[CRÓNICA] 250 anos de frei Martín Sarmiento
JAVIER LAGO MESTRE | Recordamos neste 2022 o 250 aniversario do pasamento de frei Martín Sarmiento. Este bieito naceu en Vilafranca do Bierzo en 1695, ainda que alguén descute esa orixe berciana. O ben certo son os seus vincallos coa nosa terra estremeira. Foi un erudito do seu tempo que estivo interesado por numerosos temas. Así salientou na pedagoxía, filoloxía, etnografía, relixión, dereito, etc. Nese senso foi un fillo da súa época ilustrada, cunha profunda pescuda no coñecemento académico variado. E cabe pensar que non foi máis aló no seu pensamento progresista polos atrancos ideolóxicos da súa relixión.
Eiquí soamente queremos resaltar algunas ideas en materia pedagóxica. Manifestouse en contra da excesiva memorización no ensino, “de mi systema general para la educación de los niños, a los quales liberto de estudiar algo de memoria y a la letra; y que se les castigue por delito de literatura (…)” (libro La educación de la juventud). Por supuesto el sistema pedagógico de la época practicaba los castigos corporales y mentales, ante os cais sempre foi contrario.
Defendeu o ensino da lingua galega como un instrumento educativo máis. Prestixiou a fala popular fronte aos que a atacaban por vulgar. Velaí o seu interese por recompilar palabras en galego nun dicionario inacabado. Para saber desas verbas galegas fixo varias viaxes, tamén polo Bierzo. Os mosteiros bercianos foron visitados polo Sarmiento para pescudar nos seus arquivos antigos (cartularios, tumbos…), e atopar o seu rico léxico medieval. Amosou un interese especial polo Bierzo, como territorio galegofalante, “pasando yo por el lugar de Puente Domingo Flórez, que está en la raya de El Bierzo y de Galicia”. Até tal punto que os seus traballos filolóxicos sempre remataban territorialmente nos portos de Foncebadón e Manzanal.
O Bierzo recorda tódolos anos a frei Martín Sarmiento no noso día da lingua galega, o 9 de marzo. Data que corresponde co seu nacemento. Nese día os actos culturais céntranse nas actividades para o alunado que estudan galego en numerosos centros escolares bercianos. Agora ben, aproveitando este aniversario tan salientable habería que cavilar nalgo máis. Queremos dicir que ao proprio Sarmiento ben que lle gustaría dar un paso adiante coa promoción da lingua galega no século XXI.
Aproveitamos este 2022 para facer unha proposta novidosa. Trátase de celebrar unha xornada pola lingua galega, na que nos xuntemos todos os que nos sentimos vencellamos por ela. Preténdese que moita xente opine públicamente sobre o galego do Bierzo desde distintos pontos de vista. Un sábado en Vilafranca, como non!, podemos facer un chamamento para quedar e falar ceibes.
Os convidados serían os filólogos que estudan o dialectismo berciano, os etnógrafos que recollen tantas tradiciois populares, os mestres que ensinan esta fermosa lingua, e mailos políticos que deberían permitir máis o uso institucional do idioma, aínda non oficial, en consello comarcal, concellos e pedanías. Tamén estaría ben saber cómo outras linguas minorizadas interactúan coas grandes linguas na Europa. Estamos arrodeados de tecnoloxía, xa vai sendo hora de debater sobre o uso dixital da nosa lingua. Os literatos poderían reflexionar sobre as desvantaxes de escribir en galego. Algo semellante acontece cos xornalistas bercianos. E mellor estaría dar a palabra a calquera falante anónimo que contase as súas experiencias persoais co idioma asoballado.
Para organizar esta peculiar xornada de Vilafranca non hai necesidade de facermos papelaxe burocrática para pedir unha subvención pública. Fagamos entre todos un esforzó por asistir e poñer moito altruismo colectivo. Por suposto, máis importante é unha boa programación, con variedade de intervenciois breves, nada de conferencias que teñen o seu amplo espazo na internet. Ao final da xornada non poden faltar unhas conclusiois que deberían divulgarse o máis posible entre a poboación.
Se a xornada resulta positiva, nada mellor que repetila para vindeiros anos. Vilafranca debería aproveitar máis este tipo de actividades culturais, en galego, para atraer visitantes da Galiza que tanto gostan do Bierzo. Este tipo de intervenciois teñen un claro interese rexional, con claro atractivo para os dous territorios vecinos.
O Bierzo, xullo de 2022.