A unión histórica do Bierzo e Valdeorras, eixo das Xornadas Martín Sarmiento
A décimo cuarta edición das Xornadas Martín Sarmiento, o Día do Galego nos centros docentes do Bierzo. terá este 9 de marzo como fío condutor dos actos dúas referencias que coinciden no tempo: o Bicentenario da Provincia de Vilafranca do Bierzo e o próximo Día das Letras adicado ao autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. De aí que se evidencie no lema a unión histórica que O Bierzo e Valdeorras manteñen grazas á lingua.
As actividades didácticas do profesorado e alumnado tanto de Infantil e Primaria, como da ESO e Bacharelato, tamén da Escola de Idiomas, xirarán ao redor do lema das propias Xornadas. Trátase de iniciar unha experiencia singular como é a elaboración de microprogramas de radio que logo se emitirán nas emisoras profesionais da comarca dispostas a colaborar con este proxecto escolar. As emisiois destes microprogramas seguirán un calendario que principia o 9 de marzo e remata o 17 de maio.
As Xornadas contarán ademais cunha dobre presentación ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa coa que iniciaremos a mañá do 9 de marzo. A primeira estrea é a da serie documental recentemente gravada en terras bercianas Fálame sempre, de Umberto Corral Prieto, unha creación audiovisual financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia
A segunda está relacionada coa convocatoria dos Premios Morales para a promoción da Lingua Galega no Bierzo e Sanabria que procuran ser un apoio e á vez unha homenaxe á ensinanza da lingua galega nestas comarcas. Estes premios iniciativa anual do Grupo As Médulas conta co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León e o Consello Comarcal do Bierzo, aos que se suman outras entidades galegas e bercianas como a Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos e o Instituto Leonés de Cultura ademais dos concellos de Cacabelos, Corullón e Vilafranca.
Unha mesa redonda á que asistirán os docentes de galego, as autoridades educativas autonómicas da Junta de Castilla y León e da Xunta de Galicia e o Consello Comarcal, ademais dunha representación da Real Academia Galega e outros entes bercianos, analizará o desenvolvemento do programa de promoción do galego na comarca e debatirá de propostas de millora.