[CRÓNICA] O galego segue a medrar no Bierzo
JAVIER LAGO MESTRE | A Comisión de seguimento do Protocolo xeral de promoción da lingua galega en Castela e León ten informado sobre a execución do ensino no Bierzo. Os datos deste curso 2021-22 son bos de novo, pois medra o galego no ensino regrado. Un total de 1.115 alunos estudan galego hoxe, mentres que no anterior curso foron 1.083. Isto demostra o interese que hai por este idioma no nosa rexión.
Apesares da despoboación do medio rural, os país e o alunado seguen a demandar o ensino do galego. Pequenos colexios públicos, como os de Corullón, Carucedo e Toural de Meraio ofertan a súa materia de galego. Outro tanto acontece nas vilas, coma Cacabelos, Vilafranca, Toural dos Vaos e Camponaraia. Por suposto, a cidade de Ponferrada concentra o maior número de alunado, ademais das localidades da contorna (Cubillos, Compostilla, La Placa, etc).
O alunado berciano demanda galego de xeito voluntario. En primaria hai galego coa materia de comunicación e representación, ademais de coñecemento do medio. Nos institutos poden estudar galego en ciencias sociais, ciencias da natureza, educación artística, con xeografía e historia e lingua e cultura galegas. Tralos correspondentes estudos, o alunado pode obter a titulación oficial de Celga 2 no Eso e Celga 3 en bacharelato. Tampouco esquecemos o alunado da Escola oficial de idiomas de Ponferrada, tanto de galego coma de portugués.
Os país e o alunado do galego ben saben das vantaxes de coñecer o galego. Son moitos os que continúan os seus estudos superiores nas tres universidades galegas (Compostela, Vigo e A Coruña). Ademais, ter titulación oficial de galego significa a exención das probas lingüísticas nos exames de oposición en Galiza (función pública, Sergas, concellos, etc). Outro tanto acontece coas ofertas de emprego privado na veciña Comunidade autónoma galega.
Saber galego no Bierzo tamén abre as portas internacionais. Somos moitos os bercianos que co noso galego local temos dado o pulo para o idioma portugués. Sí, hai diferenzas de grafía e pronuncia, mais nada dificultosas para un galegofalante. E co portugués temos un idioma internacional, outro máis para o currículum vitae, que favorece o aceso a outras universidades (vía Erasmus) e traballos profesionais na Unión europea. Cantos máis idiomas saibas, mellor a túa competitividade.
Con todo o dito, temos acadado moito co ensino do galego no Bierzo. Sen embargo, botamos de menos que haxa colexios que aínda non ofertan o estudo do galego. Trátase da Veiga de Valcarce, Carracedelo, A Veiga de Espiñareda ou Fabeiro. Así pois, o proceso reivindicativo continúa sen descanso, atrás restan moitos atrancos educativos xa superados. Neste sentido, teñamos en conta que no Bierzo alto e Laciana o idioma portugués tivo oferta abonda, e de seguro que aínda hai demanda social. A Unión europea debería favorecer económicamente este ensino, tanto do galego coma do portugués, porque permite unha mellor integración cidadá e cultural. Vai sendo hora de mirar para Portugal doutro xeito, xa que son os vecinos máis descoñecidos.
Todo o comentado favorece o prestixio social do idioma galego no Bierzo. Ademais as novas investigaciois (histórica, filolóxica, sociolóxica, etc) divulgan unha cultura galega secular moi rica (oral e escrita). Tamén teñamos en conta a necesidade de inserirse nos procesos de normalización lingüística. Velaí a presenza dos medios de comunicación de Galiza (rtvg, radios, xornais, dixitais…), o comercio, os servizos públicos, a música, as artes, etc, porque falamos o mesmo idioma e compartillamos a ampla cultura. Temos todos que progresar xuntos, botando fóra calquera illamento periférico peninsular.
Non hai que ter medo aos procesos de normativización lingüística. Deixemos atrás as denominaciois despectivas (chapurreo, dialecto, falas, etc) e mailo autonoxo. No século XXI necesitamos un idioma galego moderno, claramente funcional (léxico, morfosintaxe…). O galego rural debe evolucionar para satisfacer as necesidades de hoxe, caso das dixitais e profesionais. Nesta dinámica habería que acercarse máis ao portugués na procura da súa modernidade e internacionalización. Fagamos pois do noso galego un idioma atraínte para os neofalantes.
- Javier Lago Mestre, autor do libro El Bierzo provincial.