[TRIBUNA] As miradas galegas do Bierzo
JAVIER LAGO MESTRE | A celebración do Día da Patria Galega é a desculpa para pescudar nas relaciois históricas entre Galiza e O Bierzo. Neste caso fixámonos nas miradas galegas desta bisbarra estremeira en parte dos séculos XIX e XX. Velaí contidos relacionados coas problemáticas culturais, lingüísticas e territoriais.
No século XIX todos ben coñecían as semellanzas entre Galiza e O Bierzo. A paisaxe, os costumes, o idioma tradicional, etc. eran características compartidas por ámbolos dous territorios apesar dos lindeiros administrativos que nos afastan. Así, nun artigo de F. Fabre, titulado como Región Galaica, lemos que es fácil conocer que esta región galaica comprende la mayor parte de Galicia, el distrito conocido con el nombre del Vierzo (Semanario Pintoresco español, 1840).
O rexionalismo galego forxou a súa ideloxía cun contino debate. Manuel Murguía estuda a historia do vello reino galego. Fixa o lindeiro, nos separan más duramente del resto de la Península las ásperas alturas del Manzanal. E inclúe expresamente ao Bierzo na Galiza (Libro Historia de Galicia, 1865). Máis tarde, nos Xogos florais de Tui hai un chamamento concreto á participación dos escritores foráneos, ós discretos trovadores e honorables esquirtores de Galicia, do Bierzo e das outras vellas comarcas onde se fala ou é coñecida a nosa léngoa (1891).
Do Rexurdimento galego tamén participou O Bierzo da man do escritor A. Fernández y Morales. En 1861 escribiu Ensayos poéticos en dialecto berciano. Neles recolle textos tradicionais en galego, nun bo labor etnográfico. Para el os habitantes falaban un subdialecto galego, por mor dunhas seculares relaciois históricas que resumía co dito, Galicia tira para si, pero Castilla no la suelta.
Os estudos xeográficos salientaron as semellanzas entre Galiza e O Bierzo. Ricardo Macías Picavea propuxo unha división rexional que incluía O Bierzo na Galiza (1895). Mentres que Lucas Mallada determinou 15 distritos rexionais con 40 provincias, de novo a provincia de Ponferrada queda na Galiza (1881). E mailo xeógrafo Dantín Cereceda anexa O Bierzo e Sanabria na rexión galega (1922).
Nos debates polo recoñecemento do dereito foral galego fronte ao uniformismo castelán, O Bierzo estivo presente. O dereito civil galego non era extraño nesta bisbarra (montes de man común, compaña, concellos, foros enfitéuticos…). Os xornais de Galicia lembraron os foros de Vilafranca e mailos foreiros do mosteiro de santo Andrés de Espiñareda. Pola banda contraria, o xornal católico, Diario de León, defendeu claramente o uniformismo do dereito civil español (1886).
O investigador Ramón Alvarez de la Braña procura o monte Medulio, símbolo da resistencia galaica fronte a Roma, o cal localiza no Bierzo. Ademais de fixar os lindeiros da Galiza no porto do Manzanal, para rematar coa teima de que todo manifiesta que El Bierzo no debió incluirse en la provincia de León y si en las de Orense y Lugo (1894). Incluso o pedagogo Francisco Giner de los Ríos, recoñece o grave prexuízo político cometido co Bierzo, la afinidad con Galicia, que debe conceptuarse error el decreto administrativo, por cuya virtud se halla incorporada a la provincia de León (1884).
Mudamos de século para lembrar aos defensores das Irmandades da Fala. Xoán Vicente Viqueira, desde as páxinas de A Nosa Terra, di ¡lembremonos! De Navia para acó fálase galego, os que moran naquelas terras son galegos. ¡E grande parte do Bierzo é tamén noso!(1917). Outro tanto acontece con Ramón Otero Pedrayo que tamén salienta a presenza do galego no Bierzo, el gallego se habla en la mitad occidental del Bierzo, hasta cerca de Ponferrada (…),estuvo desde sus orígenes históricos ligado a los destinos de Galicia (Guía de Galicia, 1926).
Os problemas territoriais da Galiza son debatidos con renovado pulo. No xornal El Eco de Santiago fálase da formación dunha mancomunidade territorial, la dificultad de fijar desde arriba los límites geográficos de la región, indeterminados en Galicia, que unas veces abarca El Vierzo y otros se determina el Duero, se subsana con el fecundo principio de la Mancomunidad (1916). Máis tarde, a Deputación da Coruña establece unha ponencia que debate sobre a mancomunidade galega. No seu seo denúnciase a segregación territorial galega, que los partidos de Villafranca y Ponferrada que desde remotos tiempos formaron parte de este antigua reino (La Provincia, 1924). Mais a ditadura de Primo de Rivera pasou da descentralización.
O galeguismo político afrontou a problemática territorial ante a reforma estatutaria. Alexandre Bòveda achega ao debate lingüístico, nas Asturias oucidentás de fala galega, ou no Bierzo leonés, tamén case totalmente de fala galega. Máis contundente foi Afonso Castelao cando escribe, con todo é doado esperar que O Bierzo e demais comarcas limítrofes de Ourense e Lugo, se incorporen ao seo da súa nación natural, e que o tempo –gran curandeiro dos erros históricos- posibilite a reconstrucción total da nosa unidade (Sempre en Galiza). No Estatuto galego de 1931 quedou recollida a anexión territorial no seu artigo 2.
Que o novo Día da Patria Galega sirva para recoñecer aos que compartimos galeguidade desde lonxe. Referímonos á Galiza exterior (emigración) e á Galiza estremeira das tres bisbarras de Eonavia, O Bierzo e A Seabra. Porque está en xogo a nosa galeguidade futura, cultural, lingüística e territorial, ante tanto colonialismo castelán acotío. Galiza ten unha grande responsabilidade política co futuro dos seus irmaos estremeiros.
- Javier Lago Mestre, autor do libro El Bierzo provincial (2021).