Fala Ceibe reivindica a inclusión da toponimia galega do Bierzo na plataforma Galicianomeada
O coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo, de defesa do galego na bisbarra, denunciou que a plataforma Galicianomeada de recuperación da toponimia oral e recollida de microtoponimia galega –dirixida pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega– esquecese a presenza da toponimia galega nos territorios estremeiros do Eonavia, O Bierzo e As Portelas sanabresas.
«No Bierzo levamos décadas de reivindicación a prol da recuperación da nosa toponimia galega. Acotío temos enfronte os atrancos políticos e xurídicos das instituciois de Castela e León. E agora vemos que tamén instituciois públicas da Galiza tamén se opoñen á recuperación da nosa toponimia galega do Bierzo», se queixa o colectivo.
Para Fala Ceibe, «resulta lamentable que dende Galiza fixen un lindeiro político, entre comunidades autónomas veciñas, para ignorar a toponimia berciana de hoxe. Recordemos que os Estatutos da Comunidad autónoma de Galicia e da Real Academia Galega regulan parcialmente a proteción do chamado galego exterior. Estamos convencidos que esta política lingüística é claramente antigalega porque o galego histórico racha coa fronteira política atual, e está moi presente nos tres territorios estremeiros anteditos».
«A toponimia histórica berciana está moi presente nos tumbos dos nosos mosteiros (Carracedo, S. Pedro de Montes, Santo Andrés de Espiñareda…). Ademais temos os vellos protocolos notaríais, nos que se delimitan as terras dos concellos rurais ou as leiras dos labregos. Hoxe os mapas topográficos nacionais, do Instituto Xeográfico Nacional, recolle aínda os topónimos galegos do Bierzo occidental. Os filólogos galegos, como Francisco Fernández Rei e Ana Seco Orosa, estudaron a toponimia galega do Bierzo, outro tanto acontece co asturiano Jesús García e García», sinala nun comunicado.
Porén, Fala Ceibe do Bierzo vai denunciar esta política lingüística toponímica da plataforma Galicianomeada, que esquece os tres territorios estremeiros e remesará escritos á Xunta de Galicia e maila RAG, ademais dos partidos políticos do Parlamento Galego. «Pretendemos que se presente unha proposición non de lei, ante o Parlamento Galego, para que se debata sobre esta problemática toponímica dos tres territorios estremeiros. No Bierzo temos claro que o noso galego non ten futuro fóra da comunidade galegofalante do noroeste peninsular. Por iso non permitiremos que se nos afaste máis do seo da dita comunidade galegofalante con políticas lingüísticas foráneas, ou negando os nosos dereitos lingüísticos asoballados secularmente, caso do dereito a conservar a nosa toponimia histórica», conclue.