[AS CEN VILAFRANCAS / 11] A morte dun sabio filólogo que reparou no Bierzo, Elixio Rivas Quintas
HÉCTOR M. SILVEIRO | Acaba de falecer o pasado 24 de setembro aos 97 anos de idade o irmao Paúl Elixio Rivas Quintas. O paso da Congregación dos Padres Paúis pola vila onde conflúen o Burbia e o Valcarce deixou sen lugar a dúbidas unha pegada imborrable. Foron pouco máis dun século (de 1899 ata o 2010 exactamente 111 anos) que non pretendemos resumila nin tan sequera ousamos pensar que sexamos capaces de condensala certeiramente nunha soa das nosas Cen Vilafrancas. Un cento de anos deron para tanto porque polo convento pasaron personalidades como a que hoxe quixeramos lembrar. Trátase dun eminente filólogo especialista en toponimia, onomástica e lexicografía, alguén que nos recorda tanto a outro sabio das Letras como foi o noso ilustrado Martín Sarmiento. Tentaremos logo facer un breve e sentido repaso polo modus opperandi que ambos (salvando as distancias) fixaron como meta das súas singulares vidas, unha humilde homenaxe ao mestre que nos acaba de deixar.
Ambos eran de afable trato e preguntois, porque amaron enormemente a lingua que mamaron un na nosa localidade, como seguro saben, en 1695, Elixio Rivas no ano 1925, no Fondo da vila Abeleda na Xunqueira de Ambía, non mui lonxe, na provincia irmá de Ourense. Ambos interesáronse pola educación da mocidade e a etnografía, eran coleccionistas. Elixio deixounos un Museo dos Devanceiros nos Milagres de Baños de Molgas, lugar onde hoxe luns 26 de setembro será soterrado.
Os dous eran tan bos camiñantes como curiosos viaxeiros e infatigables á hora de escribir e pasar a limpo as súas anotaciois fruito de fluídas conversas con labregos e pastores e documentación meticulosa nas bibliotecas visitadas. A súa voluminosa produción tamén os equipara, aínda que Sarmiento como é coñecido preferiu por imperativos da época na que viviu evitar publicar, cousa que pola contra, Don Elixio, como fillo do seu século procurou facer editando con gran empeño por poñer un caso unha colección do Léxico rural do Noroeste, con máis dunha vintena de títulos, da que estamos seguros deixou no tinteiro algunha cousiña para quen teña a ben realizar unha edición póstuma do autor. Nesta colección atopamos a cada pouco referencias ao Bierzo.
Lamentamos que foran poucas as ocasiois nas que compartimos charla con el porque os trafegos da vida non nos permitiron coincidir máis e porque nos últimos anos da vida de Elixio a súa idade impedíalle dispoñer do seu corpo para desprazarse con comodidade, por exemplo á presentación do seu libro titulado Unha cala no Bierzo Occidental (Corullón) ao que o invitamos naturalmente no ano 2019. Este traballo escrito a finais dos 80 que el mesmo nos entregou xenerosamente despois de retocalo convenientemente ao saber que tiñamos intención de editalo, cuando xa non tiña esperanzas de velo publicado. Fumos quen de agasallar como agradecemento sincero deste xeito polos seus esforzos por reivindicar esa vida do rural que se esvaece e afortalar o galego que usamos no Bierzo coas súas peculiaridades dialectais e riqueza léxica. Escolleu Corullón porque os Paúis facían misas en todas as aldeas desta localidade: Cadafresnas, Dragonte, Ornixa (sen h- como el xustifica neste libro) Viariz e Vilagroi, ademais de Moral de Valcarce pertencente ao concello de Trabadelo.
Topónimos, singularidades gramaticais, algo de historia, muita etnografía e, como non, un gran cariño polas xentes coas que tratou e ata unhas poucas fotografías que conservaba. Entregounos todo aquilo para que fixeramos o que quixésemos. Era así de xeneroso e espléndido. Coa mesma disposición doara ao Museo Municipal de Marín os volumes mecanografados e autógrafos da súa magnífica e loada tese doutoral sobre a Toponimia de Marín (o primeiro estudo toponímico que se facía sobre unha localidade galega) e do que xa editara a Universidade de Santiago de Compostela un resumo de 400 páxinas.
Volvendo á equiparación dos dous frades dous seguramente estarían contrariados desta honra póstuma que facemos, de poder queixarse pois eran ambos humildes e pouco amigos de louvanzas e adulaciois. Mais é sentida a nosa admiración e agarimo por estas dúas personalidades que tanto traballaron pola recuperación do noso patrimonio inmaterial e ás que tanto debemos. No mesmo ano do 250 aniversario da morte do primeiro, o ilustrado bieito vilafranquino, acaba de deixarnos para sempre o sabio paúl ourensán. Permanecerá a memoria do seu legado entre nós.
- Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.