[DÍA DAS LETRAS GALEGAS] Festexemos ao poeta de Valdeorras, poeta das elásticas fronteiras
HÉCTOR M. SILVEIRO | Este 2022 é un ano ceibo de fronteiras grazas ás Tanxugueiras, ano de canto e de baile, e o galego debe estar contento, é pois, un bon ano para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, poeta ben alegre e festeiro. Somos conscientes da urxencia de poder realizar en terras bercianas unha celebración como a que enche Valdeorras hoxe. Iso non nos impide festexar este día grande como tamén noso, á vez de seguir reclamando á Academia para o Bierzo un Día das Letras Galegas. Florencio agocha múltiples simetrías coa nosa comarca, a pesar de ser descoñecido de muitos. Propiciar a difusión deste autor civil é un dos obxectivos destas datas literarias sinaladas.
A pesar de ser do XX, coma o berciano Enrique Gil descobre en Castela a saudade pola terra patria e comezará a escribir Meu Córgomo de Valdeorras. É un poeta ben próximo, veciño desta terra, nado en 1903 ás beiras do río Sil e o seu ouro, aos que cantou en galego oriental, como fixo mergullando no seu rico falar, o noso candidato para un futuro Día das Letras, Fernández Morales. É logo cantor popular e do noso polo idioma que compartimos como irmaos bercianos e valdeorreses, pola lingua que se festexa. De noso é, da comarca irmá, parte daquela provincia soñada no XIX que reunía ao Bierzo e Valdeorras como resposta conxunta a un clamor e a ese mundo do poeta soñador que fixaba por guieiro a terra.
Os vales das viñas, as adegas e o viño son paisaxes que partillamos, que agroman unha e outra vez nos seus versos como as cireixas do vrau ou as castañas nos magostos ou como os botelos e outros sabores do inverno. Un léxico feraz e vivo do oriente do galego de elásticas fronteiras que chega ata a Cabreira para cantar a muliñeira e que sobe río arriba como noutrora as anguías polo Burbia e nunha especie de romaría conxunta de letras, cantos e bailes nas que casen Don Godello e Dona Mencía con Godello, e gusten das empanadas de anguías e marmallas.
Deulle a este mundo tan noso de retortos castañeiros, vida á paisaxe da mao da vangarda hilozoista: Namoros e candeas… e a Santa Compaña dos Castiñeiros… Trobador e pobo, actualidade e tradición…
Confesa Florencio: Compuxen estes meus poemas, poemiñas e poemoides, que son apaixonados e carraxentos por seren fillos de circunstancias carraxentas e apaixonadas; serán de acordo co xuízo do leitor xustos ou inxustos, mais sempre sinceros.
Efectivamente activista e militante de corazón das liberdades, da república e do antifranquismo participou entusiasta no Cancioneiro da loita galega. Pero estas circunstancias carraxentas fixeron de Florencio un home do exilio en México, animador como Ramón González-Alegre, este vilafranquino que vive no exilio interior e promotor de proxectos literarios de encontro. Ambos atopáronse na revista Alba e foron editores e activistas literarios no galego agachado e esperanzado nun albor dun novo día como o que se plasmaba na revista Vieiros.
Foi Florencio, como é Mestre, un poeta inmenso, da memoria dos humildes e de combate polas libertades, retrato fiel dun reflexo gris e triste como o pasado a pesar de que nas cepeiras e nos bacelos maduran acios de estrelas.
Descobre finalmente aló en América a Galicia infinda, o seu libro máis plural e complexo:
Nosa Galicia é máis que toda a terra.
Galicia só limita coa Saudade,
Elástica fronteira
Que serve para o tempo e para o espacio
_ onde un galego está, atópase ela_,
Máis que ninguén atravesala pode
inda que leve nos papés: Poeta
Desde a morte de Franco soñou con volver a súa terra natal, rescribe as Cantarenas con Valdeorras da que non pode desprenderse e na que arela descansar. Un ano antes de morrer sorprendeunos co seu derradeiro libro O soño do guieiro, unha sorte de diálogo coa súa propia obra e de testamento literario cheo de preocupaciois sociolingüísiticas críticas:
O crego da aldea
do inferno a berrar
pra meterlle medo
ao pobre aldeán
FALA CASTELÁN.
En Córgomo, ben perto do Bierzo, repousan desde o ano 1987 as súas cinzas e no Barco xa se anuncian eventos na honra deste poeta, acheguémonos bercianos a celebrar con Valdeorras ao seu poeta.
- Héctor M. Silveiro, membro correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega