non.
Pero volvamos ás capitalidades, a estas alturas deberiamos falar máis ben do potencial patrimonial a defender, a conservar e revitalizar como alternativa de futuro. Para calquera persoa o patrimonio material histórico e artístico berciano demanda unha recuperación necesaria como baluarte visible e fonte de recursos. Logo quitándonos a venda dos ollos non sería conveniente reclamar algo semellante para esoutro patrimonio inmaterial non tan palpable e, iso si, muito máis débil e deturpado? Alegrounos a intervención (non exenta de polémica) en San Nicolás O Real, á que engadimos a que se fixo na Colexiata, pero nos satisfixo muito máis a convocatoria das Xornadas do Patrimonio Cultural Inmaterial celebradas na nosa vila o pasado día 22, 23 e 24 de outubro pola sinxela razón de que supoñen un antes e un despois para traballar nesta parte da nosa riqueza que permanece máis oculta. Foi como desenterrar un tesouro que alguis de nós levabamos anos invitando a facer, sacar do esquecemento o ouro herdado tan valioso como as plantaciois das viñas, soutos, fruiteiras e os seus cuidados, a elaboración dos viños e das castañas e os seus usos e as manifestaciois asociadas a estes produtos como os magostos e os maios, a cultura do traballos e dos días, dos oficios e da festa do ciclo agrario e das estaciois no Bierzo e un cento de facetas máis que esperan a súa oportunidade. Como a UNESCO define con precisión e atino, forman parte dese Patrimonio Cultural Inmaterial dourado que se está a rescatar como fonte de riqueza. A celebración destas Xornadas en Vilafranca foron un bon principio para unir esforzos para inventariar e promover iniciativas de revitalización, delimitar e atender as urxencias que neste campo se presentan, planificar unha actuación que supoña unha mellora substancial para o que volvemos a precisar afastar dunha vez as nubes grises das agresiois á paisaxe e ao mundo rural. Non é casual que entre as conclusiois destas xornadas estea o rexeitamento das intervenciois radicais (e non reguladas) no territorio, tal como o establecemento de aeroxeneradores e as redes eléctricas de conexión cara as subestaciois.
A nosa vila converteuse logo en capital do Patrimonio Cultural Inmaterial do Bierzo sumándose este rostro das cen Vilafrancas ao elenco de capitalidades que reclamaría con dereito se fose o caso. Pode haber alguén tan cego que pense que a Vilafranca e ao Bierzo lles interesa esa capitalidade do vento tendo a histórica, a vitivinícola e a monumental, sendo a capital xacobea berciana e ademais, polo seu Patrimonio Natural, unha especie de capital da biodiversidade ecocultural e a cabeceira do mundo rural berciano do Bierzo Oeste. Temos que seguir insistindo que o patrimonio é unha alternativa firme que nos enriquecerá? Temos que seguir demostrando que hai alternativas respectuosas que se poden poñer en marcha dende o propio Estado sen lastrar para sempre os nosos recursos?
En conclusión, facéndonos eco de multitude de mensaxes cívicas de decencia e dignidade ante este despropósito devastador renunciamos a esa capital dos macro aereoxeneradores, pero invitaríamos a Vilafranca a xogar o papel de capitalidade contra ás agresiois eólicas convencidos da perdurabilidade e a solidez de tantos bens patrimoniais proclamados máis arriba fruito da suor dos nosos antepasados e das xentes que os sustentan no presente. A nosa personalidade pasa por todas elas, sen ningunha dúbida, e manifestámonos a favor de comunidades enerxéticas locais que por medio de paneis solares, micromuíños eólicos e pequenas turbinas acuáticas producen a enerxía suficiente para autoabastecerse con enerxías limpas e incluso venden a sobrante. Trátase dunha figura acorde coas nosas necesidades e contemplada na lexislación europea que lamentablemente estase topando con multitude de atrancos por parte das grandes empresas e a propia administración que as defende. Sabemos que o dito ata eiquí non será suficiente para impedir que se consolide o que non queremos, pero defender o noso patrimonio resulta esencial, tanto para sobrevivir como para sobrepoñerse ás incertezas que nos deparan os tempos que corren e erguer unha alternativa a ese capitalismo feroz que tanto dano nos fai. Capitalidade dos eólicos? Xa saben, NON.
- Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.