[TRIBUNA] A persecución lingüística franquista
JAVIER LAGO MESTRE | Vén de publicarse a Lei de Memoria democrática que pretende a restauración da dignidade dos represariados polo franquismo. Nestas liñas queremos salientar un aspecto concreto desta Lei moi novidoso, o que incide na persecución das linguas rexionais. No dito texto fálase das víctimas protexidas, entre elas xorden as persoas e tamén os grupos sociais. Concretamente, as persoas represariadas ou perseguidas polo uso ou difusión su lingua propia (art. 3.1.j).
Pola outra banda, hai unha mención tamén ás comunidades lingüísticas, consideraranse victimas as comunidades, as linguas e as culturasvasca, catalá e galega, nos seus eidos lingüísticos, cuxos falantes foron perseguidos por facer uso destas (art.3.6). Posteriormente, amplíanse as culturas a protexer, recoñecese a política de persecución e represión contra as linguas, as culturas catalana, galega, vasca, aragonesa, ocitana e asturiana perpetradas polo réxime dictatorial franquista durante o período de guerra, así como nas décadas posteriores de dictadura (art. 4.4).
No caso da lingua galega, abrangue as comunidades periféricas do Eonavia, O Bierzo e As Portelas de Seabra. Lembremos que para O Bierzo, o propio Estatuto de autonomía de Castela e León xa recoñece expresamente o idioma galego, gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice (art. 5.3). Igualmente, na Lei de creación da Comarca do Bierzo xorde ese recoñecemento expreso do idioma galego. Velaí que na dita Lei da Memoria democrática non hai unha referencia directa ao leonés.
Outro artigo da Lei de Memoria democrática refírese ás consecuencias da persecución idiomática franquista na sociolingüística de hoxe, avalidación exhaustiva e profunda da represión e persecución cultural e lingüística do franquismo, así como dos efeitos sobre a realidade sociolingüística do Estado, cuxos contidos e conclusiois serán divulgados através de acciois específicas (art.48.4).
No Bierzo do período franquista houbo medo a usar o galego. Lembremos que había unha lexislación estatal que perseguía o seu uso público, baixo penas de multas. Na veciña Galiza houbo numerosos exemplos desas multas polo uso social do idioma galego. Segundo as autoridades as sanciois se basearon en causas políticas e separatistas. Neste senso, circularon polas cidades galegas panfletos ameazantes, Hable bien, sea Patriota, no sea bárbaro, Arriba España.
Por suposto, o galego foi usado nos eidos privado, familiar, veciñal, fregués, rural, feiral, etc. Mais quedou fóra dos ámbitos públicos, concellos, igrexa, escola, etc. controlados polos poderes políticos. Foron moitos os que sufriron nas escolas franquistas a represión por falar en galego, ou deixar escapar unha palabra, verbo, expresión ou dito no idioma proscrito. Os mestres sempre dicían que nos corrixían para falar un bo castelán e poder medrar profesionalmente. A aberrante situación chegou até tal punto que se podía aprender un idioma estranxeiro, caso do francés, mentres que desbotaban da escola o galego tradicional do Bierzo.
A castelanización acelerouse co novo pulo político franquista, rachando co recoñecemento da pluralidade lingüística anterior coa República. A toponimia berciana continuou castelanizándose paseniño, cos nomes de concellos, barrios, de persoas, etc. Incluso a microtoponimia (vales, regueiros, pagos, montañas…) tamén quedou ameazada através dos censos fiscais, catastros, protocolos notaríais, nomenclátor, etc. Moi lonxe xa quedaba a toponimia galega dos tumbos monásticos de Carracedo, santo Andrés de Espiñareda e san Pedro de Montes, ou dos arquivos dos concellos rurais.
Ignorar o idioma galego do Bierzo polo poder político, durante o franquismo, non deixa de ser unha forma de represión. Lingua tradicional que tivo unha continuidade interxeracional, só esgazada pola emigración económica da segunda metade do século XX. Consecuencia da persecución cultural e política, o galego só se mantivo oralmente, con escasa representación escrita. Algúns intelectuais da época amosaron o seu interese polo galego. Lembremos aos bercianos Valentín García Yebra (1945), Gilberto Núñez Ursinos, Antonio Pereira, etc. O recoñecemento lingüístico foráneo polo noso galego estivo presente con Luís Carretero (1952), Dámaso Alonso (1945), Camilo José Cela (1962), Álvaro Ruibal (1970), etc.
Dese longo período político e cultural tan negativo sufrimos hoxe as consecuencias. Varias xeraciois sociais actuais fachendean desa mentalidade uniformizadora e monolingüe que desprestixia as linguas minorizadas do Estado, caso do galego do Bierzo. De tódolos xeitos, estamos a avanzar, porque cada día asúmese máis que tamén falamos galego. Atrás restan eses preconceitos prexuizosos de chapurreao, dialecto berciano ou fala galegoleonesa. Resulta importante esta clarificación terminolóxica para ter claro o que somos e que falamos o idioma galego coma na Galiza.
O Bierzo, outubro de 2022.