[CRÓNICA] Propostas de Fala Ceibe do Bierzo para o encontro ‘Medra a lingua’
O coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo aproveita o encontro Medra a lingua para presentar unhas propostas lingüísticas sobre a nosa bisbarra.
O primeiro, unha concreción terminolóxica. Referímonos a que defendemos a expresión galego estremeiro fronte ao galego exterior. Galego estremeiro por proximidade e veciñanza, e non galego exterior que amosa afastamento. Coidamos que hai unha comunidade lingüística galega peninsular única que abrangue tamén os territorios do Eonavia, O Bierzo e alta Seabra. No Bierzo falamos o idioma galego, non habendo debate dialectal como no Eonavia. Por iso rexeitamos termos como galegoberciano ou galegoleonés que só defenden o leonesismo cultural e político. Queda clarexo que desbotamos o confusionismo terminolóxico que só provoca divisionismo.
Pretendemos reforzar a presenza do galego estremeiro nas leis de Galiza, caso da Lei de normaslización lingüística. O obxectivo é acadar maior protección xurídica para as minorías lingüísticas dos tres territorios estremeiro. Falta un protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Consello comarcal berciano para poner en funcionamento o servizo lingüístico que fomente o galego nas instituciois locais.
A nivel político pedimos que nos debates lingüísticos estea presente a problemática do galego estremeiro. Así debería acontecer no Parlamento Galego e Cortes Xerais. Agardemos que, cando se reforme o Estatuto de Autonomía de Castela e León, poidamos contar co apoio necesario para demandar a oficialidade do galego do Bierzo, expreso no seu articulado. Incluso demandamos a defesa direta do galego fronte aos partidos leonesistas que negan a presenza do idioma galego no Bierzo.
As páxinas dixitais de instituciois asociaciois culturais, partidos, etc de Galiza deberían ter menciois á problemática do galego estremeiro. Incluso a cartografía de Galiza a nivel cultural ten que evitar cercenar os territorios estremeiros galegofalantes.
Hai un protocolo para o ensino do galego no Bierzo e Seabra. Queremos que se recoñeza nel a obriga de ofertar a materia de galego nos centros escolares do Bierzo occidental. Hoxe hai colexios que non ofertan galego pola oposición do seu profesorado, casos de Fabeiro, A Veiga de Valcarce, Quilous, A Veiga de Espìñareda e Carracedelo.
As instituciois culturais de Galiza, exemplos da RAG, ILG, Consello Cultura Galega, etc deberían ter entre os seus obxectivos estudar e dar a coñecer a presenza do galego nas bisbarras estremeiras (xornadas, investigaciois, publicaciois, etc). Incluso instamos a que haxa unha colaboración cultural cos concellos bercianos e mailo Instituto de Estudos Bercianos.
Os diversos materiais dixitais, pedagóxicoos e bibliográficos en galego deberían chegar ás bibliotecas municipais e centros escolares do Bierzo. Este labor debería ser comandado pola Consellerías de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.
Os medios de comunicación, tradicionais ou dixitais, teñen que dar máis información da problemática lingüística das bisbarras estremeiras comarcas. A información periódica destas facilita a sensibilidade social cara a nós. Sen visibilidade dixital temos existencia parcial que conduce á irrelevancia. Neste senso hai que reforzar a nosa presenza informativa na RTVGalega.
Para os ditos territorios estremeiros é fundamental estreitar os vincallos coa Galiza. A nivel turístico pódese facer moito máis. Achegamos iniciativas no fomento común das zonas naturais (Os Ancares, Courel e Enciña da Lastra). Outro tanto se pode facer cos roteiros (Camiños de Santiago, de Inverno, gran senda do Sil, etc), explotaciois auríferas (As Médulas, Montefurado…), mosteiros (tebaida berciana e Ribeira Sacra), etc. No traballo promocional conxunto cómpre a sinalización en galego, elaboración de folletos, presenza en feiras, internet, etc.
O Bierzo, xuño de 2022.
www.obierzoceibe.blogspot.com