[AS CEN VILAFRANCAS /12] Aniversario da morte de Martín Sarmiento: Concluida a polémica do seu lugar de nacemento
HÉCTOR SILVEIRO | Cuando se celebraron os 300 anos do seu nacemento en Vilafranca, na súa vila natal houbo varios actos que o honraron, aínda que non foron o propio 9 de marzo, data que habitualmente dedicamos a súa memoria. O 7 de decembro cuando fai os 250 da súa morte, estamos seguros (e gustaríanos equivocarnos) que en Madrid, a capital de España onde morreu aos 77 anos de idade, nada nin ninguén lembrará a Martín Sarmiento. Pola contra en Galicia e no Bierzo o seu recordo segue vivo. Coincidindo con esta efeméride, o Instituto de Estudos Galegos que leva o seu nome e o Consello da Cultura Galega clausuraron xa dous eventos singulares: unha serie de charlas e unha exposición, o primeiro, e un simposio que inclúe unha nova edición dunha das súas obras, o segundo. Ademais na comarca berciana, Sarmiento como cada mes de marzo, inaugurará a primavera cultural pois eiquí ese 9 de marzo no que naceu, celebraremos de novo o Día do Galego no Bierzo. A modo de prólogo invernal do que ha vir, falaremos hoxe dalgúas curiosidades e anécdotas dos últimos días da súa vida á vez de lamentar logo que sexa imposible deixarlle unhas flores na súa tumba debido ao extravío dos seus ósos, as cinzas tristemente perdidas dun dos maiores sabios do denominado século das luces da España do XVIII. Unha mala fortuna, unha especie de maldición que parece perseguir a distintas personalidades nadas en Vilafranca.
Pedro Joseph García Balboa ingresaba co nome de Martín Sarmiento en 1710 con 15 anos no convento de San Martín de Madrid onde pasará a meirande parte da súa vida, cuatro longos decenios case sen moverse daquela cela que abandonaría en contadas e afortunadas ocasiois como el deixou documentado meticulosamente. A súa fortaleza física permitiulle estar moi activo intelectualmente ata unha idade avanzada: No tengo achaque alguno, sino el que voy caminando para el año 64 de mi edad, ocupados los cincuenta en leer, estudiar y escribir aseguraba chanceándose da súa boa saúde á altura do ano 1759. Pero no seu “ano 13”, como chamaba en chiste ao seu 75 aniversario, el mesmo, nas cartas ao seu amigo o Duque de Medina Sidonia confesa: Ya no estoy yo para escribir, leer ni censurar, estoy totalmente impedido con 75 años y medio á cuestas y con una visible decadencia de mis sentidos; ya he perdido mi antigua forma de letra. Corría o ano 1770. Os que o atenderon no día da súa morte destacan que morreu de enfermedad natural de vejez y caducidad a que había dado principio tres años antes, sin que se hubiese sujetado a médicos ni boticarios.
A morte do frade aconteceu na corte madrileña o 7 de decembro de 1772 e, como se pode comprobar, non pasou desapercibida para os seus contemporáneos. As exequias foron solemnes e foi soterrado na Capela de Santo Cristo do convento de San Martín ao día seguinte. Na prensa española do século XVIII El Mercurio Histórico y Político y La Gaceta de Madrid gabaron a súa figura afirmando entre outros eloxios que era amado en toda la monarquía, como verdadero sabio, y filósofo cristiano, honra de su siglo. Colocouse entón unha lápida sepulcral obra do escultor noiés, colaborador e amigo de Sarmiento, Felipe de Castro ao que cabe engadir a realización (talvez coa idea de erguer unha escultura mortuoria) un busto sufragado por outro leal amigo, o Duque de Medina Sidonia.
Este bo e íntimo amigo da nobreza propiciou tamén a publicación laudatoria que realizou o mosteiro beneditino de San Martín coas Oraciones fúnebres, libro que recolle 32 composiciois elexíacas en distintos idiomas na honra do erudito padre bieito e que veu a luz o 7 de febreiro de 1773, dous meses despois do seu pasamento nun acto moi ostentoso e solemne na propia capela onde repousaba xa o seu corpo. Podemos dicir que o trato dispensado tanto pola corte de Carlos III como dos poderosos amigos e coñecidos permitiu unha meticulosa catalogación dos seus escritos garantindo o seu legado para o futuro e a pesar da inminente dispersión da súa voluminosa biblioteca.
No tomo V do libro de Viaxes por España de Antonio Ponz na súa visita ao convento de San Martín en 1776 recoñece que esta lápida sepulcral (de Martín Sarmiento) puesta en el suelo, sirviendo de pavimento, apenas se podrá leer dentro de pocos años,…ademais de recordar que D. Felipe de Castro ha hecho el busto de este famoso literato; pero no se ha puesto en parage público. Mais a cousa tomou aínda peor cariz poucos anos despois. A lamentable peripecia do monumento funerario e das súas cinzas é, sen dúbida, resultado da falta de atención que recibiu por parte das autoridades nos convulsos anos da segunda década do século XIX.
Tras da invasión da francesada, no reinado de rei invasor José I vaise ordenar a demolición da igrexa de San Martín para ampliar a praza madrileña que hoxe segue chamándose de San Martín. A execución do derribo chega á capela do Santo Cristo en 1812. Segundo conta Filgueira Valverde prodúcese a exhumación dos restos de Sarmiento en 1813, pasando de seguido ás bóvedas das Casas Consistoriales coa intención de que fosen instalados con posterioridade no cemiterio do distrito da parroquia e namentres non se acababa de habilitar un panteón, deposítanse na bóveda da Igrexa,…onde parece ser que se perde o seu rastro. Esa é a última noticia certeira que se puido atopar polo de agora ao igual que a referencia á lápida que se atopaba na Casa da Obrería aquel mesmo día, o 24 de novembro de 1813. O resultado é que a día de hoxe, cinzas e lápida, están en paradoiro descoñecido, non sabemos se baixo o asfalto madrileño da mesma Praza de San Martín ou da que hoxe coñecemos como Casa das Alhajas (que se ergueu posteriormente no lugar onde estaba o convento) ou ben chegaron a ser trasladados finalmente ao cemiterio do distrito da parroquia como se pensaba facer segundo a documentación antedita.
Cuando se celebraron en 1995 os 300 anos do nacemento de Sarmiento, Filgueira Valverde estimulou varias actuaciois de recuperación do legado de Sarmiento, entre elas a que facía referencia á busca dos seus restos mortais nos que se chegou a implicar tanto o coñecido cardeal Suquía como o propio Goberno municipal de Madrid por iniciativa do daquela Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.
O curioso desleixo co que tratou a Historia ao noso conveciño ilustre facendo desaparecer tanto a partida de nacemento no libro de bautismos parroquial da Colexiata de Vilafranca como os seus restos óseos son algo do que non podemos máis que lamentarnos.
Precisamente aquel día do óbito, 7 de decembro de 1772, comezou para alguis prestixiosos estudosos da vida e da obra de Sarmiento, como o cacabelense Santos Puerto, a dilatada polémica sobre o lugar do seu nacemento xa que Frei Anselmo Avalle introduciu na súa disertación laudatoria aquela afirmación categórica de que Martín Sarmiento nacera en Vilafranca. Desde hai non muito tempo, esta controversia parece darse por pechada grazas a Ferro Ruibal que deu a coñecer en 2018 o documento de ingreso no convento de San Martín escrito de puño e letra do asinante que tiña daquela, como xa dixemos 15 anos, o 20 de maio de 1710 : «Ego Martinus Garcia â Sarmiento, ex Villafranca Dioecesis Astorga accepi sanctissimum habitum Sancti P[atris] N[ostri] Benedicti in hoc Monasteiro Sancti Martini Matritensis Ordinis eiusdem Sanctissimi Patris â R[everendissi]mo Patre Magistro fratre Joanne Bap[tista] Lardito ipsius Monasterii Abate. Anno Domini millessimo septingentesimo decimo die vigesima Martis hora decima. Frater Martinus Garcia a Sarmien[to]».
Non obstante unha persoa como Sarmiento, un sabio humilde coma el, seguro que non querería pompas fúnebres ostentosas e viviría alleo a debates pouco substanciosos, pero si desexaría ser recordado polos seus escritos, pola súa monumental obra, á que lle dedicou tanto tempo e entrega. Tan inmensa é que aínda segue en parte inédita, xa non digamos pendente de estudo e difusión. Existen neste sentido iniciativas loables como a do Proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Galega que presenta neste ano a súa edición dos 660 plegos á vez que son constantes as referencias aos seus traballos considerados ben vangarda, ben modélicos para os que se están a desenvolver no presente, 250 anos despois do seu falecemento. Novas empresas e investigaciois relevantes e á vez curiosas como, por exemplo, a da recuperación de especies animais que se está a realizar con éxito a día de hoxe co lince ibérico na nosa península. Outro caso sería o monumental traballo de xeolocalización da toponimia do Noroeste que leva o nome de Galicia Nomeada. A pesar de ser transcendental o seu aporte, hai facetas del descoñecidas ou escasamente divulgadas. Segue, en certos aspectos, sendo un descoñecido, mesmo para especialistas e estudosos destacados, cousa que non nos deixa de sorprender.
A celebración do tricentenario do seu nacemento, e logo en 2002 ao dedicarlle o Día das Letras Galegas provocou unha actualización e unha divulgación notable da súa obra, mais a súa grandeza é tal que aínda resta por abordar en condiciois traballos e proxectos que o noso ilustrado galego-berciano pensou e deseñou se non de xeito absoluto, conformando un bosquexo inicial de interese a modo de punto de partida. Non poderiamos reiterar un por un (é imposible neste espazo) a copiosa e enorme listaxe de temas e facetas que abordou en vida. Pero si desexamos nomear algún de fondura especial como é o traballo lexicográfico co que engade un total de 9000 palabras da súa lingua, aquela que escuitara por vez primeira na boca da súa mai, Clara Balboa, natural de Samos e casada en Vilafranca, á beira do Burbia. Un conxunto de palabras que estudou e restaurou para enriquecer o futuro dicionario de termos que anos despois da súa morte vería a luz, sempre fruito dos desvelos dos que seguiron o modelo e o camiño que Sarmiento iniciara. El foi, sen dúbida, o primeiro en iniciar unha recolleita do léxico e da toponimia bercianos, propósito que dalgún xeito comprometémonos a continuar e enriquecer conscientes de que é un monumento marabilloso do que el colocara antes de morrer a primeira pedra. Máis importante logo son estas herdanzas que conservamos que os seus ósos que parece perdemos para sempre entre as ruínas daquela cela na que vivira tanto tempo recluído daquel convento madrileño derruído onde talvez aínda repousan ignoradas. Mais Sarmiento defunctus adhuc loquitur.
- Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Real Academia Galega.